Skip to Content

Pita de Eiroás (Ourense)

Pita de EiroásAs Eiroás é un pequeno barrio situado na zona Norte do perímetro urbano do concello de Ourense.

Cabe salientar no barrio e no seu contorno o Pazo de As Eiroás (ou do Conde), reformado no século XIII.

A mediados do século XX, un matrimonio (ou máis ben a convivencia) entre 2 viúvos, dera orixe a unha festa, cando menos, singular. Esta coincidiu co Entroido e pasou a ser este núcleo un dos poucos lugares na cidade e arredores nos que se celebraba a festa pagá que antecede á Coaresma.

Como queira que fose, esta deixouse de celebrar nos comezos da década dos ’70 e no ano 1999, desde a AA VV, decídese resgatar a memoria daquela celebración, enmarcándoa dentro do ciclo festivo tradicional do Entroido. Nos anos posteriores vanse engadindo contidos a esta festa, entre os cabe salientar unha representación teatral popular por conta das/os veciñas/os que toma como base o que puido ser aquela cinzarrada, ou a creación dunha máscara propia que nacía coa intención de ser un dos símbolos do futuro barrio de As Eiroás.

Así a representación da misa desta voda, xunto coas críticas que cada ano se fan a un persoeiro son as actividades máis significativas

A máscara da Pita trátase dunha peza estruturada en dúas partes. Por un lado está o casco, feito a medida e adaptado á cabeza. É a máscara en si, a careta individual e persoal. De feito, cada veciño deseña a súa propia tendo en conta que por diante será arlequinada en branco e negro, e por detrás levará un debuxo representativo da natureza ou ben de algo que teña que ver co matrimonio.

Do ombreiro do traxe da Pita sae un broche (ou perfura) de coiro que nos indica a antigüidade de cada máscara. No propio broche pode verse o logotipo da asociación e a data na que saíu por primeira vez a máscara completa (2002). Da perfura colgan unhas fitas grosas de cores, cada unha representando o ano en que correu o entroido esa máscara.



book | by Dr. Radut