Festexamos o final de curso
Para rematar o curso, e como xa vai sendo tradición, xuntamos á rapazada dos catro cursos para facer unha comida de despedida. Pizzas e galletas conformaron un menú que só foi unha excusa para falar, rir e confraternizar.
Despois diso, cada grupo reuniuse para analizar os libros que pecharon o curso: A lebre mecánica de Ledicia Costas en 3º e 4º ESO e Contos por palabras de Agustín Fernández Paz e Cuentos de la selva de Horacio Quiroga en 1º e 2º ESO.
O libro de Ledicia Costas permitiunos falar fondamente sobre os problemas da ludopatía na sociedade actual, facendo especial fincapé no seu grupo de idade. As terribles consecuencias desta adición foron analizadas, así como cales son as medidas que se poderían tomar para reducir a súa incidencia. Tamén examinamos as casas de apostas, esas grandes fomentadoras deste problema, para saber cales son as súas estratexias.
Por outra banda, con respecto ao argumento do libro, gustou moito a técnica narrativa, moi próxima á súa realidade. Iso si, algúns cambiarían o final para que os protagonistas acabasen xuntos...
O grupo de 1º e 2º ESO despediu esta edición do Club de Lectura de 1º e 2º de ESO do curso 2022-2023 lendo e comentando a obra de dous grandes escritores, o contista, dramaturgo e poeta uruguaio Horacio Quiroga, e o mestre e escritor galego Agustín Fernández Paz.
Nas primeiras intervencións fixamos a nosa ollada en Contos por palabras, de Fernández Paz, un libro cheo de marabillosas historias que recollen a esencia do mellor contista italiano, Gianni Rodari. Fernández Paz era un mestre convencido do valor da lectura e da escrita nas aulas de literatura, e dos valores que os libros nos poden transmitir.
Por outra banda, a parada nos Cuentos de la selva, de Horario Quiroga, serviunos para ler un dos relatos que contén e admirar a marabillosa natureza que describe. Sen lugar a dúbidas, unha xornada inesquecíbel para todos os participantes do Club.
Adxunto | Tamaño |
---|---|
Club de lectura 3_4.jpg | 328.21 KB |