FEIRA DAS PROFESIÓNS (4 DE MAIO 2023)

Tras aunar grandes esforzos, os departamentos de Orientación do IES de Brión, o IES de Ames e o IES Xulián Magariños de Negreira convocaron representantes dun amplísimo abanico de profesións e estudos que se deron cita no IES de Ames, para achegarllas a toda a comunidade educativa.

Enlace á noticia

LECTURAS DRAMATIZADAS: ESCOITANDO AOS CLÁSICOS

A pasada semana, conmemorando o Día Internacional do Libro, o alumnado de 3º PDC e de 3º C agasallounos coa lectura dramatizada dalgúns dos personaxes máis representativos da Literatura Castelá e Universal, todos eles cun rasgo común de rebeldía e en certo modo discordancia coa sociedade da época.
Esta actividade inscríbese dentro dun proxecto do Departamento de Lingua Castelá para traballar a historia de Literatura a través dos seus protagonistas; sobre eles e elas  están  investigando e achegándose ás súas circunstancias están descubrindo a súa importancia como símbolos da complexidade humana.

DECIDE O TEU FUTURO: FEIRA DAS PROFESIÓNS XOVES 4 DE MAIO

TRIPTICO: ENLACE

RAFTING NO ULLA

Rafting 2023

O venres 21 de abril o alumnado de 1º de bacharelato participamos nunha actividade de rafting polo río Ulla, organizada polo Departamento de Educación Física xunto coa empresa Arrepións, á que nos acompañaron Xiana e Julio, a/o nosa/o docentes de Educación Física e Hannah, auxiliar de conversa en inglés.

En grupos de 8 ou 9 persoas subímonos as balsas xunto cos monitores e comezamos o traxecto polo río, durante o cal, polos baños inesperados e correntes que se levaban á xente das balsas, rimos moito.

Despois de remar durante unha hora e facer varias paradas para nadar e incluso para saltar dende algunha rocha, volvemos ao autobús para ir ata o merendoiro de recinto feiral de Herbón onde xantamos.

Aínda que polo mal tempo non puidemos facer a actividade que estaba planeada para a tarde, todos marchamos moi contentos e con moitas ganas de repetir a experiencia.

Nerea Paradelo, 1º Bacharelato B

Preme na icona para ver as fotos.

icona click

FOLGA DE TRANSPORTE XOVES 27 DE ABRIL

 Os días 27 e 28 de abril de 2023 está convocada unha folga no sector do transporte de viaxeiros en autobús por estrada na Comunidade Autónoma de Galicia para os días 27 e 28 de abril, que será indefinida a partir do 8 de maio. No DOG de hoxe publícase a Orde do 21 de abril de 2023 pola que se establecen os servizos mínimos durante a folga que terá lugar os días 27 e 28 de abril de 2023. A indicada convocatoria afecta o ámbito territorial das concesións do servizo público de transporte de viaxeiros por estrada na Comunidade Autónoma de Galicia.
 
Son considerados servizos mínimos os servizos de transporte público regular de uso especial-escolares: os servizos de entrada aos centros desde as 7.30 ata ás 10.30 horas, e os de saída desde as 13.30 ata ás 19.00 horas, nos itinerarios de transporte escolar de estudantes de niveis de ensino obrigatorio cuxa lonxitude total sexa superior a 4 quilómetros. Sen embargo dita convocatoria pode afectar o transporte escolar nos centros educativos.
 
A Dirección
 

ANDAINA POR ONS, ROTEIRO DO POZO NEGRO

O martes 18 de abril o alumnado de 2º de ESO realizamos unha andaina en Ons, parroquia pertencente ao concello de Brión. Cada participante levamos unha pequena mochila e roupa e calzado cómodos que nos permitira camiñar facilmente.

Saímos do instituto a primeira hora da mañá e fomos en autobús ata a Área de Piragüismo en Ponte Ínsua (Ons), punto de inicio dun roteiro circular polo monte, que pasa pola fermosa fervenza do Pozo Negro, onde tamén hai unha pequena ponte de madeira.

