Gallego

O conselleiro inaugurou unhas Xornadas de Formación que congregan en Santiago a profesionais da orientación para analizar os novos contextos da sociedade da información

Gallego

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, participou esta mañá na inauguración das “V Xornadas de Formación dos xefes e xefas dos departamentos de orientación”, que baixo o lema “Novas dimensións” congregan en Santiago a uns 300 profesionais deste ámbito, para analizar e debater sobre os novos contextos e esixencias da sociedade da información.

Na súa intervención o conselleiro agradeceu o compromiso e a implicación dos orientadores educativos no seu labor diario de guía, de apoio e de asesoramento aos alumnos e alumnas para o logro de proxectos tanto persoais como laborais. Dirixíndose aos participantes na xornada, Román Rodríguez desexoulles que este encontro “vos achegue motivación, ideas e claves para realizar o voso traballo diario”. Non obstante o conselleiro alertou de que non se pode caer no conformismo e emprazou a “implicarnos sempre un pouco máis para dotar de novo impulso e acción aos nosos proxectos”.

A xornada –que organiza o Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI),  organismo dependente da Consellería de Cultura e Educación- conta coa presenza da investigadora e divulgadora de temas relacionados coa educación Catherine L’ecuyer, cunha conferencia baixo o título “Educando no abraio e na beleza”, na que afonda sobre a importancia de preparar aos nenos e adolescentes para o mundo on-line desde o mundo off-line, é dicir, desde o mundo real e motivalos para aprender sen medo ao esforzo.

Tamén asiste o recoñecido pedagogo José Antonio Marina, para disertar sobre a importancia de que todo o ámbito da sociedade se implique na tarefa educativa. Así mesmo, a xornada conta coa presenza dos orientadores educativos Alberto del Mazo e Mabel Villaescusa, así como do asesor en emprego e recursos humanos Alfonso Alcántara, entre outros.

 

Sección: 

Orde do 16 de abril de 2015 pola que se nomean os membros do Consello para a Convivencia Escolar da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG 22 abril 2015)

Orde do 16 de abril de 2015 pola que se nomean os membros do Consello para a Convivencia Escolar da Comunidade Autónoma de Galicia.

Gallego

Sección: 

O conselleiro de Cultura e Educación informa ao Consello para a Convivencia Escolar de Galicia do avance na elaboración dun protocolo de alerta sanitaria nos centros de ensino

Román Rodríguez presidiu hoxe a constitución deste órgano, de carácter consultivo e de apoio a toda a comunidade educativa no referido á mellora do clima nas aulas

O primeiro documento que será analizado por este foro será a Estratexia Galega de Convivencia Escolar 2015 2020, ’educonvives.gal’

Gallego
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez,
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, presidiu hoxe a constitución do Consello para a Convivencia Escolar da Comunidade Autónoma de Galicia

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, presidiu hoxe a constitución do Consello para a Convivencia Escolar da Comunidade Autónoma de Galicia, un órgano creado polo Decreto 8/2015, de convivencia e participación da comunidade educativa en materia de convivencia escolar; de carácter consultivo e de apoio a toda a comunidade educativa no referido á mellora do clima nas aulas. Durante a constitución do Consello gardouse un minuto de silencio polos acontecementos ocorridos o pasado día 20 nun IES de Barcelona. Ademais explicouse que este órgano funcionará como o grupo de traballo solicitado polo Ministerio de Educación, Cultura y Deporte ás Comunidades Autónomas para a mellora da convivencia, a raíz dos devanditos feitos.

