Un saúdo e saúde para todo o alumnado do CEIP de Arzúa e as súas familias. Envíovos unha mensaxe de cariño e de ánimo para ir afrontando estas fases de "nova normalidade" cara a que imos dando pasiños.
Lembrarvos, como sempre, que o máis importante é o benestar emocional dos nosos nenos e das nosas nenas, e que o traballo de Relixión ten un carácter voluntario quedando polo tanto suxeito á vosa dispoñibilidade. Moitas grazas polo voso interese e unha aperta grande.
Para o alumnado de Relixión de 3º e 4º esta semana propóñolles unha actividade que imos chamar "Mural sobre as Advocacións de María". En primeiro lugar lembrarvos que as advocacións son os diferentes nomes que recibe a Virxe María e que nos lembran:
-momentos da súa vida: Virxe da Natividade(lembra o seu nacemento);
-ou fan referencia ao lugar onde se apareceu: Virxe do Carme(apareceuse no monte Carmelo, en Israel) ou a Virxe do Pilar (a súa aparición foi sobre un pilar ou pequena columna, en Zaragoza);
-ou refírense ás súas calidades: Virxe do Cariño(nai garimosa).
Suxírovos elixir unha advocación de María(a que vos queirades, non ten por qué ser unha das que puxen), e facer unha especie de mural no que apareza o voso debuxo ou imaxe da advocación de María con unha ofrenda floral ao redor, posto que estamos en maio, que é o mes das flores e o mes adicado a María polos cristiáns.
Non vos esquezades de poñer no traballo o nome de María elixido e se sabedes ou averiguades o día da súa festividade, poñédeo tamén. Os que fagades o debuxo fixádevos nas características e nos atributos da imaxe elexida: vestuario, se leva a Xesús no colo, se ten algo na man ou aos seus pés...
Aquí vos deixo un exemplo.
Virxe do Carme. A súa festividade é o 16 de xullo.
Recordade que o correo para enviar o voso traballo é relixion@arzua.net