Novas

MES DA CIENCIA EN GALEGO NA BIBLIOTECA DO IES DE BRION

Dende a biblioteca do IES de Brión unímonos á celebración durante o mes de novembro do “Mes da ciencia en galego” e convidamos a todo o alumnado a participar nos retos que propoñeremos durante os recreos dos luns, mércores e venres. Teremos de diversas disciplinas: xeoloxía, matemáticas, lóxica, bioloxía, química... 

Animádevos a participar!!

FOLGA PROFESORADO 24 DE OUTUBRO

O 24 de outubro está convocada unha folga de profesorado.

O centro permanecerá aberto, sen embargo non podemos garantir o normal desenvolvemento das clases.

A Dirección

PARABENS POLO MERECIDO PREMIO O NOSO CLUB DE LECTURA!!

O noso club de Lectura "LiBRIONesxs" foi galardonado co 2º Premio na súa categoría polo Ministerio de Educación e Formación Profesional!. Nesta convocatoria na que se presentaron máis dun cento de clubs de lectura de todo o estado foron premiados os clubs de lectura que destacaron o fomento da lectura como factor dinamizador das actividades que irradian dende a biblioteca. 

Moitos parabéns á participantes e mediadorxs dos grupos de lectorxs do Club e a toda a comunidade educativa que fixo posible este premio!

RECOÑECEMENTO AOS MELLORES EXPEDIENTES 2023

PARABÉNS a Valeria, Pablo, Irene, Martina e Eirena, que acadaron unha nota de acceso á universidade de sobresaínte. Orgullosísimas de vós, e orgullosísimas tamén dos que quedastes a centésimas desta foto. Moita sorte a todas e a todos, sodes xeniais!!

O GRUPO DE TEATRO "TEATRO DAS MANIOTAS" ASISTE AO MUSICAL DO XESÚS TABOADA CHIVITE DE VERÍN

O alumnado pertencente ao grupo de teatro do instituto estivo en Verín, vendo o musical "La la Land", interpretado polo alumnado do IES Xesús Taboada Chivite de Verín no auditorio do concello. Antes diso, fixeron unha pequena visita a Ourense pola mañá. 

BICIKLETEANDO: OBRADOIRO ARRANXO DE BICIS

Na semana do 29 de maio, fixemos unha actividade de arranxo de bicicletas en cada un dos cursos de 1º de ESO. Nesta actividade, un grupo de triatletas do Club Inforhouse Santiago visitou o noso instituto e ensináronos que obxectos hai que levar a un tríatlon.

Unha vez nos ensinaron todos os materiais necesarios, explicáronnos como se cambiaba a cámara dunha bicicleta e as diferentes formas de colocar a cadea.

Logo dividíronnos en grupos de cinco persoas e déronnos unha bicicleta de carreteira a cada grupo para que puxeramos en práctica todo o aprendido.

A min este obradoiro serviume, xa que ás veces cando ía andar na bici e pinchaba a roda non sabía cambiar a cámara e sempre me manchaba as mans cando se me saía a cadea.

Agora toca poñer en práctica o aprendido!


Mateo Rivas Tarrío 1º ESO A

CAMPAMENTO SPRING WEEK OS PEARES

Nas datas do domingo 14 ao sábado 20 de maio, 20 alumnas e alumnos de 2º de ESO do noso centro estivemos nun campamento para inmersión lingüistica en inglés, en Os Peares.

No campamento tiñamos catro horas de clase diarias, e dúas delas utilizadas para preparar un proxecto que presentaríamos fronte ao resto do campamento o venres. Para estas clases e algunhas actividades, separáronos en grupos con xente doutros institutos.

As activades que faciamos (unha pola mañá, outra pola tarde e outra despois de cear) estiveron ben.

A comida era rica, aínda que como tiñamos que ir en fila para coller a comida, se eras dos últimos soamente tiñas 20 ou 30 minutos para comer.