Os guías foron Luciano e Manolo, veciños de Ons, que nos ensinaron as diferentes plantas propias, resaltando que era unha das únicas zonas de Brión que conservaba a súa flora natural.

Fomos camiñando pola beira do río Tambre, que se podía ver dende o sendeiro marcado.

Fixemos unha parada na Igrexa de Ons, onde nos explicaron un pouco da historia e tamén tivemos tempo para merendar e recobrar forzas.

Tras chegar ao final da andaina, aproveitamos a Área de Piragüismo para descansar ou xogar e, posteriormente, regresamos ao instituto para coller o transporte escolar.

Un día para recordar e unha andaina recomendable!

Sara Castro Blanco, 2º ESO B

Preme na icona para ver as fotos.

2º PREMIO NA 6ª COMPETICIÓN DE ROBOTS

Alumnado de Tecnoloxía de 4º de ESO participou o venres 21 de abril na 6ª Competición de Robots convocada pola Escola de Enxeñería Industrial da Universidade de Vigo.

Ata 600 participantes distribuidos en máis de 100 equipos de toda Galicia competiron nas probas propostas na fase Be-robot correspondente a ESO e Bacharelato.

O alumnado participou na categoría 3º- 4º de ESO na que competían 48 equipos, quedando seleccionados nunha 1º fase clasificatoria que deu paso a unha final dos 12 mellores equipos da categoría. Despois de  moitas probas e axustes de programación, o equipo Brión 1 conseguiu unha estupenda 2ª posición na final, conseguindo  reducir os tempos nas probas e sortear os obstáculos.
Parabéns polo  traballo de grupo e perseveranza.

"600 alumnos de toda Galicia invaden o campus de Vigo con robots" Atlántico, 22/04/23

"Ate 600 estudantes participarán na VI Competición de robots da Escola de Enxeñería Industrial" Código Cero 14/04/23

STAT WARS:A REBELIÓN DOS DATOS

O pasado 28 de marzo tivemos o pracer de levar a cabo no noso centro o taller  STAT WARS: A REBELIÓN DOS DATOS,  o cal conta coa colaboración da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) e a Rede Nacional de Bioestadística (BIOSTATNET).

Este proxecto de divulgación científica trata de acercar a Estatística ao alumnado da ESO, dun xeito innovador e divertido. O obxectivo é transmitir que a estatística pode ser unha ferramenta imprescindible en distintas disciplinas (Medicina, Deporte, Redes Sociais...) para resolver situacións e problemáticas ás que hoxe en día se enfrenta a sociedade.

Damos as grazas as ponentes por facer posible no noso centro esta actividade e que a "Forza as acompañe, para seguir divulgando a Estatística!!"

 

 

 

23 FILÓSOFAS NO 2023

Neste pasado 8 de marzo presentamos o proxecto "23 filósofas no 2023", un traballo interdisciplinar coordinado pola biblioteca coa colaboración dos departamentos de filosofía, galego e debuxo, co que queremos recuperar e poñer en valor a importancia destas creadoras de pensamento que aínda non figuran nos libros de texto. Despois dun traballo de investigación por parte do alumnado de 1º de BAC, realizamos unha instalación na biblioteca con realidade aumentada que permitiu escoitar os pensamentos de cada unha destas filósofas e para quen non puido estar presente ou quere revisar desde a casa ou desde as aulas, creamos dous xogos: un kahoot e un quiz.  Como colofón tivemos a visita dunha filósofa: Carme Adán, responsable do proxecto Sophias do Consello da Cultura Galega.
Felicitar ao alumnado que realizou este proxecto de investigación e o mostrou, porque ademais o resto de alumnado e profesorado tamén puido aproveitar este traballo e achegarse a estas figuras.
Aquí tedes un video resumo deste proxecto:
Distribuir contido