No marco deste acto o conselleiro presentou o primeiro documento que se someterá a consideración deste foro, a Estratexia Galega de Convivencia Escolar 2015-2020, ’educonvives.gal’. Así mesmo, Román Rodríguez informou aos integrantes deste órgano de que o seu departamento ten xa moi avanzado un Protocolo para a Actuación en Urxencias sanitarias e Atención educativa ao alumnado con Enfermidades crónicas, un documento que xa foi validado pola Consellería de Sanidade. Trátase dunha guía elaborada por e para docentes co visto e prace das autoridades sanitarias que busca facilitar e mellorar a resposta ás situacións de emerxencias e accidentes que poidan xurdir, sempre da man dos servizos de urxencia;  así como a atención ás eventualidades en caso de alumnado con condicións crónicas como os que presenten intolerancias alimentarias, alerxias ou asma, entre outras. O protocolo contará cunha addenda específica para cada unha destas condicións, sendo a primeira das que se están a elaborar a referida á diabete.

Membros do Consello

O Consello para a Convivencia Escolar da Comunidade Autónoma de Galicia é o foro de debate e a cadea de transmisión das inquedanzas da sociedade galega ao respecto da convivencia escolar, e será o órgano encargado de supervisar o desenvolvemento dos 5 eixes e 35 actuacións que contempla a Estratexia Galega de Convivencia Escolar 2015-2020, que se someteu hoxe á súa consideración. Está conformado por 27 membros, dos que o conselleiro é o presidente, o director xeral de Educación, FP e Innovación educativa, Manuel Corredoira, é o vicepresidente; e a xefa de servizo de Formación do profesorado, Fátima Mª García Doval, a secretaria.

No que atinxe á Consellería de Cultura e Educación forman parte do órgano os secretarios xerais técnico, Jesús Oitavén; e de Universidades, José Alberto Díez de Castro; o director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal; e os xefes e xefas territoriais da Consellería nas 4 provincias galegas, Indalecio Cabana (A Coruña), María Carmen Gueimunde (Lugo), Mercedes Gallego (Ourense) e César Pérez (Pontevedra). Ademais, a Xunta de Galicia está representada pola secretaria xeral técnica da Consellería de Sanidade, Josefina Monteagudo; a  secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella; e as directoras xerais de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Blanca García Señoráns, e de Familia e Inclusión, Amparo González.

Fóra da Administración autonómica forman parte deste foro unha persoa representante do Consello Escolar de Galicia, outra da FEGAMP; outra da Xunta Autonómica de Directores de Centros Educativos; dúas persoas representantes das confederacións de asociacións de pais e nais – unha de centros públicos e outra dos centros educativos privados concertados-, unha persoa representante por cada organización sindical con representación na mesa sectorial docente – ANPE Galicia, CC.OO. Ensino, CIG Ensino, FETE- UXT Galicia-, e outra da patronal dos centros de ensino privados.

Ademais forman parte do órgano dúas persoas de recoñecido prestixio na materia, Francisco Ramón Durán Villa e José Antonio Gay.

‘educonvives.gal’

O obxectivo a Estratexia Galega de Convivencia Escolar 2015-2020 é fornecer o profesorado, nais, pais e equipos directivos - fundamentalmente- dunha serie de recursos que lles permitan abundar na mellora da convivencia escolar e desde a óptica integral e inclusiva. Nesta liña búscase facilitar orientacións para actuar con rapidez diante de eventuais situacións problemáticas para a convivencia, así como a súa prevención a través de formación en materia de saúde, identidade de xénero, identidade dixital -uso de redes sociais, etc -, ou loita contra o racismo e a xenofobia.

Para iso, a Consellería está xa a preparar, en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) unha enquisa censual sobre convivencia e clima escolar que será censual para todo o alumnado de ensino obrigatorio, postobrigatorio, de adultos e de réxime especial, a partir de 5º de Primaria - será a máis completa de España nesta materia. Ademais participarán nesta consulta os docentes, equipos directivos e persoal non docente dos centros, así como as familias.

Ademais destes primeiro eixe, a estratexia contempla outros 4. Deles, o segundo pretende impulsar a investigación nesta materia, así como a difusión de casos de éxito e boas prácticas como exemplos para a prevención e para a actuación diante de conflitos, ben a través da elaboración de materiais que os recollan,  ben mediante o intercambio de experiencias; así como a formación dos docentes nesta materia.

