INTERCAMBIO CO LYCÉE FRANCÉS GÉRARD DE NERVAL (SOISSONS)

O IES de Brión participou nun intercambio co Lycée Gérard de Nerval da vila de Soissons en Francia no marco do proxecto EduFrance. Despois da estadía do noso alumnado na súa vila e instituto, tocou recibir aos correspondentes franceses que viñan por primeira vez a Galicia. 

Durante unha semana coñeceron o centro e as clases pero tamén tiveron oportunidade de visitar o Concello e ser recibidos por parte da corporación, de coñecer un pouco máis Brión grazas a un roteiro organizado polo Departamento de Educación Física, de facer un treito do Camiño de Santiago, visitar a cidade de Santiago de Compostela e ata de comer churros! 

Pero tamén foi unha experiencia magnífica de sentirse acollidas nas familias das súas correspondentes das que todos quedaron encantadas polo trato e a acollida que tiveron con todos/as elas.

Na avaliación que fixemos ao finalizar a estadía, todas as participantes salientaban o ben acollidas que se sentiron aquí, a variedade e calidade das actividades e o tristes que estaban de rematar. Pola nosa parte, resumimos o noso sentir nas palabras de Alba L. "non teño palabras para describir o increíble e divertido que foi,  unha experiencia inolvidable e chea de aventuras. As despedidas son moi tristes e duras, así como nos pasou a nós a hora de despedirnos, pero estou moi agradecida e contenta de ter participado neste intercambio e estou segura de que nun futuro volverémonos encontrar."