Iniciar sesión: Acceso

CHEGOU SAMAÍN!

Ola familias! Xa estamos aqui despois doutra semana de cole chea de cousas novas.

Esta semana traballamos a lóxica - matemática a través de diferentes propostas. Por unha banda utilizamos estes ourizos aos que tiñamos que poñerlles tantos pinchos (pinzas) como nos indicase o número representado no mesmo. Doutra banda, tamén traballamos o cálculo e a asociación grafía - cantidade cunhas tarxetas de outono, nas que deberiamos contar os elementos e despois marcar cunha pinza o número correcto. Por último, utilizamos uns paus depresores nos que tiñamos que fixarnos moito para atopar as dúas metades que formaban figuras simétricas.

Outra das propostas para traballar a atención foi a través da caixa de area, onde tiñamos que copiar diferentes grafismos representados nunhas tarxetas.

Tamén seguimos traballando a través da pantalla dixital, neste caso identificando o número representado no dado e na man, e buscando despois onde había ese número de lapis.

Para traballar a lectoescritura partindo do noso nome, realizamos unha actividade na que tiñamos que cortar anaquiños pequenos de papel coas nosas mans, traballando así a motricidade fina, para despois pegalos aos poucos seguindo a orde e a grafía das nosas letras.

O martes foi o día das escritoras e cando chegamos ao cole…. SORPRESA! Tiñamos unha carta no noso recuncho de asemblea!! Esta carta deixáranola unha escritora, pero non sabiamos de quen se trataba… lemos todas as pistas que nos deixaba a carta e estivemos a investigar un pouquiño: sabiamos que era escritora, avogada e mestra; que naceu en Vigo e que a protagonista dun dos seus contos chámase Rosalía, como Rosalía de Castro! Ademais, esta escritora visitara o noso cole anteriormente pero nós non estabamos no cole aínda… así que emprendemos rumbo á biblioteca e xunto cos compis da clase de 5º de infantil descubrimos que se trataba de Paula Merlán! A profe Noe leunos un dos seus contos: Wanda e a abella misteriosa, e gustounos moitísimo.

Continuamos co proxecto do corpo humano con esta actividade que vedes a continuación. En primeiro lugar tivemos que picar as partes do noso corpo e despois cun modelo xa resolto, identificamos en que lugar atopábase cada palabra e pegámola no oco correspondente. Para isto tiñamos que fixarnos nas letras que compoñían cada palabra, comprobando así se dúas palabras eran diferentes ou iguais.

Para lembrar as partes do corpo traballadas tamén fixemos unha actividade moi divertida. Neste caso nosa compi Julia, que era a encargada, tombouse no chan e rodeamos todo o seu corpo de bloques para formar a súa silueta. Despois, fomos identificando e colocando diferentes tarxetas do corpo humano na silueta de Julia. Foi moi divertido!

Esta semana tamén apareceron na nosa clase novas propostas dunha temática que nos encanta: Samaín. Neste caso tiñamos diferentes tarxetas de imaxes relacionada con samaín acompañadas da súa palabra escrita, de forma que tiñamos que atopar as letras que a formaban. Tamén traballamos o cálculo e a asociación grafía - cantidade cun gorro de bruxa no cal tiñamos que poñer tantas estrelas como nos indicaban as tarxetas. Por último, traballamos a atención a través dunha actividade na que tiñamos que copiar unha serie formada por diferentes cabazas.

Outra das novidades desta semana é o proxecto de centro no que viaxaremos polo mundo. Neste caso, os nenos e nenas de 4º de infantil imos viaxar a…. BOLIVIA! Será desde a nosa clase, claro, pero imos aprender tantas cousas que será coma se estivésemos alí. De momento xa sabemos que Bolivia está moi lonxe e que teriamos que ir en avión. Ademais xa coñecemos a súa bandeira que ten tres raias de cor vermella, amarelo e verde. Entre todos os compis de clase pintamos a súa bandeira e gustounos moitísimo, xa que era a primeira vez que pintabamos con pincel. Fixémolo xenial!

Con todo o que traballamos en clase e con todo o que xogamos no patio, esta semana necesitabamos un pouco de calma, así que tivemos unha pequena clase de ioga. Axudounos a traballar a mobilidade do noso corpo coas diferentes posturas, e tamén puidemos relaxarnos para continuar co que quedaba de semana.

Xa case para rematar, en arte realizamos unha actividade de grafismos creativos empregando figuras circulares e pinturas de cores de outono. Quedáronnos así de chulos!

O venres tivemos unha visita moi especial no cole, a mamá das nosas compis Julia e Pepa (unha compi da clase de 5 anos) é matrona e visitou o noso cole para explicarnos unha chea de cousas sobre os bebés. Grazas a ela aprendemos como se fan os bebés, cales son os seus ingredientes, a súa casiña, o seu alimento…

Vimos como cambian os bebés ao longo do embarazo, como se alimentan a través do cordón umbilical, como é o seu latexo… e algúns compis ata puideron escoitar o seu!

Puidemos ver materiais moi interesantes, como este en o que puidemos ver como está un bebé dentro da barriga da súa mamá.

Tamén aprendemos que pasa finalmente cando xa nace o bebé, onde é moi importante o contacto pel con pel coa súa mamá ou o seu papá. Ademais aprendimos a cortar o cordón umbilical, o noso compi Rafa ofreceuse voluntario e fíxoo así de ben.

María tamén nos deixou unha chea de contos sobre como se fan os bebés, que iremos lendo ao longo da semana.

Moitas grazas por vir, encantounos a túa visita!!!

Finalmente, o venres levarnos para casa as nosas esculturas de outono!!

E antes de marchar, unha sesión de cinema cos nosos compis de 4 e 5 anos para ver “A filla do Grúfalo”.

Ata a semana!11