O terceiro eixe da estratexia céntrase no apoio aos centros e á comunidade educativa a través da creación dun fondo documental e de asistencia xurídica en materia de convivencia, conformado por normativa, estudos, traballos de investigación... ao respecto; así como do impulso da creación de protocolos – normativos e orientativos - que, no marco da autonomía dos centros, favorezan a abordaxe das diferentes situacións de conflito. Así mesmo, afondarase na colaboración cos servizos de menores e outras institucións e prestarase orientación aos centros para a elaboración de cadanseu plan de convivencia e para a xestión da convivencia en espazos como o transporte, o comedor ou os recreos.

O cuarto dos eixes da Estratexia ten como obxectivo as vertebracións das iniciativas e accións comunitarias encamiñadas á mellora da convivencia escolar, tales como o fomento da constitución dunha rede de Escolas de Nais e Pais, así como o impulso da relación entre os centros e as institucións do seu contorno que desenvolven iniciativas en prol da mellora do clima nas aulas, e coas familias, entre outras accións.

Pola súa banda, o eixe 5 contempla que se faciliten aos centros modelos para a xestión de expedientes e de medidas correctoras mediante o fornecemento dunha guía de modelos de xestión e documentos orientativos, normalización de modelos de coordinación cos servizos sociais e outros axentes implicados na protección dos menores, entre outras accións. Ademais, neste mesmo eixe, está previsto potenciar a mediación escolar mediante o establecemento dunha rede de mediación, con formación de alumnado e profesorado na teoría e práctica da mediación e na resolución conciliada de conflitos.

Tema: 

Colectivo: 

Sección: 

A Xunta abordará cunha estratexia integral a convivencia nos centros para a mellora do clima escolar en Galicia

A reunión semanal do Goberno galego analizou hoxe un informe sobre esta nova iniciativa, que procura servir como folla de ruta para a aplicación da normativa nesta materia ata 2020

O obxectivo é que todos os axentes implicados na protección dos menores participen no desenvolvemento de ‘educonvives.gal’

Gallego

O Consello da Xunta analizou hoxe o informe sobre a ‘Estratexia Galega de Convivencia Escolar 2015 2020, educonvives.gal’, unha folla de ruta que pretende guiar e abordar desde un punto de vista integral no próximo quinquenio a aplicación da normativa publicada neste eido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Malia que en Galicia non existe un problema

de convivencia, o Goberno galego busca garantir un bo clima nas aulas, consciente de que se trata dun factor imprescindible para a mellora da calidade educativa, para garantir o éxito escolar e para facilitar o labor docente. O obxectivo desta estratexia é, polo tanto, fornecer o profesorado, nais, pais e equipos directivos - fundamentalmente- dunha serie de recursos que lles permitan abundar na mellora da convivencia escolar e desde a óptica integral e inclusiva. Nesta liña búscase facilitar orientacións para actuar con rapidez diante de eventuais situacións problemáticas para a convivencia, así como a súa prevención a través de formación en materia de saúde, identidade de xénero, identidade dixital -uso de redes sociais, etc -, ou loita contra o racismo e a xenofobia.

A nova iniciativa centra a atención na formación e coordinación de todos os axentes implicados – profesorado, familias, docentes, alumnado, outras institucións...- e na difusión de boas prácticas e casos de éxito para a mellora do clima de aula en Galicia.

Así mesmo, establece a diagnose da situación de convivencia – actualmente con mínima incidencia na nosa Comunidade - a través dunha enquisa específica, que se irá actualizando co establecemento dunha recollida de datos rutinaria; así como a creación dun fondo documental especializado neste eido e de modelos normalizados que permitan axilizar a tramitación das posibles situacións de conflito.

