ESTARCIDO CONTRA O MASACRE DO POBO EN PALESTINA

 

 

Alumnado de Deseño (2º Bach) participou na actividade "Estarcido contra o masacre do pobo en Palestina" reproducindo a obra do artísta palestino Khaled Hourani titulada "Atlas Subxectivo de Palestina".
Como xa avanza o título da actividade, a técnica empregada foi o estarcido con spray sobre parede. A secuencia de traballo foi a seguinte:

  1. Separación das diferentes cores da imaxe a partir dunha fotografía da obra orixinal.
  2. Vectorizado do contorno das diferentes masas de cor.
  3. Creación das máscaras de reserva en fieltro coa cortadora laser.
  4. Aplicación das diferentes capas de cor empregando spray sobre as máscaras adheridas á parede.

O alumnado participante nesta acividade quere así, unha vez máis, amosar a súa solidariedade co pobo palestino e deixar pegada do seu compromiso.

INTERCAMBIO CO LYCÉE FRANCÉS GÉRARD DE NERVAL (SOISSONS)

O IES de Brión participou nun intercambio co Lycée Gérard de Nerval da vila de Soissons en Francia no marco do proxecto EduFrance. Despois da estadía do noso alumnado na súa vila e instituto, tocou recibir aos correspondentes franceses que viñan por primeira vez a Galicia. 

Durante unha semana coñeceron o centro e as clases pero tamén tiveron oportunidade de visitar o Concello e ser recibidos por parte da corporación, de coñecer un pouco máis Brión grazas a un roteiro organizado polo Departamento de Educación Física, de facer un treito do Camiño de Santiago, visitar a cidade de Santiago de Compostela e ata de comer churros! 

Pero tamén foi unha experiencia magnífica de sentirse acollidas nas familias das súas correspondentes das que todos quedaron encantadas polo trato e a acollida que tiveron con todos/as elas.

Na avaliación que fixemos ao finalizar a estadía, todas as participantes salientaban o ben acollidas que se sentiron aquí, a variedade e calidade das actividades e o tristes que estaban de rematar. Pola nosa parte, resumimos o noso sentir nas palabras de Alba L. "non teño palabras para describir o increíble e divertido que foi,  unha experiencia inolvidable e chea de aventuras. As despedidas son moi tristes e duras, así como nos pasou a nós a hora de despedirnos, pero estou moi agradecida e contenta de ter participado neste intercambio e estou segura de que nun futuro volverémonos encontrar."

UN PROXECTO STEMBACH REALIZADO POR ALUMNADO DO IES DE BRIÓN, GALARDOADO CUN DOS 2º PREMIOS DO “VI PREMIO STEPHEN HAWKING DE XÓVENES INVESTIGADORES”

O traballo Simulación computacional de la interacción de la magainina con modelos simplificados de membranas bacterianas y de mamíferos sanos realizado por Mikel Escobar Díaz, Álvaro Francos Martínez e Unai Peral Fernández, alumnos do STEMBACH de 2º de Bacharelato, foi merecedor dun 2º premio na VI convocatoria do  Premio Stephen Hawking de xóvenes investigadores convocado polo IES Plurilingüe Rosalía de Castro.

Neste traballo o alumnado  a través de simulacións computacionais estudou o comportamento da Magainina, un péptido antimicrobiano natural  (AMP)  e a súa interacción coas membranas de bacterias e de mamíferos sanos, observando como  este AMP era capaz de penetrar mellor na  membrana bacteriana. Esta actuación selectiva pode permitir nun futuro a creación  antibióticos máis específicos e potentes, empregando como diana terapeútica a  propia membrana bacteriana.

En total presentáronse 54 traballos de estudantes de once institutos: nove galegos, un de Soria e outro de Madrid. Os traballos xiraban en torno a dous eixos: a figura de Amparo Alonso Betanzos e a súa contribución á Intelixencia Artificial; e a lenda desta edición: Intelixencias. A bioloxía e xeoloxía foron os eidos con meirande peso, pero tamén houbo representación en física e química, matemáticas, no ámbito tecnolóxico coa presenza da robótica, das ciencias sociais ou de índole artística.

É un verdadeiro orgullo para o noso centro contar con alumnado como Álvaro, Mikel e Unai, dende aquí queremos  darlle a noraboa a estes tres alumnos, así como agradecerlle a Rebeca García Fandiño e Fabián Suárez Lestón, pertecentes  ao Grupo de investigación de Química Supramolecular e Nanotubos Peptídicos. (CIQUS) a coordinación e supervisión de este excelente traballo.

