Actividades
VIAXE 3º ESO A DUNAS DE CORRUBEDO, CASTRO BAROÑA E PRAIA AGUIEIRA
Enviado por carmengf o Mar, 29/06/2021 - 17:05O pasado luns 21 de xuño, o alumnado de 3º de ESO, acompañado de 5 docentes, fixemos unha excursión ás Dunas de Corrubedo, Castro Baroña e a praia da Aguieira.
Collemos o autobús pola mañá cedo e disfrutamos da viaxe, cantando, rindo e, facendo honor á nosa reputación, falando entre nós con paixón.
O noso primeiro destino foron as Dunas de Corrubedo, ás que chegamos por medio dunha pasarela de madeira. Eran moi bonitas, pero o paso estaba prohibido, polo que era o típico de "mírase pero non se toca".
Despois, baixamos por un pequeno camiño, onde atopamos aos gardas forestais. Nese camiño chegamos á lagoa de Carregal e a unha fermosa praia.
Chegaba a hora da merenda da mañá, así que paramos nun bar de camiño a Castro Baroña.
E volta ao autobús para chegar a Castro Baroña, un lugar fermoso que desfrutamos moito, xa que había toneladas de rochas polas que escalar e divertirse e as vistas eran incribles.
De novo, subimos ao autobús. Chegamos á praia da Aguieira, onde paramos a comer antes de entrar na propia praia. Algunhas persoas comezaron a xogar ao voleibol (fixeches o teu traballo en Educación Física, Carmen).
Cando finalmente fomos á praia, as que quixemos (ou puidemos), demos un baño memorable. Xogamos coa area e desfrutamos do sol, aínda que case nos queimamos porque esquecemos a protección solar.
Ao final volvemos, cansas e satisfeitas, porque tivemos unha das mellores excursións!
Por Antela Casas e Maruxa Garaboa, 3º ESO grupo A
RAFTING NO RÍO MIÑO
Enviado por carmengf o Sáb, 15/05/2021 - 13:10
O pasado mércores 12 de maio o alumnado de 1º de Bacharelato, acompañados polos profesores Juan Carlos Freiría e Carmen García, puidemos desfrutar dunha mañá facendo rafting polo río Miño, actividade organizada polo Departamento de Educación Física.
Ao principio, iamos facer rafting polo río Ulla, pero debido á COVID, o concello de Padrón pechou. Non obstante, iso non nos impediu realizar esta emocionante actividade, xa que puidemos realizala no Miño.
A pesar do mal tempo que parecía ía facer, pouco despois de comezar a actividade parou de chover e puidemos pasar moi bo rato e contemplar mellor a paisaxe. Ademais, alí ensináronnos cousas dos arredores, como algunhas zonas de pesca da lamprea con redes, e logo puidemos tirarnos dende unha rocha ou deixarnos levar pola corrente no último tramo do río.
Esta foi unha actividade que a maioría realizamos por primeira vez e polo tanto, conservaremos un bo recordo deste día, a pesar das caídas e baños inesperados. Ademais, en compañía de amizades fíxose moito máis divertida, facendo que pasáramos un día xenial.
Iria Maceiras, 1º Bacharelato A.
Podedes ver as fotos do rafting premendo aquí
CONFERENCIA 11F: HISTORIA DUNHA INVESTIGADORA: A VACINA COVID-19
Enviado por luz o Lun, 08/03/2021 - 17:35O pasado xoves 25 de febreiro, os alumnos e alumnas de 4º de ESO de Ciencias, asistimos a unha videoconferencia na que Mireya López Borrajo, investigadora no laboratorio MJ Alonso LAB, contou a súa experiencia como investigadora na vacina da covid-19 e como muller na Ciencia.
Mireya é unha das galegas que están a investigar nunha vacina contra a covid-19. Durante a charla Mireya espuxo o esforzo e adicación que require un proxecto dese calibre, como traballar contrarreloxio ata 12 horas ao día ou renunciar a vacacións. Porén, ela pensa que estas accións van pagar a pena cando toda a poboación estea vacinada e cando, pouco a pouco, a pandemia sexa erradicada. Ademais, explicounos como funcionaba o virus da covid, a súa estrutura e as vacinas que na actualidade se están poñendo.
Tamén fixo un percorrido pola súa experiencia formativa ata a actualidade como investigadora predoutoral nun laboratorio de prestixio a nivel mundial, contándonos as dificultades na carreira científica, suplidas con esforzo, interese e búsqueda de oportunidades. Ela tivo que traballar moi duro, máis como resultado na actualidade está formándose nunha área que lle gusta, axudando a protexer a saúde de miles de persoas.
Julia González, Laura Pérez, Eirena Souto, Martina Sambade. Alumnas de 4º D e 4º C.
Desde o IES de Brión agradecemos a Mireya a súa participación na videoconferencia.
UNHA XINCANA DIDÁCTICA
Enviado por carmengf o Mar, 19/01/2021 - 15:34Por mor do cansanzo acumulado durante o trimestre, cara finais do mesmo, a necesidade de actividades máis relaxadas e diferentes facíase notar.
É aquí onde entra esta actividade do departamento de Educación Física; que se ben era diferente, non tiña nada de relaxada! Consistiu nunha xincana con preguntas sobre bádminton e sobre localizacións concretas da nosa vila. Cada estación tiña un código QR a escanear, que daba as preguntas a responder e indicaba as coordenadas no mapa cara a seguinte.
Desta maneira, alternando entre correr, trotar e andar, percorrimos todos os arredores do instituto, indo dende o campo de fútbol ata a biblioteca pública e dende o ximnasio ata residencia de maoires.