Este documento será o primeiro que avalíe o Consello para a Convivencia Escolar de Galicia que, tras a súa creación ao abeiro do decreto polo que se desenvolve Lei de convivencia e participación da comunidade educativa, se constituirá nas próximas semanas. Neste sentido a Estratexia prevé potenciar o papel vertebrador deste órgano de carácter consultivo e de apoio a toda a comunidade educativa no que se refire a esta materia, en especial, no que atinxe á colaboración con outras administracións implicadas na tarefa de mellorar o clima das aulas. De feito, entre outras entidades e expertos, estarán representadas neste consello as consellerías de Sanidade, Traballo e Benestar e Cultura e Educación.

Diagnose e difusión das boas prácticas

A Estratexia parte da necesidade de abordar a mellora da convivencia desde tres niveis, social, institucional e persoal; desde o que se presenta unha estrutura de 5 eixos. O primeiro deles céntrase na diagnose e seguimento, a través da difusión de documentos de recollida de datos entre os diferentes sectores da comunidade educativa, unha información da que despois disporá de forma individual cada centro para elaborar os seus propios plans de convivencia, e o devandito Consello para fixar metas e obxectivos a nivel autonómico. A enquisa - que será censual para todo o alumnado de ensino obrigatorio, postobrigatorio, de adultos e de réxime especial, a partir de 5º de Primaria - será a máis completa de España nesta materia.

Unha vez realizado este estudo, está previsto establecer procesos e ferramentas de avaliación continua que permitan a monitorización e mellora permanente do clima nas aulas, tanto incluíndo este punto nos Documentos de Recollida de Datos (DRD) dos centros, como a través de enquisas regulares.

Pola súa parte o eixe 2 pretende impulsar a investigación nesta materia, así como a difusión de casos de éxito e boas prácticas como exemplos para a prevención e para a actuación diante de conflitos, ben a través da elaboración de materiais que os recollan,  ben mediante o intercambio de experiencias.

Neste sentido potenciarase tamén a potenciación da formación dos docentes no marco do Plan anual de formación do profesorado e dos plans de formación e centros que teñan como obxectivo abordar a convivencia vinculándoa directamente á calidade educativa.

Apoio á comunidade educativa

O terceiro eixe da estratexia céntrase no apoio aos centros e á comunidade educativa. Por unha banda, está previsto crear e manter un fondo documental e de asistencia xurídica en materia de convivencia, conformado por normativa, estudos, traballos de investigación... ao respecto. Neste mesmo punto apoiarán os centros na xestión e protección dos datos persoais, cuestión clave para previr situacións de risco de acoso e ciberacoso.

Ademais, promoverase a creación de protocolos – normativos e orientativos - que, no marco da autonomía dos centros, favorezan a abordaxe das diferentes situacións de conflito. A maiores do xa existente Protocolo de acoso escolar e ciberacoso elaborado pola Consellería de Cultura e Educación, difundirase información sobre aspectos básicos de identidade dixital ou para a actuación fronte ás condutas dos implicados nas situacións problemáticas. Así mesmo, afondarase na colaboración cos servizos de menores e outras institucións.

No marco deste mesmo eixe, prestarase orientación aos centros para a elaboración de cadanseu plan de convivencia, así como formación en materia de saúde, para garantir a igualdade de xénero, a non discriminación e a liberdade de identidade de xénero, e para a prevención do racismo e a xenofobia. Tamén se proporcionará información para a xestión da convivencia en espazos como o transporte, o comedor ou os recreos.

Unión de forzas

O cuarto dos eixes da Estratexia ten como obxectivo as vertebracións das iniciativas e accións comunitarias encamiñadas á mellora da convivencia escolar. Así, ademais do papel do Consello para a Convivencia Escolar de Galicia para promover a unión de forzas, ofreceránselle á comunidade educativa estratexias e recursos para garantir a colaboración e coordinación entre as familias e os centros.

Para iso fomentaranse e apoiaranse as Escolas de Nais e Pais – e mesmo a constitución dunha rede que as vincule -, así como a relación entre os centros e as institucións do seu contorno que desenvolven iniciativas en prol da mellora do clima nas aulas. Así mesmo achegaranse orientacións aos centros para a posta en marcha de estratexias e protocolos coas familias, tanto na prevención como na formación continua e na acción titorial; e estableceranse marcos multisectoriais nos que os diferentes membros da comunidade escolar poidan compartir reflexións e formarse de xeito integrado.