Memoria: "Simulación computacional de la interacción de la magainina con modelos simplificados de membranas bacterianas y de mamíferos sanos"

Póster: Simulación computacional de la interacción de la magainina con modelos simplificados de membranas bacterianas y de mamíferos sanos

"Entregados os VI Premios Stephen Hawking, auspiciados pola investigadora do CITIC Amparo Alonso", Código Cero, S. P. 19 de abril do 2024

VISITA AO CIMUS

O pasado 10 de Abril o grupo de StemBach de 1º BAC visitou o CIMUS. Foron recibidos polo persoal de Medicina Xenómica e durante a visita tiveron a sorte de poder acceder e ver o que estaban investigando os seguintes grupos de traballo:
  • Unidade de modelos de enfermidades e terapias avanzadas coordinado pola Dra. Catarina Allegue, ónde lle amosaron como se usaba a metodoloxía CRISPR sobre células nai para xerar modelos de enfermidades sobre os que probar terapias.
  • Equipo de investigación en neurociencia cognitiva, coa Dra.  María Tubío, neste grupo puideron observar como se integraba o traballo de psicólogas dentro da investigación biomédica e as liñas de investigación abertas no grupo,  nas que está moi involucrada a perspectiva de xénero. 
  • Grupo de Farmacoxenética, coa Dra. Olalla Maroñas: viron o que era a farmacoxenética e fixeron un experimento para diferenciar visualmente os tipos de metabolizadores que existen.

Ademais puideron visitar os laboratorios dos distintos grupos como tamén outras instalacións do CIMUS.

 

7ª COMPETICIÓN DE ROBOTS DA ESCOLA DE ENXEÑARÍA INDUSTRIAL DE VIGO

Un grupo de alumnado de Tecnoloxía, Intelixencia Artificial, Dixitalización 4º de ESO e Tecnoloxía e Enxeñaría de 1º de Bacharelato participan o venres 19 de abril na 7ª Competición de robots da Escola de Enxeñaría Industrial da Universidade de Vigo.

O alumnado participou o pasado venres nun obradoiro de serigrafía en colaboración co departamento de Debuxo para a preparación de camisetas para o evento.

Parabéns ao alumnado polo esforzo e traballo realizado.

PAREMOS O MASACRE EN PALESTINA

No IES de Brión sumámonos ás concentracións convocadas o venres, día 12 de abril nos centros educativos baixo o lema PAREMOS O MASACRE EN PALESTINA.

A comunidade escolar temos a obriga de actuar fronte á barbarie e actuar como o que somos, parte da sociedade civil, para presionar ós nosos gobernos co fin de parar este xenocidio. A LOMLOE, no seu primeiro artigo, afirma como un dos nosos principios “a transmisión e posta en práctica de valores que favorezan a liberdade persoal, a cidadanía democrática, a solidariedade, a tolerancia, a igualdade, o respecto e a xustiza”. O silencio, a equidistancia, ignorar o que está a suceder en Gaza é incompatible coa solidariedade, a xustiza e a cidadanía democrática.

Con este acto simbólico, quixemos mostrar que Gaza somos todas e todos. A súa dor é a nosa, a súa esperanza é o noso compromiso e solidariedade co pobo palestino.

FEIRA DAS PROFESIÓNS 4 DE ABRIL

ENLACES:

Un curso máis, os departamentos de orientación do IESP de Ames, IES de Brión e IES Xulián Magariños de Negreira celebraremos o vindeiro xoves 4 de abril a V Feira das Profesións coa presenza dun importante número de colaborades entre os que contamos con Universidades, CIFP, IES, CFEA, etc., así como con profesionais individuais de diferentes campos que achegarán ao noso alumnado o día a día das súas respectivas ocupacións.

O evento terá lugar no Pavillón deportivo de Brión e o horario será o seguinte:

  • De 10 a 14 horas asistirá o alumnado de 4º de ESO e bacharelato dos tres centros educativos.
  • De 16 a 18:30 horas poderá asistir todo o alumnado dos tres centros e dos centros da contorna que o desexen, de xeito libre e acompañado polas súas familias.
  • Ás 18:30 horas terá lugar o acto de clausura, coa presenza das alcaldías dos tres concellos e as direccións dos centros organizadores. 

Gustaríanos animarvos a que vos achegásedes a visitar a exposición no horario de tarde co fin de que os vosos fillos e fillas poidan beneficiarse desta actividade en familia, facilitando e acompañando así a súa toma de decisións educativa e profesional.

Agardámosvos en Brión 

TRÍPTICO

Icona premer

8 DE MARZO CO TEATRO DAS MANIOTAS!!

Para conmemorar este día 8 de Marzo,  compartimos con todos vos o primeiro vídeo dunha serie  deles sobre a vida de mulleres científicas e pioneiras ao longo da historia.

8 DE MARZO: DÍA DA MULLER

Distribuir contido