O venres 6 de maio achegouse ao noso centro Andrea Freire, a autora de Luuume!, ilustrado por Laura Miranda Moreno e publicado por Antela Editorial, para facer a contada da historia de Misto, que está sempre enfadado, e que previamente traballaramos no Club de lectura de cuarto de Ed. Primaria ao longo do mes de abril.
Misto, cando sente rabia e malia que o intenta, non consegue controlarse. De feito, cada vez que o embarga a ira, acéndese e prende a chispa.
Tanto a súa familia (mamá Pinza e papá Tapón) como as súas amizades (Mestra Nobelo, Resorte, Botón e Parafuso) tentan axudalo, pero mentres Misto non sexa quen de xestionar a súa ira, non poderá autocontrolarse e gozar.
Despois da contada, Andrea realizou un obradoiro de relaxación mediante exercicios de respiración, ofrecéndolles aos rapaces ferramentas para o autocontrol.
Para finalizar, e en consonancia co PDI deste ano, fixeron ao protagonista do conto con materiais de aproveitamento.