Abordaxe de conflitos

No caso de que as actuacións de prevención non desen resultado e se producise un conflito, a Estratexia reserva o seu quinto eixe para orientar a abordaxe destas situacións dunha forma sistemática, aséptica e normalizada. Neste sentido, facilitarase a xestión de expedientes e de medidas correctoras mediante o fornecemento dunha guía de modelos de xestión e documentos orientativos, normalización de modelos de coordinación cos servizos sociais e outros axentes implicados na protección dos menores, entre outras accións.

A maiores, está previsto potenciar a mediación escolar mediante o establecemento dunha rede de mediación, con formación de alumnado e profesorado na teoría e práctica da mediación e na resolución conciliada de conflitos.

Implicación e cronograma

Segundo indica o informe analizado hoxe polo Consello da Xunta, esta estratexia integral persigue a implicación de todos os axentes inmersos na convivencia e na mellora do clima escolar, nomeadamente alumnado, profesorado, persoal de administración e servizos, familias, ANPA, servizos sociais e de benestar, servizos de saúde, forzas e corpos de seguridade do Estado e xulgados de menores, tecido asociativo e outros servizos municipais e comunitarios dependentes da Xunta de Galicia

A través do Consello para a Convivencia Escolar de Galicia concretarase un cronograma de posta en marcha dos diferentes eixes e estableceranse indicadores de logro que permitan o seguimento e avaliación da Estratexia, de forma que poida reforzarse ou dar conta dos seus froitos.

Tema: 

Sección: 

A Comisión de Convivencia do centro educativo

A comisión de convivencia ven regulada no artigo 6 do Decreto 8/2015, considerándose como un órgano con carácter consultivo. Crease no seo do Consello Escolar de cada centro e desempeñará as súas funcións por delegación deste para facilitar o cumprimento das competencias que, en materia de convivencia escolar, ten asignadas o consello escolar.

 

Gallego

Axentes responsables da convivencia escolar

Ao longo do Capítulo I do Título II, do Decreto 8/2015, do 8 de xaneiro, polo que se desenvolve a Lei 4/2011, do 30 de xuño, de convivencia e participación da comunidade educativa en materia de convivencia escolar (DOG de 27 de xaneiro), se recollen os diferentes axentes responsables da convivencia escolar, así como as súas responsabilidades:

 

Gallego

As Normas de Organización e Funcionamento (NOF)

No artigo 18 do Decreto 8/2015 faise referencia ás Normas de Organización e Funcionamento (NOF). Trátase dun documento institucional independente nos centros educativos, pero con fundamento no seu Proxecto Educativo (PEC), sendo as súas liñas xerais as que deban inspirar o seu desenvolvemento. Son un conxunto de normas relativas á organización e funcionamento do centro e xorden da participación e do consenso de toda a comunidade escolar (alumnado, profesores, persoal de administración e servizos e nais e pais do alumnado) No artigo 19 do Decreto 8/2015 indícase que as normas de convivencia, que serán elaboradas polos centros docentes, terán como obxectivo fundamental desenvolver unhas relacións positivas entre os diferentes membros da comunidade educativa para lograr un clima escolar axeitado que facilite o logro dos obxectivos educativos e o éxito escolar.

 

Gallego

Decreto 8/2015 polo que se desenvolve a Lei 4/2011, do 30 de xuño, de convivencia e participación da comunidade educativa en materia de convivencia escolar

Gallego

Xúntase o Decreto 8/2015, do 8 de xaneiro, polo que se desenvolve a Lei 4/2011, do 30 de xuño, de convivencia e participación da comunidade educativa en materia de convivencia escolar.

