GRADUACIÓN ALUMNADO 6º EDUCACIÓN INFANTIL

Hoxe tivo lugar o acto de graduación do alumnado que remata 6º de educación infantil. Gozamos coas actuación dos nenos e nenas de 4º e 5º de EI e cos consellos e recomendacións que lles deron os seus compañeiros/as de 1º de educación primaria. Parabéns polo traballo realizado nestes anos, agora comezan unha nova etapa na que seguirán contando co apoio de todos e todas os que formamos parte desta Comunidade Educativa.

Clica na imaxe para ver as fotos e vídeos

PROXECTO SADABONA: XORNADA DE CONVIVENCIA

Durante o presente curso escolar o noso centro desenvolveu o Proxecto SadaBona, derivado da palabra africana Sawabona, que significa: respéctote, valórote, ti es importante.
O proxecto tivo como eixo a interculturalidade, co obxectivo de fomentar o respecto á diversidade de culturas e incidir na convivencia pacífica entre elas. Ademais, coa finalidade de impulsar a aprendizaxe servizo realizamos distintas colaboracións con ONG: Aldeas Infantís, Médicos sen Fronteiras, África Sawabona, Camiña Nepal e tamén con Cruz Vermella.
Como actividade final de proxecto realizamos unha xornada festiva de convivencia na que familias, alumnado e profesorado gozamos nun circuítos con xogos populares, paracaídas, cooperativos... Como acto final tivemos un concerto de Cé Orquestra Pantasma no que bailamos, saltamos, rimos e sobre todo pasámolo moi ben.

A ANPA As Mariñas encargouse de aportar unhas deliciosas empanadillas, arepas, froita e auga.

Moitas grazas a todos e todas polo voso entusiasmo, a vosa ilusión e por axudar a fortalecer os nosos lazos. Foi unha gran xornada de festa e convivencia.

Clica na imaxe para ver as fotos da xornada

                                                           

Vídeo da xornada

Plan Director de Convivencia: Educación Vial

Dentro das actividades programadas pola Comisión de Convivencia do Centro, coa colaboración da Asociación de Nais e Pais, o alumnado de 5º e 6º cursos de Educación Primaria participou en unha charla sobre Educación Vial. Posteriormente realizou un circuíto nas pistas polideportivas do Paseo Marítimo de Sada co obxectivo de que se fagan responsables da súa conduta e comproben a importancia de respectar as normas viarias. Esta actividade contou coa colaboración de Deport Ocio que aportou os kart cos que o alumnado realizou a actividade. Moitas grazas a Manolo, responsable da empresa, pola súa colaboración co centro.

Esta actividade inclúese dentro da posta en marcha do Camiño Escolar seguro do noso centro.

  

Nos blog de aula podedes ver as imaxes da actividade.

 

PROXECTO ANCAS: REUNIÓN NO CONCELLO DE SADA

Responsables de Stop Accidentes e unha representación do alumnado do noso centro mantivo unha reunión co alcalde de Sada, Benito Portela, e a concelleira de Educación, Rebeca Mouriño. Na mesa trasladaron a análise realizada dos distintos percorridos para poñer en marcha o Camiño Escolar Seguro, as deficiencias atopadas e as propostas de actuacións a realizar.

 

COMEDOR ESCOLAR CURSO 2024 2025

Está dispoñible na páxina do Concello de Sada https://www.sada.gal/servizo-de-comedor-no-ceip-sada-y-contornos-curso-2024-2025  toda a información para a inscrición no comedor escolar do CEIP Sada y sus Contornos para o curso 2024 2025, na mesma poden atopar o impreso de solicitude, as bases da convocatoria e outra documentación de interese.

Haberá dous prazos diferenciados para presentar as solicitudes:

  • Prazo I para o alumnado que xa conste matriculado no centro actualmente: do 27 de maio ao 14 de xuño (inclusive).
  • Prazo II para o alumnado de novo ingreso no centro: Do 20 de xuño ao 1 de xullo (inclusive).

 

AXUDAS PARA ADQUISICIÓN DE LIBROS DE TEXTO, MATERIAL ESCOLAR, FONDO SOLIDARIO E BANCO DE LIBROS DA ANPA

No DOG de 20 de maio de 2024 publicouse a Orde pola que se regula a participación no fondo solidario de libros de texto e se convocan axudas para adquirir libros de texto e material escolar destinadas ao alumnado matriculado en Educación Primaria, ESO e educación especial en centros sostidos con fondos públicos para o curso escolar 2024/2025.

