O 10 DE MAIO ÁS 15 HORAS REMATA O PRAZO PARA SOLICITAR AS BOLSAS DO MEC. TES TODA A INFORMACIÓN NO SEGUINTE ENLACE.
|
|||
O venres 19 de abril acudiron á Alameda Castelao de Redondela as 170 alumnas e alumnos do IES de Chapela que superaron o reto de falar exclusivamente en galego durante Unha Semaniña Enteira. Asistiron ao concerto de Brais Morán & Nasaufunk xunto co alumnado que participou na campaña nos IES Mendiño e IES Pedro Floriani. Agradecemos ao Concello de Redondela a excelente organización deste concerto, premio merecido para as comunidades educativas destes tres IES de Redondela que coa súa acción contribuíron a cargar de futuro a nosa lingua. Máis fotos aquí.
|
|||
Xa están convocadas as probas libres para a obtención de títulos de FP do curso 2023-24. Como novidade, nesta convocatoria ofértanse por primerira vez probas do título LOXSE do Ciclo Superior de Dietética. Podedes ver abaixo o calendario de admisión: Así mesmo, podedes consultar máis información aquí. O calendario de realización das probas, así como as programacións dos módulos, subiranse nas próximas semanas no apartado de probas libres da nosa web.
|
|||
O IES de Chapela sumouse hoxe, 12 de abril, ás concentracións convocadas no ensino co lema “Paremos o masacre en Palestina”. Xunto con outros moitos centros, hoxe alumnado, profesorado e persoal non docente do IES de Chapela alzamos a nosa voz para denunciar o xenocidio do pobo palestino e esixir o cese da violencia. No acto limos o manifesto conxunto subscrito polos centros que apoiamos a iniciativa e un poema sobre Palestina de Luísa Villalta (autora homenaxeada este ano polas Letras Galegas). Paz e xustiza para Palestina! Podedes ver o vídeo do acto de diúrno aquí.
|
|||||||
O 11 de abril o alumnado de 4º da ESO participou na terceira edición da Mostra de Educación e Formación “FormaMos". A saída está encadrada dentro dos obxectivos do Plan de Orientación Académica e Profesional do centro onde, a través de diferentes obradoiros e exposicións, se brindou a posibilidade de informarse sobre as saídas formativas e laborais para o seu futuro. A mostra ofrecía un total de 80 expositores entre universidades, centros de Formación Profesional, centros de ensinanzas especiais, corpos e forzas de seguridade e protección cidadá, academias de idiomas ou asociacións e entidades de voluntariado. Resultou de grato interés e divertímonos moito.
|
|||||
O martes 9 de abril achegáronse até o IES Andrea e Ariane, ambas as dúas, grandes coñecedoras e divulgadoras da pedagoxía Waldorf. Xa tiveramos a sorte, hai uns meses atrás, de contar con Andrea, que nos achegou a súa sabedoría arredor de como ser, e como facer, para transmitir ás crianzas a confianza de que o mundo é bo, belo e verdadeiro, e nós, con el, temos que achegarlles, co noso exemplo, que así é. Ariane (Cera de colores -https://www.instagram.com/ceradecolores/-) tamén nos achegou o seu entusiasmo e alegría por compartir o sentir da pedagoxía Waldorf co conto da nena do farol, que nos transportou ao momento no que se tería que contar, alá por novembro, na festividade de San Martiño, no tempo das castañas. Ariane tamén reivindicou as texturas e o tacto dos materiais naturais, como a seda ou a la; trouxo con ela uns títeres de mesa cálidos e agarimosos feitos por ela, con moitos detalles e que atraían todas as miradas! Contáronnos tamén que están a darlle voltas a asociarse nunha cooperativa en Vigo, polo que confiamos en que nos reencontremos en pouco tempo. Moitas grazas ás dúas, por transmitirnos a vosa enerxía positiva e a vontade de crer que é posible educar na creatividade, coas artes, a imaxinación e a confianza. Grazas!
|
|||
Para conmemorar o Día mundial da poesía, o departamento de Lingua castelá organizou unha exposición de Poesía Blackout. O alumnado creou mensaxes poéticas a partir de páxinas de libros, facendo textos totalmente novos. Podedes ver unha mostra do resultado nestas fotos.
|
|||||
Onte, 3 de abril, o alumnado de Educación Infantil fomos de excursión á Coruña. Fomos a dúas bibliotecas da rede municipal (a de Durán Loriga e a do Fórum Metropolitano), fiixemos actividades de animación á lectura, achegámonos a EnxeñoLabs (onde experimentamos en diferentes recunchos con xogos baseados na robótica) e finalmente visitamos a escola infantil da rede municipal A Caracola. Moitas grazas pola acollida!
|
|||||||
O seguinte alumnado pode recoller o seu título na secretaría do centro identificándose co seu DNI/NIE (ou asinando a correspondente autorización se vén outra persoa, debendo achegar esta o seu DNI/NIE e copia do DNI/NIE da persoa da que vén en representación):
|
|||
Desde o IES de Chapela queremos recordar neste 2 de abril, Día mundial de concienciación sobre o autismo, o noso compromiso por mellorar a calidade de vida das persoas con trastorno do espectro autista e por avanzar cara á construción dunha sociedade inclusiva. Aproveitamos tamén esta data para compartir convosco un recurso que coidamos que pode ser do voso interese, a nova web de Aspanaes: www.aspanaes.org.
|
|||
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 3
- 4
- 5
- 6
- 7
- 8
- 9
- 10
- 11
- …
- seguinte ›
- última »