Iniciar sesión: Acceso

OLA OUTUBRO!

Ola familias! Sorriso

Esta semana empezamos o mes de Outubro, e con el, un montón de cousas novas!

Para comezar, tivemos que facer o rexistro do tempo do mes de Setembro para saber cantos días fixo sol, cantos estivo nubrado ou cantos choveu...contando e escribindo as argolas do noso recuncho meteorolóxico da asemblea: TRABALLO EN EQUIPO!

Ademais ampliamos a asemblea con dinámicas novas de lectoescritura e lóxico-matemática: o encargado ten que debuxarse e escribir o seu nome, e entre todos pensar palabras que empezan polo son da mesma letra. Tamén xogamos a atopar os números segredos (o anterior e o posterior dunha cifra), se nos custa un pouco, podémonos axudar da Casiña do 0 e por último, facemos unha proposta de matemáticas ABN no taboleiro dixital. Esta semana tocou traballar o conteo e o vocabulario matemático: ningún, algún, moitos, poucos...

Dentro das propostas do outono, traballamos o vocabulario propio da estación, así como as súas cores, coa paleta de cores Montessori e fotografías reais... Cantas cores pódenos ofrecer o outono!

Tamén seguimos avanzando no conteo, esta vez con follas, e traballamos a grafomotricidade con formas de outono e as pezas soltas (esquío, landra, castaña...).

Outra das cousas novas que empezamos foron os ambientes de aprendizaxe: as profes mesturáronnos en tres grupos, nos que estamos cos nosos amigos e amigas de 3 e 5 anos; e cada martes, mércores e xoves, ademais de xogar na nosa clase, tamén iremos a clase da profe Inés e da profe Rocío. Isto é algo que nos gustou moito xa que temos diferentes propostas de aprendizaxe por recunchos, nas que aprender mentres nos divertimos!

Na nosa clase, por exemplo, había un bingo e un memory de outono para traballar a atención, a memoria e o vocabulario.

Unha zona de construcións con materiais de refugallo para desenvolver as habilidades motrices e a imaxinación, e outra con plastilina e moldes do outono: amasar, apertar, cortar...

Na proposta de vida práctica, tiñamos que lavar os pratos: enxaboar, aclarar e secar... foi unha das cousas que máis nos gustou... só fáltanos poñelo en práctica nas nosas casas! jijiji.

Ademais, no recuncho do xogo simbólico puidemos xogar ás cociniñas, preparando pratos exquisitos.

Outra das cousas que máis nos gustan son as bandexas sensoriais. A Profe Noe preparounos unha con base de lentellas e elementos de outono agochados: mazás, cabazas, cogomelos e landras. Como mola experimentar coas texturas e elementos como culleres, vasos, embudes... desenvolvemos a motricidade fina a tope!!

Na proposta de arte, empregamos témperas e pinceis para pintar no caballete: cores de outono e creatividade por todas partes!

E por último, no ambiente de retos, tiñamos que copiar o patrón da tarxeta e colocar as gomas de cores nos dedos correspondentes... desenvolvendo a coordinación óculo-manual e a antención... Que difícil!

Todas estas propostas que vos ensinamos e as outras que fixemos con Rocío e Inés, irémolas repetindo ó longo do mes. Iso pareceunos estupendo, porque o pasamos xenial!.

Os peques de A Laxe tamén empezamos o proxecto do primeiro trimestre: o corpo humano. Fixemos unha choiva de ideas para saber que cousas sabíamos e que cousas queríamos saber sobre o noso corpo: como se move o corazón? que hai dentro da barriga? que pasa cando nos facemos unha ferida?..., para poñernos ó choio coa investigación.

Grazas as nosas familias, estamos a encher o recuncho do proxecto de moitas fontes de información que nos axudarán.

O primeiro que aprendimos esta semana foron as partes da cara... seguiremos informando!

Xa para rematar, hoxe venres, fomos ó parque a coller elementos da natureza: follas de outono, castañas, paus... que faremos con eles? Saberédelo a próxima semana! Guiño

E tamén comezamos co préstamo da biblioteca: iremos tachando no noso rexistro os libros que nos levamos a casa, así podemos compartilos con todos @s compis... así de contentos iamos coas nosas bolsas personalizadas!

BOA FIN DE SEMANA FAMILIAS!! Sorriso