Actividades

PROXECTO EUROPEO DE INTERCAMBIO EN ETWINNING

Durante este curso, o alumnado de francés de 4º ESO fixo parte dun proxecto europeo a través da plataforma Etwinning. O proxecto de intercambio virtual realizouse co Lycée Jean de Prades da localidade de Castelsarrasin, no sur de Francia.

Ao longo destes meses, o alumnado realizou videos de presentación, intercambiou información sobre o lugar onde viven, fixo playlists coas suas músicas favoritas, fixeron receitas e aprenderon a utilizar ferramentas dixitais para elaborar e intercambiar información e sobre todo, descubriron outras mozas e mozos con gustos e preocupacións similares aos seus.

Moi boa experiencia que contamos repetir o ano que vén! Divertímonos, aprendemos e facemos amizades novas!

ACTIVIDADES NAS FRAGAS DO EUME, ALVARELLA, PONTEDEUME E RÍA DE ARES


O pasado xoves 28 e venres 29 de abril, o alumnado de 3º de ESO desfrutamos dunha estancia de dous días moi intensos en Alvarella, na contorna de Pontedeume, organizada por Educación Física.

O xoves, despois da chegada a Alvarella, puxemos rumbo cara ás Fragas do Eume para realizar unha andaina.

No roteiro, reflexionamos sobre a importancia da natureza e o coidado que hai que ter sobre ela, da man de monitores de Alvarella.

Durante o percorrido, visitamos o Mosteiro de Caaveiro e logo xantamos no antigo recinto dos muíños, perto do río, que estaba invadido pola vexetación.

De volta a Alvarella, e despois de acomodarnos nas nosas habitacións, fixemos dúas actividades: tiro con arco e orientación no bosque, para aprender a manexar o compás.

Pola noite, tivemos unha velada nocturna, onde fixemos o xogo "atrapa a bandeira". Tanto gostamos del, que o repetimos varias veces...non tiñamos sono nin cansanzo!

Ao día seguinte, fixemos por grupos unha actividade de orientación con mapa e compás polos arredores do aloxamento. TIñamos que ir atopando distintos lugares marcados no mapa e realizar as probas indicadas en cada sitio. Gañaba o equipo que máis lugares e probas realizara. Esta actividade levóunos toda a mañá.

Despois de xantar, despedímonos de Alvarella e puxemos rumbo a Pontedeume. Alí, dividímonos en dous grupos e fixemos canoa na ría de Ares, guiados polo clube Firrete, e o xogo das descubertas en Pontedeume, para coñecer máis aspectos da cultura e historia desta bonita vila.

Coa chegada ao instituto, xa case á noitiña, rematamos a excursión, con moito cansanzo pero tamén con moita pena e que esta viaxe acabara.

Xa estamos preparadas e preparados para a seguinte!

Flavia Maceiras e Silvia Rabuñal, 3º ESO B

Para ver o arquivo de fotografías, preme aquí.

III CERTAME CULTURAL IES DE BRIÓN: FALLO DO XURADO

MODALIDADE RELATO CURTO:

Categoría A: (1º, 2º e 3º de ESO)

  • 1º PREMIO: Zoe de Rojas (2ºD)  polo seu traballo “Seino todo”, asinado co pseudónimo Zurena PrayerO xurado acordou outorgar dous segundos premios nesta categoría:
  • 2º PREMIO: Camila Mosteiro Carvajal (2ºD) por “As nosas guerras”  ,asinado co pseudónimo Belcourt
  • 2º PREMIO: Aroa Prieto Fernández (1ºB) por “Non é inevitable”,asinado co pseudónimo Tileresa

Categoría B: (4ºESO, 1º e 2º Bacharelato)

  • 1º PREMIO: Simón Rivas Capeáns (2º BACH) polo seu traballo “O meu poder? A imaxinación”, asinado co pseudónimo Chimpi

MODALIDADE POESÍA:

Categoría A:

  • 1º PREMIO: Ruth Busto Domínguez (2ºB), por “As nosas guerras (e só nosas)”
  • 2º PREMIO: Pablo Blanco Valiñas (1ºB), por “A beira do río”, asinado co pseudónimo Roberto de Brión.

MODALIDADE CARTAZ:

Categoría A:

  • 1º PREMIO: Candela Pérez Iglesias (1ºC)  por “Loitas internas”, asinado co pseudónimo Nirvana.
  • 2º PREMIO: Laura Tajes Pais (2ºD) por “Consecuencias da guerra”, asinado co pseudónimo Chifugod.

O xurado acordou deixar desertos os premios na modalidade de Novas Tecnoloxías e suxeriu á organización do Certame adiantar as datas de celebración desta cita en próximas edicións, para favorecer a participación do alumnado.

Formaron o xurado do III Certame Cultural, en representación do centro Bárbara Carballo, Suso Sambade e Vicente Fornés,  e pola Anpa, María José Espiñeira, Elena Remesar e José Manuel Velo.

Os premios entregaranse na Biblioteca do Instituto, o 18 de maio, durante o segundo recreo.

Brión, 12 de maio de 2022

III CERTAME CULTURAL

CHARLAS 11 f. DÍA INTERNACIONAL DA NENA E MULLER NA CIENCIA

Na conmemoración do día Internacional da nena e muller na Ciencia dúas excelentes profesionais  impartiron  charlas no IES de Brión achegándonos de forma sinxela á Intelixencia Artificial.


