Skip to Content

Complementarias e extraescolares

Fase intercomarcal de campo a través. Campamento Virxe do Loreto (Porto do Son), 23/01/15 .

 

Pouco despois de regresar das vacacións de Nadal tería lugar a fase intercomarcal, de novo no campamento Virxe do Loreto de Porto do Son. Aquí participarían nenos e nenas de comarcas limítrofes e outras de aínda máis lonxe. Así, participaban corredores/as de Cee, Dumbría, Vimianzo, Muros, Mazaricos, Santa Comba, Boiro, Ribeira, Noia, Outes, etc

 Nesta fase, o nivel foi elevado, pois non debemos esquecer que só participaban os corredores/as mellor clasificados/as de cada comarca, fosen de clubs ou centros educativos.

Esta xornada sería aínda de máis éxito, se cabe, para o noso centro, posto que os dous equipos benxamíns (feminino e masculino) lograrían os primeiros postos, unha vez máis, clasificándose polo tanto para a fase provincial. Pero, aínda nos quedaban un corredor alevín e unha corredora infantil. Ambos darían todo de si nas respectivas probas. Tanto foi así que, o neno (S.M.B.), a pesares de lesionarse durante a carreira foi quen de acadar a meta e, por se isto non fose suficiente, lograría un novo metal para a súa colección, ao clasificarse nun quinto posto. No que á nena, M.C.L se refire, dicir que tamén obtivo unha boa posición, pois foi novena, aínda que nesta ocasión non chegaría á fase provincial como fixera na tempada anterior.

 Peroooo, a xornada aínda lles depararía unha nova e inesperada alegría!!!

 Namentres esperabamos polos nosos trofeos, varios nenos e nenas decatáranse de que algunha nena famosa e popular tamén practicaba a modalidade de campo a través. Tratábase , nin máis nin menos, que de Ana, unha alumna do C.E.I.P Eugenio López de Cee (centro do que gardo moitas e boas lembranzas durante tres anos de servizos nel), concursante do programa televisivo de cociña “Máster Cheff” e que pasaría un bo anaco asinando autógrafos, como famosa que era para moitas das persoas alí presentes.

 Fase intercomarcal, carreiras, corredores/as, público


A ilusión e felicidade era moita, pois todos/as seguirían adiante e, nin máis nin menos que, nos primeiros postos. Unha morea de campións e campionas.

Fase comarcal de campo a través. Campamento Virxe do Loreto (Porto do Son), 17/12/2014

 

Preto dun mes despois, da toma de chegaría a xornada da fase comarcal, nela só pasarían os/as mellores clasificados/as de cara á fase intercomarcal. Isto coñecíano os corredores e corredoras e, por este motivo, porían todo o seu ímpetu e esforzo en lograr uns bos resultados.

Nesta ocasión as carreiras levaríanse a cabo no campamento Virxe do Loreto en Porto do Son. Entón, despois de chegar alí, pousar as mochilas, recoller os dorsais, e saudar aos coñecidos/as cos que nos atopamos, percorreriamos o circuíto para comprobar as condicións nas que se atopaba e telas en conta durante as carreiras. Algo despois, cada equipo iría quentando, posto que os nosos alumnos/as serían dos primeiros en competir.

Ao finalizar a xornada, parte do noso alumnado debería subir ao podio para recoller os trofeos, que os acreditarían como primeiros clasificados/as por equipos (masculino e feminino), no que á categoría benxamín se refire. Pero, ademais acadariamos primeiros, segundos, terceiros postos, ... a nivel individual e, a maiores, clasificaríanse un neno da categoría alevín e unha nena da infantil. En total serían nove os metais conseguidos e, con eles, retornariamos para a Serra arredor das 13: 15h.

 

carreiras campo a través, corredores/as, público

As sensacións no regreso eran opostas, segundo con quen falases ou a quen observases. Pero, era normal, posto que uns/has deixaran alí as súas ilusións, o seu esforzo, ... namentres outros/as seguirían adiante e, non só iso senón que, lles tocaba representar á comarca como primeiros/as clasificados/as. A responsabilidade era grande e importante, pero ben poderían con ela ..., posto que se trataba de dous equipaaaaazos!!

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Xogade co campo a través desde o noso centro.

 

Desde a área de E. Física preténdese, entre outras cousas, que nenos e nenas adopten uns hábitos de vida saudables e, para iso, foméntase a práctica deportiva e o exercicio físico en xeral, posto que está comprobado cientificamente que a súa práctica habitual repercute favorablemente na saúde beneficiándoa. Por ende, é clave fomentar o exercicio desde a infancia, tanto no ámbito escolar como no familiar. Debemos traballar para lograr xeracións cun estilo de vida saudable e, para iso, é necesario conseguir consolidar nelas uns hábitos físico-deportivos correctos. Pero ademais, quérense potenciar outros aspectos tamén importantes a nivel persoal e social. Deste xeito, abórdanse: a cooperación, o esforzo, a superación, a derrota, a vitoria, ...

