Hai uns días, desde os ciclos de Integración social e Educación infantil, tivemos a oportunidade de conversar con Natalia Gómez Bayón arredor das familias acolledoras, como nai de acollida que é. Ao tempo, visibilizounos que o acollemento segue a ser un asunto pendente e urxente. Falounos tamén do labor da Asociación de familias acolledoras de Galicia (Acougo), que enlazando vidas, acompaña todo o proceso, con programas de apoio a crianzas e adolescentes (encontros entre irmás e irmáns, ocio positivo entre iguais, apoio educativo, fins de semana de respiro, campamento de verán…), programas de apoio ás familias e programas de difusión e sensibilización arredor da necesidade de priorizar o acollemento fronte outras medidas, espallando a cultura do acollemento. Respondeu a innumerábeis preguntas e achegounos a súa experiencia ao respecto das circunstancias que xiran arredor do acollemento: emocións, decisións, necesidades a cubrir, despedidas, reencontros, continuidade, rupturas, posibilidades… Deixounos claro que hai que reivindicar a acollida fronte ao internamento nos centros, nos que se esvaece a posibilidade de medrar sentíndose parte dunha familia, pois como sentirse parte da sociedade sen antes ser parte da túa familia? A clave? Ter claro que hai que moverse no círculo da influencia, o que podemos facer, e non no da preocupación, o que non está nas nosas mans. En realidade, as aprendizaxes que Natalia nos achegou son para a vida, non só para o acollemento. Son precisas máis nais e pais de acollida en Galicia e a través de Acougo hai programas que exploran as posibilidades de acollida: ao longo do curso, en fins de semana, acollida temporal ou tamén, permanente se fose o caso. É posible tamén participar da cultura do acollemento formando parte do voluntariado de Acougo, por se te animas! Moitas grazas, Natalia, por abrirnos a porta á acollida e convidarnos a reflexionar arredor do que significa acoller!
|
|||