A "Bella Otero" naceu no ano 1868 nun pobo do concello de Valga.
Como moitas mulleres galegas nesta época, Carolina era filla de nai solteira. A súa nai tiña como oficio o de piñeira, é dicir, recollía piñas nos numerosos montes que rodeaban a vila de Valga para vendelas logo nos lugares das proximidades como combustible para dar lume e calor. Se Carolina non marchara de Galiza, seguramente a súa sorte e a súa vida pouco diferentes serían das da súa nai; mais a Bella Otero, ademais de fermosa, era unha muller intelixente e isto permitiulle acadar fama, espertar paixóns, acumular riqueza, aprender cultura e idiomas, cantar, bailar, participar en tertulias literarias, dilapidar amores e paixóns masculinas.
A súa vida estivo marcada pola violación que sufriu aos 11 anos. Recuperouse das feridas, mais este feito tráxico deixou na súa vida unha secuela física e psíquica permanente. Unha vez curada escapouse do pobo.
Pouco se sabe da súa traxectoria e andaina desde que sae do hospital até a súa aparición en Cataluña e logo xa como artista en París. As noticias e os feitos desta etapa forman parte da lenda, do misterio, da verdade e da fantasía que sempre acompañaron a vida da Bella Otero. Seguramente precisou dunha aprendizaxe dura e difícil, dun traballo para poder triunfar no mundo artístico. O baile, o movemento do seu corpo, a súa sedución nos escenarios non foron só produto da súa beleza senón tamén da súa intelixencia, do seu tesón e do seu bo facer. A súa vestimenta, as súas xoias, a súa vida, as súas conquistas masculinas serviron de base a novelas, crónicas xornalísticas, series de postais e mesmo películas. Os homes ricos e poderosos que con ela se relacionaron (príncipes, ricos empresarios...) contribuíron tamén a engrandecer a lenda da Bella Otero. Mais hai que sinalar que gran parte desta riqueza quedou nos casinos, moi especialmente no de Montecarlo, onde a súa ludopatía consumiu en gran parte esta inmensa fortuna.
Soubo relacionarse coa cultura da época a Bella Otero e tivo contactos coas mulleres sabias que se reunían en París no Círculo Sáfico.
Como moitos emigrantes galegos que atoparon fortuna noutras terras, Carolina quixo tamén deixar as súas riquezas, que xa non tiña, ás xentes máis pobres da súa Valga natal para que, quizais, non tivesen que emigrar como tivera que facer ela.
Morreu no ano 1965 en Niza. Unha das galegas máis universais tiña, pois, 97 anos cando morreu.
Autor/a da biobibliografía: Encarna Otero Cepeda
RECURSOS EDUCATIVOS
- A Bella Otero. (Texto en pdf)
- Presentación sobre a súa vida.