Este luns, o alumnado de 1º Bach D e E e o club de lectura tivemos a sorte de contar con Branca Trigo, alumna en prácticas do máster de educación no noso centro, para que presentase o seu último poemario Trans0 e nos falase xunto a Alfredo Vázquez da súa editorial Malafera e de proxectos como o micro aberto Cerimonia de Gaivotas.
Ao final da xornada agasallounos cun recitado dalgúns poemas do libro. Todo un pracer, Grazas Branca!
Este martes o alumnado de 1° ESO desfrutou do teatro acudindo á representación da obra "Monstros", no teatro Ártika. Con música en directo de Piti Sanz, guión de María Lado e Lucía Aldao, dirección de Marcos Orsi e un elenco de primeira, o noso alumnado aprendeu a enfrontarse aos seus medos interiores dunha maneira lúdica e divertida. Ou acaso o posible monstro é tan diferente de nós?
Por moitas xornadas coma esta. Viva o teatro!
Un 23 de febreiro de 1837 nacía Rosalía de Castro en Santiago de Compostela. Ela é o emblema de Galicia, a muller que conseguiu facer historia e, o máis importante, mudar o rumbo da historia. Xa coetáneos do seu tempo, coma Curros, lle dedicaban versos que describían a brillante figura que era: unha muller “que tiña na fronte unha estrela e no bico un cantar”.
O alumnado de 2º de ESO acudiu á sala Ártika para gozar da representación de “Mosca” e descubrir en primeira persoa o significado da violencia e o acoso.
Tras a representación tiveron a ocasión de intercambiar opinións cos actores nun coloquio que consideramos realmente enriquecedor.
O alumnado de 4 PDC visitou a exposición: Entroido galego: traxe, historia e tradición.
A mostra recolle nove traxes do Entroido tradicional galego, con breves fichas descritivas con datos de interese cultural. Merdeiro, Peliqueiro, Boteiro… e a ti, cal che gusta máis?
Comezamos no IES Castelao a nosa participación na campaña “Aquí tamén se fala galego".
Esta iniciativa, ideada polo IES Rafael Dieste e secundada por máis de 170 centros escolares da Galiza, pretende erradicar a falsa imaxe de que nas cidades non se fala galego.
Este luns, dous membros da asociación "A merdeira" do Casco Vello de Vigo achegáronse ao noso centro para presentarnos o Entroido galego e principalmente o personaxe do Entroido vigués, "o merdeiro" que estivo silenciado durante a época da posguerra por ser incómodo para o réxime. Descubrimos de onde vén o seu nome, o porqué da súa vestimenta e máscara e as súas orixes.
O alumnado da materia de Oratoria, tanto de 3 coma 4 da ESO, visitou o Parlamento de Galicia. Coñeceron as instalacións onde os políticos da nosa comunidade deciden o porvir do país. Puideron, incluso, sentar no hemociclo e realizar unha práctica.
Ademais, aproveitaron a xornada para coñecer máis en profundidade Santiago de Compostela. Visitaron a catedral, a Alameda e algunha facultade.
O poeta, e tamén exprofesor do Castelao, Moncho Iglesias deleitounos cun recital de poesía. Asemade, fixo un percorrido pola súa experiencia vital, falándonos sobre os diferentes países onde viviu.
Fixo especial fincapé en Palestina, zona de forte inspiracións para a súa obra.