O ALUMNADO DE 3º E.PRIMARIA VISITA O PARLAMENTO DE GALICIA

O mércores, 8 de marzo o alumnado de 3º E.Primaria visitou o Parlamento de Galicia. 

Unha vez dentro do edificio, o guía levounos ata o vestíbulo, onde puidemos admirar unha fermosa vidriera de Laxeiro no teito.

 

O Parlamento de Galicia está no Pazo do Hórreo desde 1989. O edificio actual foi construído para ser a Escola de Veterinaria, pero por falta de alumnado deixou este cometido desde 1925.

Leváronnos á Sala de Exposicións para visionar un vídeo acerca do Parlamento. Moitas das cousas que nos contaron xa as levabamos aprendidas e todo resultou máis doado.

Puidemos contemplar tamén unha serie de cadros que reflicten a composición do Parlamento ao longo da súa historia, desde a primeira lexislatura en 1981. Logo amosáronnos unha maqueta do Parlamento e soubemos dicir onde nos atopabamos. 

  

Mentres camiñabamos polos corredores puidemos contemplar moitas obras de pintores como Xaime Quessada, Urbano Lugrís, Peteiro... Achegámonos ata a biblioteca do Parlamento, lugar no que actualmente se grava un programa que emite a TVG os domingos pola mañá. 

   

Puidemos asistir a un pleno e ver como os deputados/as debatían un tema. Á saída do hemiciclo viñeron un deputado e unha deputada de Arzúa a charlar un ratiño con nós, posto que escoitaron como nos dedicaban un saúdo desde a mesa da Presidencia. 

Tanto na entrada como na saída pasamos polo Salón dos Reis e nas paredes están os escudos do Antigo Reino de Galicia. 

  

E xa para rematar, saíu saudarnos Mini, un dos deputados do Parlamento que é de Brates, unha aldea que está moi preto do noso colexio. Dedicounos unha pequena canción e despedímonos xa do lugar. 

Foi unha visita ben interesante!!

 

8M na Biblioteca

· Contacontos para Infantil polo voluntariado da Biblioteca escolar Solidaria

 

Neste libro, o artista David Pintor, a través dun divertido diálogo coa súa filla relata algunas das moitas e estrafalarias aficcións que poden facer soñar ás nenas. A partir das preguntas que lle tocou responder á súa filla naceu este libro, no que fala dos estereotipos de xénero co mellor instrumento: o humor.

 

 

Así bailaba o CEIP de Arzúa

Esta semana celebramos o 8M, Día da muller, e para a ocasión, en Música estivemos traballando con moito entusiasmo nunha versión en galego do tema "Así bailaba" de Amaia e Rigoberta Bandini, que transforman unha canción popular na que unha nena "non pode xogar porque ten que fregar" nun grito á liberdade e ao optimismo que rima " a nena non pode lavar poque ten que bailar". Coa enerxía de todos os nenos e nenas dende infantil ata Primaria, a cooperación das mestras e compañeiras, e a axuda inestimable dos alumnos e alumnas de 4º, 5º e 6º de EP que se esforzaron moito co seu papel de protagonistas levando a voz cantante do tema, o noso videoclip quedou tal que así... agardamos que vos guste!

 

 

 

"Os demos de barro"

Dentro da programación da 48 Festa do Queixo, o Departamento de Cultura do Concello de Arzúa convidou a escolares a asistir á proxección da longametraxe de animación "Os demos de barro" producida polo arzuán e gañador dun premio Goya, Xosé Zapata.

Tivo a sorte de poder asistir a esta proxección o alumnado de 4° de Educación Primaria. Tivo lugar o xoves, 2 de marzo na capela da Madalena.

Esta película conta unha fermosa historia de reencontro coa natureza e coas raíces na que a súa protagonista é unha muller forte e valente chamada Rosa.

SOCIEDADE DEPORTIVA DO COMPOSTELA

Este luns, tivemos a sorte de recibir no salón de actos do noso colexio a dúas xogadoras de fútbol do Victoria FC de Santiago, Alba e Marta, e a dous xogadores do S.D. Compostela, Martín e Roque.

Fixéronse as presentación destes xogadores e xogadoras, no que se falou das súas traxectorias profesionais para dar paso a falar e debater sobre por que é importante practicar deporte.