O alumnado de TIC I de 1º de Bacharelato asistiu o 8 de febreiro á charla temática "Intelixencia artificial, imaxes e saúde" impartida por María J. Carreira, profesora de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da USC. Durante a charla coñecimos proxectos nos que participous no eido do procesado intelixente de imaxe médica en campos tan diversos como a oftalmoloxía, radiografía de tórax, oncoloxía e neuroloxía. Actualmente investiga no CITIUS nos eidos da Odontoloxía e Bioinformática. Finalmente animou ao alumnado ao aproximarse ás profesións de científic@ e enxeñeir@, vinculándoas á sociedade actual.

Charla María Carreira  11F 2022

"Intelixencia Artificial, imaxes e saúde" María J. Carreira

Charla Sabela Ramos 11F 2022

"Sabes a que chamamos aprendizaxe por reforzo",  Sabela Ramos Garea

Alumnado de 3º de ESO asistiu o pasado 11 de febreiro á charla on line "Sabes a que chamamos aprendizaxe por reforzo?" impartida por Sabela Ramos Garea enxeñeira de software en Google Research, organizada desde o MUNCYT. Sabela introduciu ao alumnado conceptos da Intelixencia Artificial como aprendizaxe por reforzo, aprendizaxe máquina, machine learning, test de turing.

 

FELICITACIÓNS POLA ADICACIÓN E INTERESE NA XIII OLIMPÍADA DE XEOLOXÍA

Unha representación do alumnado de 4º de ESO e 1º de Bacharelato participou na XIII Olimpíada de Xeoloxía celebrada o 16 de febreiro na Cidade da Cultura.

Parabéns a todos eles e elas, especialmente a Maruxa Garaboa Penabad polo premio accésit de 4º de ESO e Eirena Souto Pazó polo 1º premio acadando a máxima cualificación na sede provincial de Coruña, formando parte do equipo galego para representar á nosa comunidade na fase nacional que se celebrará  o vindeiro 26 de marzo en Almería.

                  Noraboa

Rachando cos mitos do amor román-TikTok ♥︎

Co gallo da celebración do 14 de febreiro, internacionalmente coñecido coma o Día de San Valentín ou Día dos namorados, o noso alumnado de 4º ESO afondou sobre os mitos do amor romántico e participou, en colaboración coa área de Igualdade do Concello de Brión e Psiconova, nesta Contracampaña ao 14F en ton humorístico.

Aquí vos deixamos diferentes TikTok co noso alumnado como protagonista. Esperamos que os desfrutedes e que vos sumedes tamén a rachar con estes mitos! ♥︎

Marta e Fernando (4º ESO C)

Álex e Álvaro (4º ESO C)

Antela (4º ESO B)

Marta e Candela (4º ESO C)

Paula e Sahínza (4º ESO C)

Candela e María (4º ESO C)

E grazas a todxs polo voso traballazo!!

VISITA Á AULA ABERTA Á TECNOCIENCIA

Este pasado venres 21 de xaneiro o alumnado de Ciencias de 1°Bacharelato visitamos a Aula aberta á Tecnociencia na escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía, en Vigo. Asistimos a un obradoiro no que falamos da percepción das cores e a luz, e outro sobre realidade aumentada.

Aula aberta á Tecnociencia_2

Aula aberta á Tecnociencia_1

No primeiro aprendemos sobre as ondas e como segundo a súa lonxitude percibimos distintas cores. Falamos do cor rgb (vermello, verde, azul) e da formación do resto das cores en base a estas.
No segundo obradoiro puidemos manipular un simulador de relevo que permitía observar como afectaría unha inundación a unha que ti mesma modelas. 

Martina Sambade Formoso, Eirena Souto Pazó, alumnas de 1º A Bacharelato

OBRADOIRO PILABOT: RECICLA CON ENERXÍA

O xoves 20 de xaneiro o alumnado de 3º de ESO recibiu formación no Obradoiro Pilabot: recicla con enerxía sobre a importancia da recollida selectiva, a reciclaxe de pilas e sobre a participación nos concursos de recollida de pilas e acumuladores e o concurso artístico #EuSonPilabot.

Pilabot_1

Animamos á comunidade escolar a colaborar na recollida de pilas e baterías gastadas, depositándoas no contenedor da entrada ata o 24 de febreiro.

 

TECNÓLOG@S POR UN DÍA

O programa Tecnólog@ por un día ofrece a oportunidade a alumnado galego de visitar instalacións de empresas relacionadas co sector TIC de Galicia para que poidan experimentar en primeira persoa unha xornada laboral con profesionais deste campo.

O pasado 3  de Decembro Carlos M. e Valeria, alumnos de 1º de Bacharelato do IES de Brión, pasamos un día nas instalacións de Televés Corporation e coñecimos unha empresa multinacional moderna e automatizada que produce desde cero todo o produto e subproduto co que traballa.

Na primeira metade do día visitamos Gsertel, que é unha empresa pertencente ao grupo Televés que monta, revisa e programa unha ampla variedade de produtos cos cales  miden, analizan e diagnostican sinais de radio e televisión de forma portátil. Nas súas instalacións visitamos as diferentes estancias nas que Gsertel leva a cabo o seu cometido dentro do grupo Televés.

Posteriormente unímonos a alumnos de  outros centros na fábrica de Televés na que se leva a cabo a elaboración da totalidade dos produtos comercializados pola multinacional. Alí puidemos observar a fabricación de forma parcialmente automatizada de todos os compoñentes cos que conta o produto final.

Ambos animaríamos a todo o que tivera a oportunidade de presentarse a algún programa deste tipo xa que é unha experiencia inesquecible que persoalmente recomendamos e se tiveramos oportunidade repetiriamos.             

Valeria Torres Lago Carlos M. Domínguez Carballo, 1º Bacharelato A

Distribuir contido