Skip to Content

Actividades conxuntas

Saída a Cerceda 2017

O pasado xoves 22 de Xuño o alumnado de 5°B de EP e 4° de ESO, gañadores do concurso "Aula máis limpa" organizado dentro do Plan de convivencia do centro, recibiu o seu premio que consistiu nunha excursión ao aquapark de Cerceda. O alumnado de 1°ESO, gañador do Premio do festival Telearqueoloxía da Deputación de Pontevedra pola súa curtametraxe "Castrolandín" tamén desfrutou desta viaxe como mostra de agradecemento polo bo traballo realizado.

Aquí tedes unhas fotos de todo o grupo e algunha máis da visita.

                                              

AXENDA ESCOLAR DO CPI 2017

Un ano máis o Equipo de Dinamización e Normalización da Lingua Galega encargouse de todo o traballo que xira en torno á nosa axenda de centro e puxo a funcionar tamén a todo o alumnado e profesorado do centro. Cada aula de Infantil, Primaria e Secundaria realizou un debuxo en torno a un lema sobre a lectura que dende o EDNL se lle deu a cada titor/a como punto de partida e inspiración. Despois fixemos unha exposición no corredor principal do colexio con todos os debuxos e composicións resultantes e eliximos os que ían representar cada mes.

Grazas á colaboración de todo o alumnado, familias e profesorado e da subvención anual que nos da o Concello de Cuntis e o proxecto que presentamos á Consellaría de Educación para os programas de dinamización da Língua Galega do Departamento de Normalización Lingüística da Xunta, finalmente elaboraremos a axenda escolar deste curso.

Aquí podedes ver unhas imaxes de todos os traballos realizados e da selección final que aparecerá na nosa axenda escolar deste curso 2017-2018.

                              

Club de Lectura e Club da Ciencia visitan Santiago

O alumnado que participou activamente durante o curso nas actividades organizadas polo "Club de Ciencia" e polo "Club de Lectura" foi convidado a unha excursión a Santiago de Compostela que tivo lugar onte martes 30 de Maio. Pola mañá asistiron a tres visitas guiadas: á Biblioteca América da Biblioteca Xeral, á Biblioteca da Facultade de Xeografía e Historia e ao Museo de Historia Natural; e pola tarde realizaron un xogo de recoñecemento e idenficación de árbores no Campus Sur Universitario.

Premede nas fotos para ver as imaxes de toda a xornada... 

                

Festa da Lingua 2017.

Un ano máis celebramos no centro a Festa da lingua na ESO coa entrega do V premio de poesía Carme de Xinzal, que convoca a Asociación O Fervedoiro, e a representación da obra de teatro Conversas coa lingua (adaptación da peza teatral Conversas coa nobre dama de Olimpio Arca).

Educación Primaria tamén participou coas súas actuacións, murais e co photocall da Galiña Azul de Carlos Casares.

Aquí vos deixamos os vídeos e as fotografías. E que dure mil primaveras máis!

  

Festa da Lingua 2017

Hoxe o alumnado do centro participou na Festa da Lingua en Portas, organizada pola Coordinadora comarcal dos Equipos de dinamización da lingua do Umia. Puideron gozar das actuacións musicais dos demais centros escolares e das creacións gañadoras dos concursos de micropoemas e microrrelatos. A nosa alumna Inés Amado Carballo, de 4º ESO, foi a seleccionada na categoría C2 (3º e 4º ESO) de entre todos os centros da comarca do Umia. Foi unha xornada de convivencia coa lingua galega como fío contudor. Parabéns a Inés e a todo o alumnado dos demais centros.

Coma sempre, premede nas imaxes ou visitade a nosa galería de fotos para ver como se desenvolveu a xornada.

