Skip to Content

Actividades conxuntas

FROITOS DE OUTONO 2015

Os nenos e nenas de Educación Infantil, coa axuda dos nosos compañeiros e compañeiras de cuarto de Primaria e coa máis que inestimable colaboración das familias, celebramos a chegada do outono cunha grande merendola no colexio.

Dentro do programa Aliméntate Ben, un dos Plan Proxecta nos que participa o noso centro, atópase esta actividade que realizamos o pasado venres 16 de outubro; degustamos un montón de froitos do outono e incluso varios biscoitos que nos agasallaron os pais e nais do noso alumnado.

Botádelle un ollo ás fotos que nos fixeron as nosas mestras para que vos fagades unha idea do ben que o pasamos e canto aprendemos.

                                                               

Festival Fin de curso 2015

 

Podedes botarlle un ollo ás actuacións e fotos do festival premendo nestas imaxes ou visitando a nosa galería de fotos e vídeos.

            BO VERÁN           

                                   FOTOS                                                                                                           VIDEOS

 

Visita a Allariz

O pasado martes 19 de maio o alumnado de 6º de Primaria e de 3º da ESO realizaron unha visita a O Rexo, en Allariz, na provincia de Ourense ao abeiro dun dos Plan Proxecta nos que participa o noso centro, o Proxecto Terra. Entre as moitas actividades que están a desenvolverse dentro do Proxecto Terra atopábase esta visita a Allariz para levar a cabo un estudo de campo co alumnado e profesorado participante nesta reserva da biosfera galega.

Premede nas imaxes ou visitade a galería de fotos para ver unha mostra do que alí tivemos oportunidade de aprender e admirar.

   

Concerto de Paco Nogueiras: "Brinca Vai"

Por fin chegou e non decepcionou a tan esperada visita do músico compostelán Paco Nogueiras ao noso centro o pasado venres 15 de maio. Con motivo da celebración das Letras Galegas o Equipo de Normalización Lingüística levou a cabo unha serie de actividades para todo o alumnado e como fin de festa para os/as máis cativos/as, que mellor que convidar ao músico Paco Nogueiras para que nos presentara en vivo o seu novo traballo musical "Brinca Vai" da editorial Kalandraka;o alumnado de infantil e 1º e 2º ciclo desfrutou dun concerto moi animado e divertido, cantou, bailou e brincou ao ritmo das alegres cantigas e coreografías deste traballo musical tan completo na nosa língua.

Moitas grazas Paco por brincar con nós e por amosarnos que En Galego, Noso o Mundo É!

Visitade a nosa galería de fotos e vídeos ou premede nestas fotos e enlaces para que vos fagades unha pequena idea da festa que vivimos o día das Nosas Letras.  

                 

Obradoiro "A aventura está no mar II"

O venres 8 de Maio voltaron ao noso centro os nosos amigos da Patrulla dos Arroaces que tantas historias e cousas nos ensinan do mar e de como coidalo para que siga dándonos tantos tesouros. Desta volta trouxeronnos unha historia de mariscadores e gardacostas que pelexan día a día polo coidado do noso mar e das especies que o habitan.

Premede nas fotos ou visitade a nosa galería de imaxes e veredes que xeito de aprender máis divertido. 

                   

O sabor da aventura está no mar. Obradoiro.

O pasado xoves 26 de marzo viñéronnos visitar ao colexio uns amigos moi especiais: A Cuadrilla dos Arroases. Luís "O Pescador" e Mariña " A cociñeira", xunto cos seus axudantes, chegaron cargados de contos, historias e probas para os rapaces e rapazas de 6º de infantil, 1º, 3º e 5º de primaria que están a participar no programa do Plan Proxecta "Aliméntate Ben". Contáronnos cousas moi curiosas do mar, dos peixes, da Pesca Sostible, do Consumo de peixe do noso litoral e das cousas que todos e todas podemos facer para conservar o noso mar e os animaliños que nel viven; tamén houbo tempo para xogar e tentar superar as probas que nos propuxeron e poder así acadar o noso Título de Mariñeiro Pescador Sostible.

Se queredes ver canto aprendemos e o moito que nos divertimos visitade a nosa galería de fotos ou premede en calquera destas fotos.

ENTROIDO 2015

O pasado venres 13 de febreiro celebramos no colexio o xa tradicional desfile e concurso de disfraces, así como a degustación de todas as ricas sobremesas de entroido que tan amable e xenerosamente nos agasallan as familias dos nosos/as rapaces cada ano. Desta volta a temática dos disfraces foi a Educación Vial que levamos traballando dende fai tempo nas aulas cos raparigos e raparigas.

Se non tivestes oportunidade de participar do noso desfile en directo e comprobar o moito que traballaron os vosos fillos e fillas coa axuda dos seus mestres/as, non deixedes de visitar a nosa galería de fotos ou premede na foto seguinte.                                                      

                                                                     

VII CONCURSO de MICRORRELATOS e MICROPOEMAS "TERRAS do UMIA"

 A coordinadora comarcal de Equipos de Dinamización da Lingua Galega convoca o VII concurso de microtextos (curso 2014-2015). Poderán participar  todos os centros educativos que integren a Coordinadora Comarcal “Terras do Umia” dos concellos de Barro, Caldas de Reis, Cuntis, Moraña e Portas.

Bases do concurso:

-Sección de Microrrelatos: O texto presentado debe de ser en galego e non conter máis de 100 palabras.

-Sección de Micropoemas: O texto presentado debe constar dun mínimo de dous versos e un máximo de catro.

-Cada persoa só poderá enviar un texto para cada sección.

- A temática será libre, mais debe aparecer necesariamente a palabra “cincocentas”.

- Os traballos deberán entregarllos aos integrantes do EDLG do centro, previa selección de dous textos por grupo. No texto presentado debe constar o nome e apelidos do/a participante, o curso, o centro, así como a categoría á que pertence.

- O prazo límite para entregar os textos será o martes, 18 de febreiro e cada centro escollerá dous finalistas por categoría e presentará os textos “corrixidos”.

 

                                 Categorías:

                                 A: Infantil

                                 B. 1: 1º ciclo de primaria.

                                 B. 2: 2º ciclo de primaria.

                                 B. 3: 3º ciclo de primaria

                                 C: Secundaria

                                 D: Bacharelato.

                                 E: Profesorado, persoal non docente e familias.

 

Premios: Cada centro outorgará os premios que considere oportunos aos seus finalistas. Un xurado designado pola coordinadora dos Equipos de Dinamización da Lingua Galega dos distintos centros concederá un premio comarcal por categoría . Valorarase a orixinalidade e creatividade, así como a calidade lingüística e literaria.

Os traballos premiados en todas as categorías, así como os finalistas dos distintos centros, serán expostos nas rúas dos Concellos participantes co nome do autor e do centro, dentro da programación cultural dos respectivos concellos. Tamén aparecerán nas páxinas webs ou blogs dos centros educativos participantes,  así como nas respectivas revistas escolares.

FESTIVAL DE NADAL 2014

O pasado venres 19 de decembro os nenos e nenas do noso colexio fixeron gala das múltiples cualidades artísticas que posúen. Moitas grazas a tódalas familias que nos acompañastes, e ás que non puidestes facelo, non perdades a oportunidade de compartir con nós unhas imaxes e vídeos que fixemos con moito cariño o profesorado dos vosos/as cativos/as. Podedes botarlle un ollo premendo no noso querido Apalpador ou visitando a nosa galería de fotos e vídeos.

                                                                                         VIDEOS E FOTOS

Distribuir contido


by Dr. Radut