CRECENDO XUNTOS, APRENDENDO PARA SEMPRE
Blogues
CRÓNICA DO GALIÑEIRO: a misteriosa desaparición do galo Manuel (6 - 10 - 2022).
Enviado por Noelia o Xov, 06/10/2022 - 21:50Nesta semana vivíronse no noso cole momentos asombrosos! Dende a explosión dun ovo fétido ata a desaparición da parella da nosa galiña Rosalía. Comecemos dende o principio:
A PASADA FIN DE SEMANA chegou a primeira pita habitante do noso galiñeiro, ela é Rosalía, unha pitiña negra que chegou de noite da man de Montse, Diego e Amable (nai, irmán e avoa de Álex) tapadiña nunha caixa e acompañada dos dous ovos que estaba rematando de incubar.
Rosalía estaba destinada a ser a nai adoptiva dos ovos que tiñamos na incubadora. Lastimosamente, os ovos non foron adiante así que depositamos as nosas esperanzas neses outros dous que Rosalía traía consigo.
O LUNS fomos correndo a ver a Rosalía e comprobar se naceran pero o ansiado momento non acababa de chegar.
O MARTES apareceu o galo Manuel, pequeniño pero impetuoso e, dado que os ovos de Rosalía non naceran decidimos abrilos. Aquí é onde se produciu a EXPLOSIÓN INESPERADA que colleu de sorpresa aos alí presentes deixando un aroma indescriptible nos arredores do horto.
Coa idea de que a natureza seguira o seu curso e nos regalara os tan ansiados pitiños, decidimos aumentar as posibilidades traendo ao cole dúas galiñas máis. Hoxe XOVES, Yolanda (nai de Theo), trouxo dúas pitiñas novas que fomos levar a primeira hora ao galiñeiro.
Foi nese momento cando nos decatamos do sorprendente suceso: O GALO MANUEL NON ESTABA NO GALIÑEIRO! Deixamos ás dúas pitiñas dentro e rapidamente iniciamos unha procura que resultou infructuosa.
Precisabamos axuda de todo o cole así que o alumnado de Infantil percorreu todas as aulas informando da desaparición e emprazando a todos e a todas a unha procura exhaustiva na hora do recreo.
Todo o mundo participou e, grazas ás dotes detectivescas do noso alumnado, puidemos atopar as pistas en forma de plumas negras e varios buratos por onde poida que Manuel se fugase.
Seguiremos investigando e informaremos de calquera avance nas nosas pesquisas.
Esta é unha FOTO DE ARQUIVO do noso galo. Rogamos a quen o vexa que avise axiña ao colexio. Grazas pola vosa colaboración.
COLLEITA DO MILLO (4 - 10 - 2022).
Enviado por Noelia o Xov, 06/10/2022 - 21:12O alumnado de 3º e 4º de Primaria coa axuda do profe Félix realizou a colleita do millo do horto escolar e gardaron todos os tomates para que vaian madurando no interior.
Os habitantes do noso galiñeiro darán boa conta desta nosa produción!
DECORANDO A ASEMBLEA DO HORTO. (Obradoiro cooperativo: Infantil-3º ciclo). (22 - 09 - 2022).
Enviado por Noelia o Dom, 25/09/2022 - 14:43Antes de cada sesión de traballo no horto sentamos nos troncos da nosa asemblea para poder organizar as labores e tamén, ao remate, valorar a xornada.
Para que estes "sentallós" poidan durar moito tempo decidimos protexelos e decoralos con pintura acrílica de cores.
O alumnado de Infantil xunto co alumnado de 5º e 6º de Primaria, levaron a cabo este obradoiro cooperativo de traballo por parellas.
A actividade foi todo un éxito: as nenas e nenos pequenos portáronse de marabilla e as nenas e nenos maiores fixeron un fantástico traballo de titorización, asesoramento e colaboración.
Grazas rapazada! Sodes xeniais!!
PLANTANDO UN REGO DE LEITUGAS (20 - 09 - 2022)
Enviado por Noelia o Dom, 25/09/2022 - 14:24Chega o outono pero parece que a calor se resiste a abandonarnos así que decidimos aproveitar o espazo de terra libre que deixaron as cebolas.
O alumnado de 1º e 2º de Primaria foi ata o horto plantar un rego de leitugas e, de paso, aprender como funciona o sistema de rega automática.