                             

Día do Libro na Biblioteca. 2017

Para conmemorar o Día do Libro, desde a Biblioteca convidamos ao profesorado a compartir con toda a comunidade educativa a súa biografía lectora. Cada un dos mestres/as e profesores/as participantes elaborou unha pequena biografía lectora en forma de mural que despois expuxemos no corredor principal do centro para animar a todo o alumnado a mirar e tratar de adiviñar de quen é cada unha das lecturas.
Din que podemos coñecer a unha persoa a través dos seus libros preferidos. Así que non será tan difícil adiviñar que profesores/as están detrás de cada mural.

Premede na imaxe e botádelle un ollo a todo. Para a semana, as votacións do concurso: quen é quen?

                                     

Educación Física na rúa

Alumnado do noso centro, acompañado polo profesorado de educación física e algúns titores, participou na conmemoración do 25 de abril + EF! , Día da Educación Física na Rúa.

A intención da xornada era dar visibilidade á materia de educación física. Esta actividade permitíramos concienciar a toda a comunidade educativa da necesidade de incrementar o número de horas semanais de educación física no ensino obrigatorio como medida para evitar o sedentarismo e mellorar a saúde do alumnado. Na Praza da Constitución de 12:30 a 13:30 realizaron xogos, bailes e actividades que  pretendían ser unha pequena mostra dos contidos impartidos en nesta área. Agradecer ao Concello que colaborou con nos prestándonos a megafonía.

Premede nas imaxes ou visitade o blogue de Educación Física para ver unhas fotos da xornada.

             

Ponlle as Pilas ao teu Bocata 2017.

No día de hoxe tivemos unha visita moi agardada por todos/as os/as participantes no Programa dos Plans Proxecta "Aliméntate Ben", os xa famosos bocatas de Ponlle as Pilas ao teu Bocata que podemos degustar grazas á participación do profesorado de Educación Infantil e Primaria neste proxecto e innovación do noso centro.

O alumnado de Educación Infantil e segundo, terceiro e sexto de Primaria recibiron primeiro unha charla informativa sobre as vantaxes dunha alimentación equilibrada e os beneficios que nos aportan os alimentos do mar e envasados en conserva; despois fixemos uns xogos adaptados a cada idade para coñecer máis cousas sobre o mar e todas as posibilidades que nos ofrece; e finalmente cada rapaz tivo a oportunidade de facer o seu propio bocata e cos seus ingredientes favoritos.

Coma sempre botádelle unha ollada ás fotos que sacamos premendo nas imaxes ou visitando a nosa galería de fotos.

                 

Club da Ciencia 2017

No pasado mes de febreiro o noso centro presentou un proxecto para participar no Programa piloto de Innovación Educativa "Club de Ciencia" para centros docentes dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria durante o curso 2016/17.

Este mércores 22 de marzo soubemos que o noso centro foi seleccionado con nove máis de toda Galicia para crear de forma experimental este CLUB DA CIENCIA. En breve informaremos da posta en marcha do mesmo e das actividades que levaremos a cabo. 

Neste enlace podedes ver máis información ao respeto: http://www.edu.xunta.gal/portal/node/21144

CONTACONTOS PARA EDUCACIÓN INFANTIL E PRIMEIRO CICLO DE PRIMARIA

O alumnado de Educación Infantil do noso centro e da Unitaria de Arcos de Furcos, xunto cos de primeiro ciclo de Educación Primaria desfrutaron este venres dunha sesión de contacontos moi interesante a cargo da grande contadora de historias Raquel Queizás, ou como ela nos dixo que lle podiamos chamar, Queliña. Os contos que nos trouxo Queliña trataban de achegar a todos os cativos/as e non tan cativos/as a importantísima idea de que Todos e Todas "Somos Iguais" sen ter en conta o noso tamaño, idade, sexo ou raza.

Velaquí algunhas fotos que tiraron as mestras do ben que o pasamos cos Contos de "Somos Iguais", botádelle un ollo porque non só participaron das historias os pequerrechos e pequerrechas, a algunha das mestras tamén lle tocou disfrazarse.   

Grazas ao Concello de Cuntis por ofrecernos a oportunidade de desfrutar

esta sesión de Contacontos para conmemorar o Día da Muller.

Distribuir contido


by Dr. Radut