A Xunta abordará cunha estratexia integral a convivencia nos centros para a mellora do clima escolar en Galicia

A reunión semanal do Goberno galego analizou hoxe un informe sobre esta nova iniciativa, que procura servir como folla de ruta para a aplicación da normativa nesta materia ata 2020

O obxectivo é que todos os axentes implicados na protección dos menores participen no desenvolvemento de ‘educonvives.gal’

Xov, 16/04/2015 - 20:05

O Consello da Xunta analizou hoxe o informe sobre a ‘Estratexia Galega de Convivencia Escolar 2015 2020, educonvives.gal’, unha folla de ruta que pretende guiar e abordar desde un punto de vista integral no próximo quinquenio a aplicación da normativa publicada neste eido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Malia que en Galicia non existe un problema

de convivencia, o Goberno galego busca garantir un bo clima nas aulas, consciente de que se trata dun factor imprescindible para a mellora da calidade educativa, para garantir o éxito escolar e para facilitar o labor docente. O obxectivo desta estratexia é, polo tanto, fornecer o profesorado, nais, pais e equipos directivos - fundamentalmente- dunha serie de recursos que lles permitan abundar na mellora da convivencia escolar e desde a óptica integral e inclusiva. Nesta liña búscase facilitar orientacións para actuar con rapidez diante de eventuais situacións problemáticas para a convivencia, así como a súa prevención a través de formación en materia de saúde, identidade de xénero, identidade dixital -uso de redes sociais, etc -, ou loita contra o racismo e a xenofobia.

A nova iniciativa centra a atención na formación e coordinación de todos os axentes implicados – profesorado, familias, docentes, alumnado, outras institucións...- e na difusión de boas prácticas e casos de éxito para a mellora do clima de aula en Galicia.

Así mesmo, establece a diagnose da situación de convivencia – actualmente con mínima incidencia na nosa Comunidade - a través dunha enquisa específica, que se irá actualizando co establecemento dunha recollida de datos rutinaria; así como a creación dun fondo documental especializado neste eido e de modelos normalizados que permitan axilizar a tramitación das posibles situacións de conflito.

Este documento será o primeiro que avalíe o Consello para a Convivencia Escolar de Galicia que, tras a súa creación ao abeiro do decreto polo que se desenvolve Lei de convivencia e participación da comunidade educativa, se constituirá nas próximas semanas. Neste sentido a Estratexia prevé potenciar o papel vertebrador deste órgano de carácter consultivo e de apoio a toda a comunidade educativa no que se refire a esta materia, en especial, no que atinxe á colaboración con outras administracións implicadas na tarefa de mellorar o clima das aulas. De feito, entre outras entidades e expertos, estarán representadas neste consello as consellerías de Sanidade, Traballo e Benestar e Cultura e Educación.

Diagnose e difusión das boas prácticas

A Estratexia parte da necesidade de abordar a mellora da convivencia desde tres niveis, social, institucional e persoal; desde o que se presenta unha estrutura de 5 eixos. O primeiro deles céntrase na diagnose e seguimento, a través da difusión de documentos de recollida de datos entre os diferentes sectores da comunidade educativa, unha información da que despois disporá de forma individual cada centro para elaborar os seus propios plans de convivencia, e o devandito Consello para fixar metas e obxectivos a nivel autonómico. A enquisa - que será censual para todo o alumnado de ensino obrigatorio, postobrigatorio, de adultos e de réxime especial, a partir de 5º de Primaria - será a máis completa de España nesta materia.

Unha vez realizado este estudo, está previsto establecer procesos e ferramentas de avaliación continua que permitan a monitorización e mellora permanente do clima nas aulas, tanto incluíndo este punto nos Documentos de Recollida de Datos (DRD) dos centros, como a través de enquisas regulares.

Pola súa parte o eixe 2 pretende impulsar a investigación nesta materia, así como a difusión de casos de éxito e boas prácticas como exemplos para a prevención e para a actuación diante de conflitos, ben a través da elaboración de materiais que os recollan,  ben mediante o intercambio de experiencias.