 Na modalidade de campo a través, dentro da actividade de deporte en idade escolar de Xogade, dentro do Proxecto Proxecta, .... coincídese en boa medida co explicado no parágrafo anterior.

 Pola razón citada, a principios de curso, varios mestres/as elaboramos un proxecto pensando en seguir co campo a través no cole. Logo, cando saíu aprobado, falouse co alumnado e un grupo bastante numeroso (algo máis de 60) de 2º a 6º de E. Primaria, manifestou o seu interese, entusiasmo e ilusión por formar parte de dito proxecto ...

 Pasados uns días, e tras contar coas autorizacións pertinentes solicitadas ás familias, introducimos os datos solicitados por Xogade.

Axiña se empezaría cos adestramentos, pois a primeira xornada competitiva (aínda que se tratase dunha toma de contacto) tería lugar o 21 de novembro en Noia. Os adestramentos leváronse a cabo en horario lectivo, maioritariamente, e foi a profesora especialista en E. Física do centro, quen se encargou de dirixilos e coordinalos.

O alumnado distribuíuse da seguinte maneira, por categorías e sexos, como recollen as bases de Xogade :

 

Categoría

 

 

Nº alumnas

Nº alumnos

Total alumnado

Benxamín

 

 

15

15

30

Alevín

 

 

8

10

18

Infantil

 

 

5

8

13

 

O profesorado que, nun primeiro momento, formou parte do proxecto foi:

 Blanco Domínguez, Laura

 Fernández Lestón, Mª Susana (coordinadora)

 Fernández Rodríguez, Beatriz

 Horta Insua, Mª del Carmen

 Insua Insua,Manuel Emilio

 López Esparís, Elda

 Nimo Liboreiro, Pablo

 Villaverde Crespo, Mª José

Axiña se empezaría cos adestramentos, pois a primeira xornada competitiva (aínda que se tratase dunha toma de contacto) tería lugar o 21 de novembro en Noia. Os adestramentos leváronse a cabo en horario lectivo, maioritariamente, e foi a profesora especialista en E. Física do centro, quen se encargou de dirixilos e coordinalos.

 En canto á participación do alumnado cabe resaltar que foi case plena nas catro xornadas e no caso das excepcións débese matizar que foron razóns de saúde ou lesións as que impediron a asistencia e participación.

 No que ao profesorado se refire dicir que, por motivos de organización interna, nalgunha xornada contouse coa axuda e colaboración dalgún mestre/a que, aínda que non formaba parte do proxecto, substituiría a outro/a que, a pesares de formar parte, quedaría no centro por ter máis carga horaria no centro nese día e ser máis difícil de substituír.

 A avaliación, ao noso parecer, foi positiva e satisfactoria.

Desde o primeiro momento o noso alumnado manifestou moito interese por esta actividade e demostrouno cunha ampla participación. Incluso querían participar boa parte dos nenos e nenas do 1º nivel, que por idade non puideron, pero preguntaban polos compañeiros e compañeiras do centro, que si o facían.

Para levar a cabo a avaliación valoráronse fundamentalmente: o grao de motivación e o nivel de satisfacción cos resultados acadados, considerando o esforzo, a capacidade de superación e sacrificio, tanto a nivel individual como de equipo, máis que as posicións logradas en si mesmas.

Unha vez que todo concluíu, de forma satisfactoria unha tempada máis, veume á cabeza a idea de facervos partícipes desta actividade a todos/as os/as que formades parte da comunidade educativa coma min (tanto aos /ás propios/as participantes, a aqueles/as que non o fixestes, ás familias, posto que non todas puideron asistir ás diferentes xornadas, como ao profesorado restante), do que fora acontecendo ao longo da tempada. Pero, para isto, ou tiña que ser outra a persoa que introducira a información, subira as fotografías ou vídeos na páxina web, ou ben debía poñerme coas mans na masa.

Entón, lembrei un refrán, que moitas veces escoitara e nalgunha ocasión empregara, e que non di outra cousa que: “Nunca es tarde cuando la dicha es buena” . Deste xeito, falei cunha compañeira e, de maneira altruista, deume unha clase teórico-práctica das nocións básicas coas que empezar, e aquí estou ...

Ao mellor, máis dunha persoa pregúntase por que conto isto aquí, pois coa única idea de que outros/as comproben que si se pode lograr, ... poñendo, claro está, moitas ganas e algo de axuda coa que arrancar.

 Así e sen máis preámbulos, aí vai o meu primeiro traballo ... neste novo e descoñecido medio para min ata o de agora.

