Novas

RAFTING NO ULLA

Rafting 2023

O venres 21 de abril o alumnado de 1º de bacharelato participamos nunha actividade de rafting polo río Ulla, organizada polo Departamento de Educación Física xunto coa empresa Arrepións, á que nos acompañaron Xiana e Julio, a/o nosa/o docentes de Educación Física e Hannah, auxiliar de conversa en inglés.

En grupos de 8 ou 9 persoas subímonos as balsas xunto cos monitores e comezamos o traxecto polo río, durante o cal, polos baños inesperados e correntes que se levaban á xente das balsas, rimos moito.

Despois de remar durante unha hora e facer varias paradas para nadar e incluso para saltar dende algunha rocha, volvemos ao autobús para ir ata o merendoiro de recinto feiral de Herbón onde xantamos.

Aínda que polo mal tempo non puidemos facer a actividade que estaba planeada para a tarde, todos marchamos moi contentos e con moitas ganas de repetir a experiencia.

Nerea Paradelo, 1º Bacharelato B

Preme na icona para ver as fotos.

icona click

VISITA DE LEDICIA COSTAS

ALIMÉNTATE BEN: TERCEIRO LIBRO DE RECEITAS, CON VÍDEOS E MENÚS COMPLETOS

portada volume III receitas saudables

Presentamos á comunidade de Brión o terceiro volume do Libro de Receitas Saudables.

Este libro é o resultado do traballo do alumnado de 1º de Bacharelato de Educación Física no curso 2021-22.

En palabras de dúas das protagonistas, este foi o proxecto desenvolvido:

"O proxecto que realizamos o ano pasado para motivar á comunidade de Brión a comer máis san, consitiu nunha grabación dunha curta da preparación dunha receita xunto co menú dun xantar saudable.

Dividímonos en grupos e cada un realizou un prato diferente, para despois recoller todas as receitas nun libro e poder compartilas con calquera que lle apetecera facelas.

Grazas a esta experiencia investigamos e aprendimos sobre a alimentación e a decatarnos da gran variedade de comidas saudables e sinxelas que se poden facer, a gusto de cada persoa.

A receita que escollimos nós fou un cake caseiro con herbas frescas, unha receita alemá creativa, que se pode completar con diversos acompañamentos, para obter un prato orixinal.

Foi unha experiencia moi divertida e educativa, xa que desfrutamos preparando a receita e pasando tempo xuntas. E non só nos gustou a realización do vídeo, se non tamén o pensamento de que quizais chegaríamos a inspirar a alguén a mellorar a súa alimentación, cunha dieta máis sa."

Andrea Bao e Irene Núñez, 1º Bacharelato curso 2021-22

Premendo na portada do libro ou no arquivo adxunto, pódese ver ou descargar o libro.

No libro, premendo na icona de vídeos de youtube, accédese a cada receita.

No libro, premendo na icona de menú, accédese ao menú saudable completo.

Para ver o Volume I do libro de receitas saudables, premer na seguinte icona icona click

Para ver o Volume II do libro de receitas saudables, premer na seguinte icona

Desfruta cociñando e comendo saudable!

ENCONTRO COA ESCRITORA ANTÍA YÁÑEZ

Tivemos a sorte de ser seleccionadas polo Ministerio de Cultura y Deporte como un dos centros escollidos no Programa de actividades literarias en institutos e escollemos a Antía Yáñez, unha das nosas escritoras favoritas, coa que xa tiveramos contacto no pasado pola lectura das suas obras no Club de lectura, para que nos visitara e poder coñecela en persoa. Unha oportunidade da que gozará o alumnado de 1º de ESO e do Club de lectura que acaban de ler obras súas. 
Unha gran sorte compartir este encontro cunha gran escritora!

Sapoconcho XL. Obradoiro

O pasado mércores día 9 de novembro, e logo dun corto período de posta a punto, inauguramos o Polo Creativo do noso centro cunha colaboración con Bricolabs, os Museos Científicos da Coruña e AMTEGA. Esa tarde, un grupo de alumnos e alumnas de diferentes cursos tiveron a oportunidade de participar na montaxe dun total de 20 robots de hardware e software libre.
Sapoconcho XL, que así se chama o robot, ten un chasis impreso en PLA, contrólase mediante unha placa Arduino, desprázase sobre dúas rodas conectadas a motores de corrente continua e está dotado de sensores de infravermellos e ultrasóns.
O material para construír os robots foi cedido por AMTEGA a través cun proxecto de colaboración coa asociación Bricolabs para a difusión do hardware e o software libre nos centros de ensino.
Entre as novas actividades do noso espazo de creación figura, loxicamente, rematar a montaxe destes robots, programalos, e, quen sabe, tal vez ata organizar algunha proba ou competición.

