UN MUNDO NUN MUSEO: OITAVO RETO DO MUSEO DE BELLAS ARTES en 2ºB

O oitavo reto que nos propoñen nesta ocasión as educadoras do museo titúlase OS ANIMAIS NAS CULTURAS

Fai algúns anos chegou ao Museo de Belas Artes da Coruña un depósito de obras do pintor Fernando Álvarez de Sotomayor desde o Museo do Prado. Entre retratos de persoas da burguesía e de labregos e labregas galegos, atopamos este pequeno cadro de 61 x 76 centímetros.

A obra é moi sinxela: unha vaca, con manchas brancas e marróns, atópase de perfil situada diante dun fondo escuro e impreciso feito con pinceladas rápidas e grosas. Mediante distintas tonalidades, Sotomayor consegue crear zonas de luz e sombra, destacando coa liña moi marcada a silueta da vaca.

Ao longo da súa produción artística, o pintor representou numerosas escenas campestres e pastoriles como romarías e festas de gando. En moitas destas obras, de composicións complexas, a vaca ou vacas representadas teñen un gran protagonismo. Esta obra é un estudo, polo que o temos que entender como un análise anatómico da vaca; Sotomayor estaría aquí ensaiando e practicando como representar este animal tan importante para a cultura galega.

A VACA NA CULTURA GALEGA

No conxunto de España a gandeiría é unha das industrias máis importantes que hai. Dentro da gandeiría bovina sen lugar a dúbidas Galicia é a comunidade autónoma onde a súa industria é máis numerosa e significativa. No ano 2023 rexistráronse en Galicia 916.264 vacas; a segunda comunidade autónoma española onde hai máis vacas é Asturias cunha cifra de 389.264. En Lugo no 2023 había censadas 324.267 persoas; sendo a cifra de vacas lucenses censadas no mesmo ano 444.124. Podemos dicir así que na provincia de Lugo viven máis vacas que persoas!1

Castelao chegou a dicir: “A vaca é un símbolo de paz”. Para moitos galegos e galegas as vacas son algo próximo e familiar, forman parte da paisaxe e da casa; e por suposto son unha fonte de produción importante para o país. O seu leite e derivados, a súa carne e coiro sustentaron moitas xeracións en épocas pasadas. A súa calor natural aliviou as noites invernais das aldeas durante séculos; hai quen di que as vacas eran “a calefacción” dos fogares de Galicia.

Ademais, en Galicia existen castes autóctonas con denominación de orixe e protección oficial: especies xenéticas tan diferenciadas como a cachenda, a caldelá, a limía, a frieiresa ou a vianesa.

Adorada por civilizacións antigas (os hindús tiñan e aínda manteñen unha gran adoración por elas ao considerarse un animal sagrado), podemos dicir que en Galicia son case un animal totémico, ao outorgarlle a nosa cultura un simbolismo, algo que forma parte da identidade galega.

 A VACA NA ARTE

A vaca foi representada en numerables ocasións por autores de distintos lugares e tempos históricos. Aínda que adoitamos vela nas obras pictóricas formando parte dunha escena con máis elementos, existen numerosos exemplos das vacas como únicas protagonistas da obra de arte. Tamén numerosos artistas galegos representaron a vaca como valor da nosa cultura.

 

ACTIVIDADE 1: VERSIONANDO A VACA DE SOTOMAYOR EN ESTILO POP ART

A actividade que nos propoñeron non é outra que versionar o estudo de vaca de Sotomayor para que fagamos un mural de arte pop ao estilo de Andy Warhol.

Cada un terá que traballar coa súa vaca; dotándoa de cores vivas e xogando co collage. Para iso podemos empregar: pintura líquida, rotuladores, ceras, lapis de cores, subliñadores... canto máis vibrantes sexan as cores mellor. Podemos se queremos xogar a recortar a vaca colocándolle outro fondo sobre folios ou cartolinas de tamaño DIN A4 coloridas.

Unha vez que teñamos as nosas vacas listas unirémolas colgándoas dunha parede para que todas elas formen un único mural da nosa “vaca pop”.

 

Xa empezamos este venres: 

         

Powered by Drupal - Design by artinet