No curso 2024/2025 o Fondo solidario de libros de texto estará accesible para o alumnado matriculado en 3º e 4º de Primaria. O alumnado matriculado no curso 2024/25 en 5º e 6º de EP no noso centro, ao formar parte do Proxecto E-DIXGAL, está excluído da participación no fondo solidario de libros de texto e das axudas para adquirir libros de texto. Non obstante, poderán solicitar a axuda para adquirir material escolar cando reúnan os requisitos establecidos na orde.

En 1º e 2º de educación primaria haberá as axudas para a adquisición de libros de texto. No caso do material escolar, convócanse axudas para a súa compra destinadas ao alumnado matriculado en toda a Educación Primaria.

Os requisitos e termos da convocatoria poden consultarse no taboleiro de anuncios da entrada do colexio, na páxina web do centro e no portal da Consellería https://www.edu.xunta.gal/portal/fondolibros

O prazo para a presentación das solicitudes remata o 21 de xuño de 2024, inclusive.

Para presentar a solicitude presencialmente no centro recoméndase concertar cita previa (881880022 – ceip.sada@edu.xunta.gal). 

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica no formulario normalizado (ED330B-anexos I e II) dispoñible na aplicación «fondolibros» https://www.edu.xunta.es/fondolibros a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=ED330B. Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes  presencialmente  no centro  ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. O formulario tamén está dispoñible no centro. 

No caso das axudas para a adquisición de libros de texto, os tramos de renda e as súas correspondentes axudas son as seguintes para 1º e 2º cursos de Educación Primaria:

  • Renda per cápita familiar igual ou inferior a 6.000 euros: 240 euros.
  • Renda per cápita familiar superior a 6.000 ata 10.000euros: 160 euros 

A contía da axuda para adquirir material escolar destinado a alumnado matriculado en Educación Primaria será a seguinte:                                                                                                              

a) Renda per cápita familiar igual ou inferior a 6.000 €: 75 €.                                                                 

b) Renda per cápita familiar superior a 6.000 € e igual ou inferior a 10.000 €: 60 €.

Para os efectos de renda terase en conta o exercicio fiscal do ano 2022 e para as circunstancias familiares a alegar serán a composición familiar a 31 de decembro de 2022, agás cando unha sentencia de separación ou divorcio posterior a esta data atribúa a custodia a un dos dous proxenitores e nos casos de violencia de xénero que se aplicará o disposto na súa lexislación específica.

Cando se presentase declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas no exercicio fiscal 2022, sumaranse a base impoñible xeral (recadro 435) e a base impoñible do aforro (recadro 460); cando non se presentase, teranse en conta os ingresos de acordo cos datos tributarios facilitados pola Axencia Estatal de Administración Tributaria.

Fondo público solidario. Será requisito fundamental para acceder ao fondo solidario, ou recibir as axudas para libros ou material escolar ter devolto os libros de texto. A asignación de libros de texto correspondente aos cursos de 3º e 4º de Primaria, de non alcanzar os libros dispoñibles no fondo solidario, o centro adquirirá os libros complementarios necesarios.

Banco de libros da Asociación de Nais e Pais. 

3º e 4º de EP: Para aquelas familias que non se lles concedan libros a través do Fondo solidario (por superar os límites de renda) hai libros da ANPA suficientes. 

 A ANPA comunicará máis adiante como acollerse ao Banco de libros (para facelo é preciso ser socio/a).

Orde da convocatoria

Documentación a presentar

Solicitude en galego

Solicitude en castelán

Fondo libros.

Sede electrónica.

Festival Letras Galegas

Hoxe celebramos o Festival das Letras Galegas, dedicado este ano a Luísa Villalta. Gozamos con todas as actuacións que deixaron constancia do gran traballo realizado polo alumnado e profesorado. Cancións, bailes, obras de teatro e sobre todo moito orgullo pola nosa lingua.

Tarabelo na Ondas Letras Galegas

Fai clic na imaxe para ver as fotos da xornada

Día Internacional Contra o Acoso Escolar

Ao longo deste  curso son moitas as actividades que realizamos para aprender a convivir e respostar activamente contra o Acoso Escolar. 

Hoxe é un día importante porque conmemórase o Día Internacional Contra o Acoso Escolar e recordaremos nas titorías a importancia de seguir a traballar todos e todas xuntos/as contra todo tipo de violencia.

Especial Tarabelo nas ondas sobre o acoso escolar.

 

Distribuir contido