VISITA ÁS DUNAS DE CORRUBEDO, DOLMEN DE AXEITOS, CASTRO BAROÑA E PRAIA DA AGUIEIRA

Foto grupo Castro Baroña

O martes, 21 de xuño do 2022, o alumnado de 2º da ESO fomos de excursión de fin de curso, na cal percorrimos varios lugares distintos da provincia da Coruña.

A nosa primeira parada foi nas dunas de Corrubedo. O recinto das dunas cambiou moito ao longo dos anos, dado que agora está protexido, e non se pode acceder ás dunas directamente, senón que hai que chegar ata elas por un camiño de madeira. Ao lado das dunas había unha praia, á que había que chegar por un camiño de area e pedras. Así, paramos un anaco naquela gran praia, despois de ver as dunas.

O segundo sitio ao que fomos foi o dolmen de Axeitos, o que visitamos indo por turnos, organizados en tres grupos. Alí, Esther explicóunos a función daquel megálito e a súa data aproximada de creación. Un dolmen ten unha función funeraria, dado que as persoas mortas eran enterradas, e as pedras colocábanse enriba, formando a súa estrutura; e este dolmen databa do ano 4.000 antes de Cristo. Despois, metímonos dentro do dolmen, para velo dende o interior.

O terceiro lugar que visitamos foi o Castro de Baroña. Neste castro viviron os castreños dende o ano 1 antes de Cristo ao ano 1 despois de Cristo, aproximadamente, e aínda agora se conservan as estruturas desas casas. Así, fomos explorar o castro, dando voltas por el e vendo o que contiña. Acto seguido, baixamos todos ao exterior do recinto para sacar unha foto final.

A nosa cuarta e final parada foi a praia da Aguieira, onde xantamos e estivemos as primeiras horas da tarde. Logo do xantar, estivemos paseando, bañándonos e xogando nela, pero, por desgraza, estivo chovendo a maior parte do tempo. Aínda así, botamos un bo anaco na praia ata que a choiva foi a máis, e marchamos para o autobús. Ao marchar daquela praia, a excursión deuse por finalizada.

Que boa maneira de rematar o curso, non si?

Zoe de Rojas Rozas, 2º ESO grupo D

icona facer clic

CIRCUITO POR PADRÓN E RAFTING NO RÍO ULLA

O pasado luns 6 de xuño, o alumnado de 1º de Bacharelato tivemos a sorte de poder ir facer rafting, actividade organizada polo Departamento de Educación Física.

A xornada estivo dividida en dúas partes:

  • Primeiro, en grupos de 4-6 persoas, e seguindo un mapa, fomos percorrendo distintos puntos de Padrón, para así coñecer mellor o centro desta fermosa vila. O roteiro permitía buscar información sobre as igrexas, estatuas, paseos, mercado e outros monumentos e puntos interesantes de Padrón.
  • Unha vez feito o roteiro, deixamos Padrón para ir realizar a actividade de rafting. Fomos capaces de completala con éxito grazas aos guías de Arrepións. En grupos de 7-8 persoas, descubrimos o río Ulla descendendo polas súas correntes nas balsas neumáticas, e tamén nadando nalgún tramo do río ou incluso tirándonos dunha rocha.

Foi unha gran experiencia que nos permitíu rematar o curso dunha maneira divertida!

Inés Núñez Fesedelft, 1º Bacharelato A

Preme na icona para ver as fotos desta actividade.

 icona facer clic

PARABÉNS AOS NOSOS #MelloresExpedientes !!

Nunha cerimonia celebrada no Multiusos de Sar, a USC recoñeceu ao alumnado de toda Galicia que acadou unha nota de acceso á universidade superior a 9. Moitísimos parabéns a Adan e Tomás, --e parabéns tamén ao outro alumnado noso cuxo esforzo valoramos tanto como o de estes dous cracks e que quedaron a centésimas de saír nesta foto. Non sodes poucos e estamos orgullosísimas de todos! 

PROXECTO EUROPEO DE INTERCAMBIO EN ETWINNING

Durante este curso, o alumnado de francés de 4º ESO fixo parte dun proxecto europeo a través da plataforma Etwinning. O proxecto de intercambio virtual realizouse co Lycée Jean de Prades da localidade de Castelsarrasin, no sur de Francia.

Ao longo destes meses, o alumnado realizou videos de presentación, intercambiou información sobre o lugar onde viven, fixo playlists coas suas músicas favoritas, fixeron receitas e aprenderon a utilizar ferramentas dixitais para elaborar e intercambiar información e sobre todo, descubriron outras mozas e mozos con gustos e preocupacións similares aos seus.

Moi boa experiencia que contamos repetir o ano que vén! Divertímonos, aprendemos e facemos amizades novas!

SEMENTANDO LECTURAS: DO DÍA DO LIBRO AO DÍA DO MEDIO AMBIENTE

Distribuir contido