Neste sentido potenciarase tamén a potenciación da formación dos docentes no marco do Plan anual de formación do profesorado e dos plans de formación e centros que teñan como obxectivo abordar a convivencia vinculándoa directamente á calidade educativa.

Apoio á comunidade educativa

O terceiro eixe da estratexia céntrase no apoio aos centros e á comunidade educativa. Por unha banda, está previsto crear e manter un fondo documental e de asistencia xurídica en materia de convivencia, conformado por normativa, estudos, traballos de investigación... ao respecto. Neste mesmo punto apoiarán os centros na xestión e protección dos datos persoais, cuestión clave para previr situacións de risco de acoso e ciberacoso.

Ademais, promoverase a creación de protocolos – normativos e orientativos - que, no marco da autonomía dos centros, favorezan a abordaxe das diferentes situacións de conflito. A maiores do xa existente Protocolo de acoso escolar e ciberacoso elaborado pola Consellería de Cultura e Educación, difundirase información sobre aspectos básicos de identidade dixital ou para a actuación fronte ás condutas dos implicados nas situacións problemáticas. Así mesmo, afondarase na colaboración cos servizos de menores e outras institucións.

No marco deste mesmo eixe, prestarase orientación aos centros para a elaboración de cadanseu plan de convivencia, así como formación en materia de saúde, para garantir a igualdade de xénero, a non discriminación e a liberdade de identidade de xénero, e para a prevención do racismo e a xenofobia. Tamén se proporcionará información para a xestión da convivencia en espazos como o transporte, o comedor ou os recreos.

Unión de forzas

O cuarto dos eixes da Estratexia ten como obxectivo as vertebracións das iniciativas e accións comunitarias encamiñadas á mellora da convivencia escolar. Así, ademais do papel do Consello para a Convivencia Escolar de Galicia para promover a unión de forzas, ofreceránselle á comunidade educativa estratexias e recursos para garantir a colaboración e coordinación entre as familias e os centros.

Para iso fomentaranse e apoiaranse as Escolas de Nais e Pais – e mesmo a constitución dunha rede que as vincule -, así como a relación entre os centros e as institucións do seu contorno que desenvolven iniciativas en prol da mellora do clima nas aulas. Así mesmo achegaranse orientacións aos centros para a posta en marcha de estratexias e protocolos coas familias, tanto na prevención como na formación continua e na acción titorial; e estableceranse marcos multisectoriais nos que os diferentes membros da comunidade escolar poidan compartir reflexións e formarse de xeito integrado.

Abordaxe de conflitos

No caso de que as actuacións de prevención non desen resultado e se producise un conflito, a Estratexia reserva o seu quinto eixe para orientar a abordaxe destas situacións dunha forma sistemática, aséptica e normalizada. Neste sentido, facilitarase a xestión de expedientes e de medidas correctoras mediante o fornecemento dunha guía de modelos de xestión e documentos orientativos, normalización de modelos de coordinación cos servizos sociais e outros axentes implicados na protección dos menores, entre outras accións.

A maiores, está previsto potenciar a mediación escolar mediante o establecemento dunha rede de mediación, con formación de alumnado e profesorado na teoría e práctica da mediación e na resolución conciliada de conflitos.

Implicación e cronograma

Segundo indica o informe analizado hoxe polo Consello da Xunta, esta estratexia integral persigue a implicación de todos os axentes inmersos na convivencia e na mellora do clima escolar, nomeadamente alumnado, profesorado, persoal de administración e servizos, familias, ANPA, servizos sociais e de benestar, servizos de saúde, forzas e corpos de seguridade do Estado e xulgados de menores, tecido asociativo e outros servizos municipais e comunitarios dependentes da Xunta de Galicia

A través do Consello para a Convivencia Escolar de Galicia concretarase un cronograma de posta en marcha dos diferentes eixes e estableceranse indicadores de logro que permitan o seguimento e avaliación da Estratexia, de forma que poida reforzarse ou dar conta dos seus froitos.