ADMISIÓN ALUMNADO 2021/2022

PUBLICADAS AS LISTAXES DEFINITIVAS DE ADMISIÓN NO TABOLEIRO DO CENTRO

 

 

Xa podedes consultar as LISTAXES PROVISIONAIS NO TABOLEIRO DO CENTRO.

 

Proceso de admisión regulado na Orde do 12 de marzo de 2013 pola que se desenvolve o procedemento para a admisión do alumnado en centros docentes sustentados con fondos públicos, modificada pola Orde do 25 de xaneiro de 2017 e a Orde do 18 de decembro de 2020.

O prazo de presentación de solicitudes de admisión de ALUMNADO DE NOVO INGRESO ao CEIP de Arzúa:

Do 1 ao 22 de marzo

(Ambos incluídos)

 

 

Para tal efecto deberán cubrir o anexo correspondente e entregalo na secretaría do NOSO CENTRO no horario de ATENCIÓN ÁS FAMILIAS xunto coa documentación que a continuación se detalla.

DESCARGAR ANEXO GALEGO

 

DESCARGAR ANEXO CASTELÁN

 

 

Tamén se poderá solicitar a reserva de xeito telemática a través da aplicación de ADMISIÓN DO ALUMNADO.

 

 

INFORMACIÓN IMPORTANTE:

¾   

A Solicitude deberá estar preferiblemente asinada polo dous titulares da patria potestade ou representantes legais.

¾   

No caso de separación ou divorcio, será necesaria a sinatura de ambos proxenitores, agás que a patria potestade estea atribuída con carácter exclusivo, a un deles. En ambos casos, será necesario presentar, xunto coa solicitude de admisión, a resolución xudicial correspondente.

DESCARGA DE IMPRESOS:

SOLICITUDE COMEDOR

SOLICITUDE TRANSPORTE

FICHA DE PATOLOXÍAS

ANEXO III:FORMALIZACIÓN MATRÍCULA

 

POSTOS ESCOLARES VACANTES CURSO 2021/2022

ROSALÍA_2021

Está chegando o Día de Rosalía de Castro e nós xa levamos un tempo facendo actividades arredor da figura da nosa emblemática escritora. 

Este ano participamos, xunto co IES de Arzúa, nun proxecto que se chama "Rosalía sae á rúa" e que se vai ver materializado esta semana, cando o persoal do Concello de Arzúa reparta os carteis cos poemas de Rosalía, que fixemos no noso colexio e no instituto, polas tendas da vila. 

O Concello de Arzúa financiou a actividade e nós pedímoslles unha copia dos carteis para montar este mural que colocamos na entrada do noso colexio. 

Grazas por colaborar con nós e apoiar as nosas iniciativas!

  

Deixámosvos aquí un vídeo onde se poden ver todos os carteis elaborados no colexio e que foron distribuídos polos escaparates de Arzúa.

 Esta é unha mostra da cartelería colocada pola vila:

   

    

Nas distintas aulas do colexio fixéronse actividades moi variadas arredor da figura de Rosalía de Castro, como estas que vos amosamos:

  

  

  

 Para achegarnos á obra de Rosalía de Castro, deixámosvos aquí algúns recursos:

  • Un genially elaborado por dúas profesoras de Arzúa. 

        A ligazón do genially é: https://view.genial.ly/6016977d22eaac0d7191f9a4/game-descubrindo-a-rosalia-de-castro

  •  Un genially elaborado este curso por un grupo de mestres/as dos EDLG de varios centros de ensino. 

        A ligazón do genially é:  https://view.genial.ly/5ff75e8bc217200ce77cc6d5

  • Un vídeo realizado polo Equipo de Dinamización Lingüística do Colexio San Pío X (Ourense) para aproximarnos á vida da escritora.
    Trátase dun Draw My Life narrado en galego por Uxía Salgado da Silva, alumna de 6º de primaria deste centro. As ilustracións foron obtidas do vídeo orixinal en castelán publicado en maio de 2019 polo equipo "TikTak Draw" de YouTube, e que lles concedeu a súa autorización. Tamén contaron coa axuda da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Fundación Rosalía de Castro, que participou na revisión dos datos biográficos.

        Ligazón do vídeo:  https://www.youtube.com/watch?v=5sLT5qSVuWg

ENTROIDO 2021

O ENTROIDO é unha das nosas festas favoritas do ano. E aínda que este, nos tocou vivir un Entroido atípico, as ganas e ilusión estaban máis presentes que nunca!

Aquí unha pequena mostra do guapos e guapas que fomos, do simpáticos e simpáticas que estabamos, e do ben que o pasamos!

Sempre cun sorriso! MOI FELIZ ENTROIDO A TODOS E TODAS!

 

 

INICIATIVA DA CONFEDERACIÓN ANPAS GALEGAS

#pediatrasematronasxa

Dende a CONFEDERACIÓN ANPAS GALEGAS anímannos a participar na iniciativa de Pediatras e Matronas Xa, unha asociación sen ánimo de lucro que loita polos servizos sanitarios dos cativos e cativas.

O CEIP de Arzúa apoia este iniciativa que nos achega a ANPA O FORMENTO co obxectivo de aportar o noso gran de area a esta causa.

Participar é moi sinxelo: trátase de que os nenos e nenas leven posto un disfrace de pediatra (algo branco: bata, camisa, camiseta...) ou de matrona (pantalón e camiseta de cor verde) o MÉRCORES, 10 DE FEBREIRO.

É unha actividade totalmente voluntaria e agradecen a colaboración para facer unha pequena homenaxe a estes sanitarios.

 

FELIZ ENTROIDO!