Aínda que o tempo atmosférico foi tan feroz coma os rivais, ó final todos logramos acabar a actividade respectando o tempo límite. En conclusión, foi unha boa forma de amenizar o último día, aprendendo sobre a nosa vila, repasando os contidos de bádmintón dobres traballados durante o trimestre na clase de Educación Física, e cumprindo o propósito da materia, MOVERSE!
Por Tomás M. Stetson Roch, 1º Bacharelato A
OBRADOIRO DE BAILE TRADICIONAL GALEGO PARA 2º ESO
Enviado por carmengf o Mér, 25/11/2020 - 19:35
O alumnado de 2º de ESO participou nun Obradoiro de Baile Tradicional Galego nas súas horas de Educación Física os días 23 e 25 de novembro.
Miguel Barbazán, ex-alumno do instituto e membro da Asociación Cultural Cantigas e Agarimos foi o mestre deste Obradoiro.
O alumnado aprendeu, dun xeito práctico, dous dos bailes "soltos" máis característicos galegos, muiñeira e maneo.
Fixemos exercicio, pasámolo ben e aprendimos algo novo da nosa cultura!
Parabéns aos participantes e a poñer o aprendido en práctica nas foliadas, en canto a Covid nos deixe.
Podedes ver a galería completa de imaxes nestes enlaces:
DÍA INTERNACIONAL DAS RAPAZAS NAS TIC
Enviado por luz o Xov, 23/04/2020 - 16:33Un curso máis, mesmo nestas circunstancias tan extraordinarias, celebramos no IES de Brión o día Internacional das rapazas nas TIC, participando nunha multiconferencia web, organizada pola aula e-learning do CESGA, na que coñecimos a catro mulleres galegas excepcionais que traballan e investigan en ámbitos relacionados coas Novas Tecnoloxías: Amparo Alonso Betanzos, Isabel Expósito Pérez, María Fernández Hermida, Patricia Mañana Borrazás.
Desde o IES tamén participamos na 4ª edición de Wisibilízalas, convocatoria do Departamento ETIC da Universidade Pompeu Fabra que presenta os seguintes obxectivos:
- Romper estereotipos de xénero asociados a carreiras STEM.
- Potenciar referentes femininos actuais que servan de inspiración as máis xóvenes.
- Promocionar o uso da tecnoloxía e o traballo en grupo mediante a creación de páxinas web.
STEAM MATES é a páxina creada por alumnado das materias de Debuxo Técnico e e TIC de 1º de Bacharelato, na que presentamos a un grupo de científicas e enxeñeiras galegas ou que traballan en Galicia: Elena Vázquez, Mar Capeáns, Ana María González, Joana Silva, Mabel Loza, María Pardo, María Rilo, Paula Ojea, Mónica Bugallo, Carmen Misa e Soledad Torres, ás que agradecemos a súa participación no proxecto.
Ambas actividades están enmarcadas no proxecto "STEAM en feminino" do Plan Proxecta "Rapazas emprendedoras nas TIC" no que participa o instituto.
CHARLA 11F CON PILAR PIÑEIRO GARCÍA
Enviado por luz o Xov, 20/02/2020 - 23:21O pasado mércores 12 de febreiro o alumnado de 1º de Bacharelato disfrutou da charla 11F titulada "Ciencia e sostibilidade, unha oportunidade de futuro", impartida por Pilar Piñeiro García, profesora do departamento de Organización de empresas e marketing e coordinadora do Máster en Xestión do Desenvolvemento Sostible da Universidade de Vigo.
A charla está enmarcada na proposta "STEAM en feminino" pertencente ao Plan Proxecta "Rapazas emprendedoras nas TIC" que se está desenvolvendo en torno ao 11F: día Internacional das nenas e mulleres na Ciencia.
O noso agradecemento a Pilar Piñeiro pola súa proximidade, compartir con nós o seu tempo e un interesante percorrido formativo e vital.
DÍA INTERNACIONAL DA NENA E MULLER NA CIENCIA
Enviado por luz o Mér, 05/02/2020 - 20:25O IES de Brión participa no Plan Proxecta "Rapazas emprendedoras nas TIC" este curso co proxecto STEAM en feminino. Ao abeiro do proxecto e do 11F están programadas as seguintes actividades ao longo das vindeiras semanas:
ALMORZO SAUDABLE
Enviado por carmengf o Sáb, 14/12/2019 - 22:02
O pasado martes 3 de decembro o alumnado de 2º de Bacharelato A desfrutamos durante as dúas primeiras horas, dunha actividade que nos quedara pendente en Educación Física o curso pasado: un almorzo saudable!
Contamos coa axuda da profesora Carmen García que foi quen realizou a compra de diversos produtos saudables, de tempada e de calidade; e do persoal da cafetería, que nos prepararon un revolto de ovos e unhas torradas boísimas.
Fixemos grupos e repartimos as tarefas: cortar a froita, poñer a mesa, crebar as noces, recoller e limpar...
O almorzo gustunos moito, probamos cousas novas e descubrimos que comer san pode ser sinónimo de comer rico. Ademais, despois dun longo e intenso trimestre e xa rematados os exames, esta actividade serviunos para despexarnos, manter unha agradable conversa en grupo e cargar as pilas para todo o que queda por vir.
Para rematar, agradecemos a Carmen que quixese facer esta actividade con nós, desfrutamos moito dese tempo na súa compaña.
Alba Caamaño, Antía Cunqueiro, Tania García e Alba Muñiz, 2º Bacharelato A.
Prema aquí para ver todas as fotografías.
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 3
- 4
- 5
- 6
- 7
- 8
- 9
- 10
- 11
- …
- seguinte ›
- última »