 O 21 de novembro do pasado outono, tivo lugar a primeira xornada de competición, que en realidade non foi máis que unha toma de contacto. Saímos do cole pouco despois das 10h e subimos aos autobuses cara Noia. Íamos cargados de ilusión, entusiasmo e non menos nervios. Alí, os/as corredores/as dérono todo de si e, polo nivel acadado, nada indicaba que se tratase dunha toma de contacto, posto que os/as deportistas esforzáronse e pelexaron por lograr os mellores postos como si dunha xornada comarcal, etc se tratase. Ademais, os nosos rapaces e rapazas apoiáronse entre eles/as, animáronse, retratáronse e retrataron a outros/as corredores/as, relacionáronse cos familiares e amigos/as duns e outros/as (que foran velos competir e nos ofreceran a súa colaboración ...), fixeron migas con corredores/as doutros clubs ou centros educativos.

 A xornada fora positiva e frutífera, pois lográranse un total de 10 metais e entre eles varios ouros (cunha distancia importante a destacar con respecto ao/á seguinte clasificado/a na mesma categoría) algunha prata, etc.

 A iso das 13h 15' chegamos ao centro de regreso, cargados de satisfacción polo éxito acadado, ledicia e ganas de volver participar.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

ACTIVIDADES DE NADAL

Aquí vos deixamos unha mostra das actividades do Nadal propostas polo Equipo da Biblioteca. Todas estas cousas aprendimos de como se celebra o solsticio de inverno nas diferentes culturas.

Mural sobre o solsticio de inverno en Roma

Mural sobre o solsticio de inverno en Grecia

Mural sobre o solsticio de inverno en China

Mural sobre o solsticio de inverno na India

Mural sobre a celebración do solsticio de inverno en España

Mural da imaxe de Xosé, María e o neno Xesús coa cor da pel oscura.

Mural sobre a celebración do solsticio de inverno en Galicia

mural sobre a celebración do solsticio de inverno na cultura celta

Mural sobre a celebración do solsticio de inverno en Exipto.

 

 

 

 

MURAIS DE CONVIVENCIA

O Equipo de Convivencia propúxonos elaborar murais coas proncipais normas do centro. Este foi o resultado que podedes ver nos corredores. 

Murais feitos polo alumnado coas principais normas de convivencia.

Murais de normas de convivencia: escoitar, compartir e coidar o material.

25N: DÍA CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

Os alumnos e alumnas de 6º fixeron unha representación para a todo o cole que resultou moi moi interesante. Esta actividade tiña como obxectivo concienciar sobre a necesidade de frear a VIOLENCIA DE XÉNERO. Representárono a través de teatro, da palabra e ata coa música. Aquí vos deixamos unhas imaxes.

Representación do día da concienciación contra a violencia de xénero.

Collage

Final da representación.

SAMAÍN E MAGOSTO

Aquí vos deixamos en imaxes o que aconteceu o xoves 30 de Outubro. Como ides poder ver, tivemos un día moi movido!

Pola mañá fomos ver un fantástico teatro de sombras a cargo dos alumnos e alumnas de 6º e despois, por cursos, visitamos o terrorífico colexio engalanado coas vosas cabazas e moitas sorpresas máis. No recreo, de forma voluntaria, moitos achegáronse a escoitar contos de medo á biblioteca.

A tarde non foi moito menos. Primeiro, practicamos xogos populares con castañas e, para repoñer forzas, degustamos ricas castañas asadas.

A música que sona nos vídeos e de Paco Nogueiras Nodar, do seu CD titulado, "Brinca Vai" da Editorial Kalandraka e con ilustracións de David Pintor. Se queredes saber máis deste interesante proxecto picade na imaxe. 

 

 

SAMAIN2014 from CEIP Serra de Outes on Vimeo.

 

 

MAGOSTO2014 from CEIP Serra de Outes on Vimeo.

XORNADAS SOBRE ALIMENTACIÓN SAUDABLE

Queriamos ensinarvos a visita dos profesores de alimentación, nutrición e exercicio saudable: P.A.N.E.S. O profesor Carmelo Cotón e a profesora Natillas elixiron a algúns nenos e nenas de 6º de Educación Infantil e 1º e 2º de Educación Primaria para realizar tarefas como: pensar un almorzo saudable, separar alimentos de orixe animal e vexetal, a importancia de facer exercicio e levar unha dieta saudable, un experimento sobre como cambiaba o noso estómago tras comer demasiadas chuches ou un estupendo rap da alimentación.

Aquí vos deixamos unhas fotos deses momentos que pasamos aprendendo a alimentarnos ben. 

VIVIR EN SAÚDE from CEIP Serra de Outes on Vimeo.

Distribuir contido


by Dr. Radut