Sección: 

As actuacións postas en marcha pola Consellería de Cultura e Educación en materia de convivencia teñen contribuído a mellorar o clima nas aulas e á prevención dos casos de acoso

O secretario xeral técnico explicou hoxe no Parlamento como se están a aplicar a Lei 4/2011 e mais o protocolo que a complementa

Gallego
As actuacións postas en marcha pola Consellería de Cultura e Educación en materi
As actuacións postas en marcha pola Consellería de Cultura e Educación en materia de convivencia teñen contribuído a mellorar o clima nas aulas e á prevención dos casos de acoso

As actuacións postas en marcha pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en materia de convivencia escolar teñen contribuído á mellora do clima nas aulas e á prevención dos casos de acoso. Así o explicou esta mañá no Parlamento de Galicia o secretario xeral técnico da Consellería, Jesús Oitavén, ao referirse á aplicación nos centros educativos tanto da Lei 4/2011 de convivencia e participación da comunidade educativa, e do Protocolo xeral de prevención, detección e tratamento do acoso escolar e ciberacoso.

Neste sentido o secretario xeral técnico lembrou que a devandita lei abordou por primeira vez no plano lexislativo o tratamento de situacións de acoso, partindo da definición destas situacións e incluíndo a problemática derivada do mal ou inadecuado uso das novas tecnoloxías. Así mesmo no seu articulado prevíase a elaboración dun protocolo prevención, detección e tratamento do acoso escolar e ciberacoso, que “foi elaborado coa implicación e consenso de diferentes axentes educativos que participan e colaboran directa ou indirectamente en conseguir unha convivencia positiva nos centros escolares”, entre eles os departamentos de orientación e os equipos de orientación específicos , “dos que ningún centro educativo público de Galicia carece”, aclarou.

Un marco xeral para os centros

“Logo de algo máis dun ano da posta en marcha deste Protocolo xeral, podemos manifestar que a súa incorporación e adaptación aos centros educativos supuxo importantes beneficios, tanto para o alumnado galego como para o conxunto das comunidades educativas”, dixo o secretario xeral técnico. Entre os beneficios que este protocolo - que se aplica en todos os centros educativos galegos como un marco xeral de actuación-  está a supoñer, Oitavén sinalou o seu funcionamento como un marco de referencia para previr e abordar eficazmente as posibles situacións de acoso escolar, ao tempo que é adaptable para que os centros o  incorporen aos seus plans de convivencia, “en función do seu contexto ou das peculiaridades do caso, todo isto dentro da súa autonomía organizativa, de xestión e pedagóxica”. Así mesmo explicou que o protocolo achega modelos de documentos de tramitación para axilizar a súa posta en práctica, o que facilita o traballo da comunidade escolar para a prevención e detección destes casos.

Neste sentido lembrou que, asemade, o documento ofrece pautas para identificar e resolver as situacións reais de acoso escolar e ciberacoso, conforme a normativa vixente, ademais de ofrecer información sobre os diferentes tipos e as súas consecuencias; e un amplo bloque de posibles estratexias de prevención das que se poden servir os centros educativos. Así mesmo, establece un protocolo concreto de actuación unha vez que foi detectada esta situación, con catro fases diferenciadas; indicando tamén a coordinación cos organismos competentes.

Doutra banda, o secretario xeral reiterou que a Consellería pon por diante na aplicación da lei e do protocolo a protección das vítimas e de todos os membros da comunidade escolar implicados nunha situación de acoso, facendo fincapé na reserva e sixilo profesional.

A rapidez e dilixencia das actuacións, cun prazo máximo de 12 días para a resolución do procedemento de corrección das condutas, foi outro dos puntos fortes salientados das actuacións postas en marcha da Consellería en materia de convivencia escolar.

“En conclusión, a Consellería considera que o protocolo xeral, xunto coa adaptación específica en cada centro, supoñen uns recursos eferramentas que, unido á formación ofrecida aos colectivos de profesionais da educación, están a facilitar a prevención fundamental e a intervención inmediata ante as situacións de acoso e ciberacoso,  o que contribúe a que os centros sexan un lugar onde se ofrece un ensino de calidade e nun adecuado clima de convivencia”, destacou Oitavén.