Grazas pola participación na sondaxe do cribado do COVID

Grazas a todos/ as os que participastes na sondaxe para o cribado. Onte ás 14:30 foi entregado á Alcaldía. Polo que se nos indicou xa lle fixeron chegar as nosas peticións sobre o cribado, parece ser que se vai a facer en todo o Concello. Grazas ao Alcalde, aos partidos da oposición que tamén trasladaron a nosa petición, grazas ao Centro Médico porque tamén nos escoitaron, grazas a todos os docentes do noso cole e aos do IES de Arzúa, tamén a moitos papas e mamás do CPR Nosa Señora do Rosario, non nos esquecemos do ANPA CASTRO DO VISO, e sobre todo ás nosas familias socias e non socias, aos seus amigos e familiares. Só pedirvos que cando vos chamen para o cribado débese de asistir, a porcentaxe deste pobo debe de ser exemplar ou sexa un 100%. Apoio e forza para aquelas familias que están a loitar. Extremar precaucións e pouco máis que puro agradecemento.

Atentamente,

Directiva ANPA O FORMENTO.

ENTROIDO 2021

 

O Entroido, unha das festas máis importantes para nós, está moi próximo e estamos ansiosos e ansiosas!

Este ano imos retomar unha tradición relacionada con estas datas: O MECO.

O Meco é tradicional de moitas localidades galegas sendo o encargado de abrir, presidir e pechar as festas do Entroido.

O Meco manda...

Nestes días próximos á chegada do Entroido, o Meco manda máis ca ninguén. É por iso que os cativos e cativas do colexio poderán participar, a próxima semana, nesta festa e seguir as ordes deste famoso personaxe.

Aquí vos deixamos as consignas...

                                                  

 

Feliz Entroido!

 

DÍA ESCOLAR DA NON VIOLENCIA E A PAZ

Cada 30 de xaneiro recordamos en todos os centros educativos a importancia de vivir nun mundo de paz. 

É un dereito da infancia e de toda a humanidade.

Para lograr a paz temos que aprender a evitar a violencia e comprometernos con formas pacíficas de resolución de conflitos no noso día a día. 

Por iso, durante toda a semana traballamos sobre a orixe e importancia de conmemorar este día e fixemos un montón de actividades e traballos que vos amosamos a continuación:

 

Convidámosvos a todas e todos a celebrar o Día da Paz!

DÍA INTERNACIONAL DA EDUCACIÓN

O 24 de xaneiro conmemórase o Día Internacional da Educación, unha data proclamada pola Organización das Nacións Unidas (ONU) co obxectivo de concienciar a todo o planeta da importancia da educación.

En realidade, a educación é a base para unha sociedade xusta, igualitaria e autosuficiente.

Deste xeito, para conmemorar este día, todo o alumnado participamos na elaboración do mural común que leva por título "A educación promove..." do que saíron respostas tan bonitas coma estas:

"A educación promove... cultura, felicidade, acabar coa pobreza, a solidariedade, o respecto,  mellorar a saúde, a igualdade de xénero, ser mellores persoas, cumprir os nosos soños..."

Estas respostas foron rotuladas e coloreadas en debuxos de materiais escolares que simulaban follas que medran na árbore da educación, simbolizando a esperanza e prosperidade. Quedou así de bonito:

Ademais da elaboración deste mural, cada titoría traballou sobre a temática e elaborou os seus propios traballos: murais de aula, visualizacións de vídeos relacionados co tema,  manualidades...

O alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria viu e traballou sobre película "Buda explotó por vergüenza" que relata a historia dunha nena afgana que loita por ir á escola e recibir unha educación. Pero terá que sufrir o acoso doutros nenos que xogan á guerra e pretenden derribala como os seus maiores fixeron coas xigantescas estatuas de Buda.

Sen dúbida, unha gran aprendizaxe da importancia da educación.

SESIÓN DE CONTACONTOS PARA EDUCACIÓN INFANTIL

Con motivo da Conmemoración do Día Escolar da Non Violencia e a Paz, o alumnado colaborador da Biblioteca levou a cabo unha actividade de contacontos para o alumnado de 3 e 4 anos de Educación Infantil. O conto seleccionado nesta ocasión foi "Somos amigos?" de Anabel Fernández Rey. Trátase dun fermoso álbum ilustrado que nos presenta a dous amigos moi diferentes pero moi ben compenetrados: un neno e un oso polar; que descobren que a amizade é pura xenerosidade, así o oso axuda ao neno a peitearse, a montar en bici, incluso a comer verduras; e vese correspondido polo neno que axuda ao oso a asearse, a sacar unha espiña da pata, ata comparte con el a súa comida. Un conto que fomenta os valores da Paz: a amizade, o respecto pola diversidade, o diálogo, a empatía... Valores que desexamos que as nosas nenas e nenos descubran e interioricen para que vivan felices e en harmonía consigo mesmos e cos demais.

 

 

 

Finalizada a dramatización do conto, maiores e pequenos profundizaron no mesmo e  reflexionaron  sobre as ensinanzas que transmite: amizade, xenerosidade, respecto, axuda...

 

Para rematar, cantaron xuntos "Hola amigo, juega conmigo", unha divertida canción que promove múltiples maneiras de amosar afecto e cariño polos amigos e amigas.

 

En agradecemento, o alumnado de Educación Infantil obsequiounos cuns fermosos debuxos sobre o conto representado.

 

Esta actividade levouse a cabo en escrupuloso cumprimento das normas de hixiene e prevención que a situación pola COVID-19 esixe.

 

Foi unha experiencia enriquecedora e satisfactoria tanto para os maiores como para os máis pequenos.

Grazas a todas e a todos por facela posible e lembremos que a Paz é un reto para alcanzar en todos os ámbitos: escola, familia, amigos...

Defendamos e traballemos polo dereito a vivir nun ambiente de Paz. 

Powered by Drupal - Design by artinet