Saíron respostas moi axeitadas tales como: é importante para a saúde física e mental, promove a igualdade, apréndese a respectar a autoridade, promove a disciplina…

                               

Damos as grazas á Sociedade Deportiva do Compostela por achegar aos nosos cativos e cativas estes bos consellos sobre a importancia de facer exercicio e deporte e que sexan catro profesionais do deporte os que lles transmitan estas boas prácticas.

Ademais, tiveron o detalle de traer entradas para os partidos da próxima fin de semana e varios agasallos para sortear entre o alumnado. Estes foron os nenos e nenas premiados e premiadas:

                             

                           

 

PATROCINA COBRE SAN RAFAEL

ADMISIÓN DO ALUMNADO 2023-2024

Proceso de admisión regulado na ORDE do 21 de outubro de 2022 pola que se desenvolve o Decreto 13/2022, do3 de febreiro, e se regula o procedemento de admisión do alumnado nos centros docentes sostidos con fondos públicos que imparten ensinanzas de segundo ciclo de educación infantil, de educación primaria, de educación secundaria obrigatoria e de bacharelato reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, deeducación (códigos de procedemento ED550A, ED550B e ED550C).

O prazo de presentación de solicitudes de admisión de ALUMNADO DE NOVO INGRESO ao CEIP de Arzúa:

Do 1 ao 20 de marzo

(Ambos incluídos)

Para tal efecto deberán cubrir o anexo correspondente e entregalo na secretaría do NOSO CENTRO no horario de ATENCIÓN ÁS FAMILIAS xunto coa documentación que a continuación se detalla.

Descargar Anexo II en Galego

Descargar Anexo II en Castelán

 

 

 

 

INFORMACIÓN IMPORTANTE:

 

A Solicitude deberá estar preferiblemente asinada polo dous titulares da patria potestade ou representantes legais.

 

 

No caso de separación ou divorcio, será necesaria a sinatura de ambos proxenitores, agás que a patria potestade estea atribuída con carácter exclusivo, a un deles. En ambos casos, será necesario presentar, xunto coa solicitude de admisión, a resolución xudicial correspondente.

DESCARGA DE IMPRESOS:

SOLICITUDE COMEDOR

SOLICITUDE TRANSPORTE

FICHA DE PATOLOXÍAS

ANEXO III:FORMALIZACIÓN MATRÍCULA

 

 

Mª XESÚS BLANCO VISITA O NOSO CENTRO

Este venres, 24 de febreiro visitou o noso centro a escritora melidense Mª Xesús Blanco, autora do libro "O caderno de Rosalía".

A escritora contoulles aos rapaces e rapazas de quinto e sexto que ela quedou namorada de Pipi Calzaslongas, personaxe de Astrid Lindgren. Unha visita coa súa familia á casa de Rosalía de Castro redondeou o seu proxecto literario, bautizado como "O caderno de Rosalía". Elixiu o nome de Rosalía para a protagonista do seu libro porque pensa que transmite personalidade e fortaleza. 

Rosalía, personaxe principal do seu conto, é unha nena forte, valente e entusiasta que vai plasmando no seu caderno todo aquilo que lle acontece e tamén o día a día da xente que a rodea. Algunhas destas vivencias son divertidas, pero outras non o son tanto. Estas e outras cousas foi explicándolles a escritora ao noso alumnado e despois deu paso ás preguntas que eles e elas lle foron formulando.

Foi un encontro moi entrañable. Moitas grazas Mª Xesús por esta visita!!

    

   

INFORMACIÓN XORNADA ÚNICA

CESTA PREMIADA!!!!!

O venres 17 de febreiro sorteamos a cesta do entroido e o NÚMERO PREMIADO foi o 0574.

Puxémonos en contacto coa persoa agraciada que se presentou no Centro co boleto premiado para recoller a cesta.

NORABOA!!!!!

Música - Repasando os ritmos do libro (1º e 2º)

Boa tarde!

Aquí deixo un par de vídeos para que os nenos e nenas de 1º e 2º EP poidan repasar os ritmos do libro.

1º EP --> Páx. 20 do libro

2º EP --> Páx. 19 do libro

Os vídeos estarán dispoñibles online ata o día do exame.

Powered by Drupal - Design by artinet