Actuacións complementarias

o secretario xeral técnico sinalou que a Consellería complementa a lei e o protocolo con formación específica para os profesionais do ensino, ao tempo que se desenvolve nos centros o “Plan Director para a convivencia e a mellora da seguridade nos centros educativos e nos seus contornos”, que ofrece a posibilidade de solicitar charlas informativas e formativas dirixidas aos diferentes membros da comunidade educativa sobre diferentes temáticas que favorezan a mellora da convivencia.

Ademais, lembrou que a Consellería participou - xunto coa Amtega, o Valedor do Pobo e a Universidade de Santiago de Compostela- no proxecto “Mocidade en liña”, coa elaboración dunha plataforma informática que permitiu recoller datos on-line nos centros de ensino secundario da comunidade galega para coñecer o uso que os adolescentes fan de Internet e as Novas Tecnoloxías, existindo na actualidade un informe público cos resultados deste proxecto.

Tamén en colaboración con outros organismos, a Consellería ten en marcha outras iniciativas como a participación proxecto europeo ARBAX ou o Plan director en colaboración coa Delegación do Goberno, e o  lanzamento de diferentes espazos web con recursos para o profesorado e o alumnado arredor desta materia.

Tema: 

Galicia continúa a ser a comunidade pioneira na mellora do clima escolar coa elaboración do decreto que desenvolve a lei de convivencia e participación da comunidade educativa

A Consellería de Cultura e Educación elaborou a primeira lei en España ao respecto na que se recolle tamén o cyberbullying de forma específica, e publicou ademais un protocolo para guiar os centros nestas situacións

Como novidade , establécese o procedemento conciliado para a resolución de conflitos, promovendo o diálogo entre as partes e a inmediatez da corrección educativa

Así mesmo créase un Consello para a Convivencia Escolar da Comunidade Autónoma de Galicia, así como unha Comisión de Convivencia en cada centro de ensino

Gallego

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria porá o acento nas actuacións preventivas e na formación do alumnado, profesorado, familias e persoal non docente no decreto que desenvolve a Lei 4/2011 de convivencia e participación da comunidade educativa, que será enviado ao Consello Consultivo tras a súa aprobación hoxe polo Consello da Xunta. Deste xeito, Galicia continúa a ser a comunidade autónoma pioneira na mellora do clima escolar, ao elaborar a primeira lei en España que recolle tamén o cyberbullying de forma específica, e que publicou un protocolo de prevención, detección e tratamento das situacións de acoso escolar, polo que é a primeira comunidade autónoma que recolle nun mesmo protocolo o tratamento do acoso e a do ciberacoso. Cómpre salientar, ademais, que se mantén a aposta pola rápida resolución dos procedementos que se abran para a imposición das medidas correctoras, nun prazo máximo de doce días lectivos desde que se tivo coñecemento dos feitos que deron lugar á súa incoación.

Cómpre sinalar que a Consellería ten en marcha outras iniciativas neste eido, como actividades de formación do profesorado, a participación en programas a prol dun bo clima na aula –proxecto europeo ARBAX, Plan director en colaboración coa Delegación de Goberno, entre outros-, ou o lanzamento de diferentes espazos web con recursos para o profesorado e o alumnado arredor desta materia.

Consello para a Convivencia Escolar

O novo texto afonda nas bases sentadas pola devandita lei, en concreto no referido a centrar as accións dirixidas a mellorar o clima escolar na detección das condutas conflitivas, na mediación e na corresponsabilidade. Neste sentido, o decreto sinala por primeira vez a todos os membros da comunidade educativa como axentes responsables da convivencia escolar. Para velar por ela establécese a creación dunha comisión de convivencia, que se encadrará no seo do Consello Escolar. Entre as súas funcións estará a elaboración do Plan de convivencia, a adopción de medidas preventivas e de mellora da convivencia, así como todas as accións dirixidas ao seu seguimento e das actuacións correctoras.