MARTÍN (pai de Maia) AXUDOUNOS A FACER A SALSA DE TOMATE. (14 - 09 - 2022).
Enviado por Noelia o Dom, 25/09/2022 - 11:57Cos ingredientes recollidos no horto e as mans ben lavadiñas, o alumnado de Infantil púxose mans á obra para cociñar.
Lavamos e picamos ben as hortalizas para levarllos a Martín quen ía guisando todo na pota.
A nosa salsa rematou de facerse na cociña e Silvia, a nosa cociñeira, deulle o toque final pasándolle a batedora.
Quedounos riquísima!!!
ESTA VEZ SEGURO QUE NACEN! (09 - 09 - 2022).
Enviado por Noelia o Dom, 25/09/2022 - 11:46O día 9 de setembro puxemos de novo os ovos na incubadora.
Despois de que o curso pasado non naceran os pitiños, decidimos que o intentariamos de novo en setembro e así o fixemos.
Foi un traballo en equipo: Javi (pai de Valentina) trouxo os ovos, Petrica (nai de Liza) deixounos a incubadora e Montse (nai de Álex) coordinouse con nós para poñer os ovos a incubar cando a súa pita se puxese a chocar. Cando os nosos pitiños nazan, a pita de Montse será a súa nai adoptiva.
Estamos desexando velos nacer e poñer en funcionamento o o galiñeiro do cole!
É TEMPO DE COLLEITAR (12 - 09 - 2022).
Enviado por Noelia o Dom, 25/09/2022 - 09:36Remataron as vacacións e voltamos á escola!
Despois das apertas e do recibimento ao alumnado novo, as nenas e os nenos de Educación Infantil foron ver como estaba o horto. Como medrou todo en dous meses!!
Agora toca organizarse co alumnado de Primaria e programar o traballo: Que produtos teñen mais présa? Cales poden estropearse antes? Que imos facer con eles?
Decidido: en infantil faremos salsa de tomate así que recolleremos cebolas, tomates, pementos de Padrón e cabaciños!
O NOSO HORTO NO VERÁN.
Enviado por Noelia o Sáb, 24/09/2022 - 15:11
Ao longo dos meses de xullo e agosto, o noso horto seguíu producindo para nós.
Grazas ao sistema de rega automática instalado e ao traballo voluntario de coidado e recolección, puidemos gardar a nosa colleita de allos e cabaciños.
As tomateiras comezaron a producir e fomos conxelando os tomates maduros para engadir á salsa de tomate no mes de setembro.
Grazas ao traballo colectivo temos un horto ben fermoso e produtivo!
A RENOVACIÓN DO NOSO COLE. (Verán de 2022)
Enviado por Noelia o Ven, 23/09/2022 - 07:12
Que ben vai quedar o noso cole!
Levamos varios anos de obras e moito traballiño pero está pagando a pena.
Fixéronse obras de renovación na cociña, creouse un aula de Infantil no edificio principal e uníronse e preparáronse dúas aulas para crear a nosa nova biblioteca.
Este verán, , en canto o alumnado colleu as súas vacacións, reiniciáronse as obras e estas son algunhas das melloras:
- Reforma integral dos baños de todo o colexio e aumento de outros tres a carón do comedor (un deles para persoas con mobilidade reducida) e outro a carón da cociña.
- Substitución integral de todo o cerramento exterior do edificio (portas e ventás).
- Creación dun cuarto de limpeza.
- Inxección de illante nas paredes para un maior control térmico e aforro enerxético.
- Colocación de dobre teito illante con benefico acústico.
- Instalación de luces LED en todas as aulas e con sensor de movemento en corredores e baños.
- Eliminación de azulexos en aulas e corredores.
- Pintado de todo o colexio.
- Arranxos e renovación de instalación eléctrica nalgúns puntos.
A comunidade escolar do CEIP Rosalía de Castro celebra as melloras que se están levando a cabo, participa activamente nos cambios e mira con ilusión cara o futuro.
RECOLLIDA DE VALES PENDENTES
Enviado por Iria o Xov, 07/07/2022 - 14:33RECOLLIDA DE VALES PENDENTES
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 5
- 6
- 7
- 8
- 9
- 10
- 11
- 12
- 13
- …
- seguinte ›
- última »