As actividades eran moi variadas (a bomba, as estatuas musicais, crear o noso propio cómic ou a nosa cidade...) e sempre en equipo, desta maneira podiamos aprender, pasalo ben e coñecer a xente doutros institutos.

Deixando as cousas que cambiaría de lado, foi unha experiencia inolvidable e moi divertida que, sen dubidalo, repetiría.

Aroa Prieto Fernández, 2º ESO B

Preme na icona para ver máis fotografías.

icona click

ASEMBLEA ORDINARIA ANPA PEDRA VIADA

A piques de rematar o curso 22/23, toca tamén facer balance dende a Anpa. A actual directiva da asociación cumpre mandato, así que é momento ademáis de seguir sumando forzas e renovar cargos.
Por iso convidámosvos a participar na ASEMBLEA que terá lugar o vindeiro 7 de xuño ás 19.00h en primeira convocatoria, 19.15 en segunda convocatoria no salón de actos do IES.
Pódense presentar candidaturas ata o luns 5 de xuño: nesa xornada, as listas que se teñan enviado ao correo anpaiesdebrion@gmail.com publicaranse na web do Instituto.
O número mínimo de integrantes é de tres persoas, para cubrir a presidencia, secretaría e tesourería da Asociación.

ORDE DO DÍA
1-Lectura e aprobación se procede da acta anterior

2-Información sobre o estado de contas da Asociación

3-Información sobre as actividades desenvolvidas

4-Rogos e preguntas

5-Renovación da xunta directiva


A directiva da Anpa “Pedra Viada”

Maio de 2023

IV CERTAME CULTURAL IES DE BRIÓN (MAIO 2023): FALLO DO XURADO

Reunido o venres 12 de maio, o xurado do IV Certame Cultural IES de Brión acorda conceder os seguintes premios, que se entregarán na biblioteca o luns 22 de maio no 2º recreo:

MODALIDADE RELATO CURTO:
Categoría A (clica nos títulos para ver os traballos)
1º Premio: “O apagón eléctrico”.
Autora: Andrea Pais Casaldoeiro 3ºESO D

1º Premio: “Sen Luces”
Autora: Aroa Prieto Fernández 2ºESO B

Os dous traballos foron valorados como merecedores dun 1º Premio, así que ámbolos dous recibirán diploma conmemorativo, 30 euros en efectivo e outros 20 en material de libraría

MODALIDADE CARTAZ:
Categoría A (clica nos títulos para ver os traballos)
1º Premio: “Desafío dixital”
Autor: Leo Castreño Guerra. 1ºESO A

2º Premio: “Borrón e conta nova”
Autora: Laura Tajes Pais 3º ESO D

O Xurado valorou nos traballos premiados como a partir do lema proposto (Imaxinemos un mundo sin Internet), desenvolven unha idea completamente orixinal e convidan a reflexionar sobre o positivo que pode haber nun uso máis moderado da tecnoloxía. O resto das categorías do certame quedaron desertas, na meirande parte porque non se presentou ningún traballo. Outras creacións que concorreron non achegaban propostas completamente orixinais ou non tiñan nada que ver co tema.

Conformaron o xurado desta IV Edición do Certame Cultural Pilar Figueroa, Pilar Buela e Eduard Velasco por parte do equipo docente do Instituto e José Manuel Velo e Patricia Iglesias pola Anpa. Todos valoraron o esforzo do alumnado que fixo as súas achegas ao Certame e anímanos a continuar traballando a súa faceta creativa.

CERTIFICACIÓN DOS NIVEIS B1 / B2 / C1 EN INGLÉS

Notición! Que enorme alegría e orgullo que os 28 alumnos e alumnas de 2º Bacharelato que se presentaron ás probas de Oxford e Anglia para certificar o seu nivel de inglés superáronas TODOS e rematan o bacharelato coa súa certificación na man. Nas fotos faltan Eirena e Mateo (C1) e Irene e Alessander (B1/B2). CONGRATULATIONS to all of you!

Distribuir contido