Ademais, o decreto prevé a creación do que será o primeiro Consello para a Convivencia Escolar da Comunidade Autónoma de Galicia, un órgano consultivo e de apoio a toda a comunidade educativa no que se refire á convivencia escolar, que contará co apoio dos servizos técnicos da Administración para fomentar a participación dos membros da comunidade educativa na mellora do clima nos centros de ensino.

Entre as súas funcións estarán a de avaliar a situación da convivencia nos centros, establecendo estratexias para a recollida de información, análise e difusión dos datos, impulsando e propoñendo liñas de actuación de investigación, prevención e inclusión nesta materia, información que será recollida nunha memoria anual elaborada ao remate de cada curso escolar. Ademais, proporá iniciativas de cara á mellora do clima escolar, elevará propostas de actuación á Administración educativa e realizará o seu seguimento e avaliación; incluirá tamén liñas de actuación en materia de formación do profesorado. Así mesmo, o Consello colaborará e coordinará as súas actuacións con diferentes organismos e entidades que teñan entre os seus fins a prevención e resolución de conflitos, así como a potenciación e mellora da convivencia escolar.

Acento nas medidas preventivas

O decreto pon o acento na prevención e na detección precoz, promovendo o desenvolvemento de actividades de acollida, sensibilización e formación do profesorado, o alumnado, as familias e o persoal non docente neste eido. Así, faise especial fincapé nas actuacións, programas e medidas para a mellora da convivencia desde unha perspectiva preventiva, e a Consellería comprométese a impulsar actividades formativas nesta materia. De feito estas actuacións xa se prevén en convocatorias como a de plans de formación en centros. Nesta mesma liña, a mediación escolar aparece destacada como unha medida de resolución de conflitos.

Outra das novidades deste decreto é o establecemento do procedemento conciliado para a corrección das condutas gravemente prexudiciais para a convivencia, de xeito que se persegue que o diálogo, a implicación e o compromiso do alumnado corrixido e da súa familia sirva para que a persoa agraviada se sinta valorada, que as medidas correctoras sexan consensuadas -de ser o caso- coa colaboración dun mediador para lograr o achegamento coas persoas afectadas e, ao mesmo tempo, para facilitar a inmediatez da corrección educativa.

Así mesmo, regúlase o funcionamento das aulas de convivencia inclusiva para substituír o tempo de expulsión do alumnado que estivese temporalmente privado do seu dereito de asistencia ao centro como consecuencia da imposición de medidas correctoras; e das escolas de nais e pais, que poderán propoñer iniciativas tendentes a previr e resolver conflitos de convivencia, mellorar a convivencia e fomentar o respecto mutuo e a tolerancia no centro educativo.

Nesta mesma liña establécese que as medidas de corrección deberán ter carácter educativo e recuperador, garantir o respecto dos dereitos de todo o alumnado e procurar a mellora da convivencia no centro docente, ser proporcionais á gravidade da conduta corrixida e, en definitiva, contribuír a que a alumna ou o alumno corrixido asuma o cumprimento dos seus deberes, mellore as súas relacións con todos os membros da comunidade escolar e a súa integración no centro educativo.

Plan de convivencia

O novo decreto define tamén o obxecto, fins e principios do Plan de convivencia de cada centro, así como a súa estrutura e contidos. Neste sentido incide na necesidade de que se inclúan medidas, actuacións e programas favorecedores dunha convivencia de calidade, e procesos de seguimento, avaliación e mellora do propio plan.

Ademais, o texto afonda nas liñas postas pola Lei 4/2011 no referido ás normas de organización, funcionamento e convivencia dos centros educativos, e nas actuacións, programas e medidas para a mellora da convivencia neles. Neste sentido as normas de cada centro concretarán os dereitos e deberes do alumnado e establecerán as condutas contrarias á convivencia e as correccións correspondentes, e poderán incluír, por exemplo, previsións sobre a vestimenta do alumnado ou sobre o uso de dispositivos móbiles e electrónicos.

Sección: