O conselleiro de Cultura e Educación informa ao Consello para a Convivencia Escolar de Galicia do avance na elaboración dun protocolo de alerta sanitaria nos centros de ensino
Román Rodríguez presidiu hoxe a constitución deste órgano, de carácter consultivo e de apoio a toda a comunidade educativa no referido á mellora do clima nas aulas
O primeiro documento que será analizado por este foro será a Estratexia Galega de Convivencia Escolar 2015 2020, ’educonvives.gal’
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, presidiu hoxe a constitución do Consello para a Convivencia Escolar da Comunidade Autónoma de Galicia, un órgano creado polo Decreto 8/2015, de convivencia e participación da comunidade educativa en materia de convivencia escolar; de carácter consultivo e de apoio a toda a comunidade educativa no referido á mellora do clima nas aulas. Durante a constitución do Consello gardouse un minuto de silencio polos acontecementos ocorridos o pasado día 20 nun IES de Barcelona. Ademais explicouse que este órgano funcionará como o grupo de traballo solicitado polo Ministerio de Educación, Cultura y Deporte ás Comunidades Autónomas para a mellora da convivencia, a raíz dos devanditos feitos.
No marco deste acto o conselleiro presentou o primeiro documento que se someterá a consideración deste foro, a Estratexia Galega de Convivencia Escolar 2015-2020, ’educonvives.gal’. Así mesmo, Román Rodríguez informou aos integrantes deste órgano de que o seu departamento ten xa moi avanzado un Protocolo para a Actuación en Urxencias sanitarias e Atención educativa ao alumnado con Enfermidades crónicas, un documento que xa foi validado pola Consellería de Sanidade. Trátase dunha guía elaborada por e para docentes co visto e prace das autoridades sanitarias que busca facilitar e mellorar a resposta ás situacións de emerxencias e accidentes que poidan xurdir, sempre da man dos servizos de urxencia; así como a atención ás eventualidades en caso de alumnado con condicións crónicas como os que presenten intolerancias alimentarias, alerxias ou asma, entre outras. O protocolo contará cunha addenda específica para cada unha destas condicións, sendo a primeira das que se están a elaborar a referida á diabete.
Membros do Consello
O Consello para a Convivencia Escolar da Comunidade Autónoma de Galicia é o foro de debate e a cadea de transmisión das inquedanzas da sociedade galega ao respecto da convivencia escolar, e será o órgano encargado de supervisar o desenvolvemento dos 5 eixes e 35 actuacións que contempla a Estratexia Galega de Convivencia Escolar 2015-2020, que se someteu hoxe á súa consideración. Está conformado por 27 membros, dos que o conselleiro é o presidente, o director xeral de Educación, FP e Innovación educativa, Manuel Corredoira, é o vicepresidente; e a xefa de servizo de Formación do profesorado, Fátima Mª García Doval, a secretaria.
No que atinxe á Consellería de Cultura e Educación forman parte do órgano os secretarios xerais técnico, Jesús Oitavén; e de Universidades, José Alberto Díez de Castro; o director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal; e os xefes e xefas territoriais da Consellería nas 4 provincias galegas, Indalecio Cabana (A Coruña), María Carmen Gueimunde (Lugo), Mercedes Gallego (Ourense) e César Pérez (Pontevedra). Ademais, a Xunta de Galicia está representada pola secretaria xeral técnica da Consellería de Sanidade, Josefina Monteagudo; a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella; e as directoras xerais de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Blanca García Señoráns, e de Familia e Inclusión, Amparo González.
Fóra da Administración autonómica forman parte deste foro unha persoa representante do Consello Escolar de Galicia, outra da FEGAMP; outra da Xunta Autonómica de Directores de Centros Educativos; dúas persoas representantes das confederacións de asociacións de pais e nais – unha de centros públicos e outra dos centros educativos privados concertados-, unha persoa representante por cada organización sindical con representación na mesa sectorial docente – ANPE Galicia, CC.OO. Ensino, CIG Ensino, FETE- UXT Galicia-, e outra da patronal dos centros de ensino privados.
Ademais forman parte do órgano dúas persoas de recoñecido prestixio na materia, Francisco Ramón Durán Villa e José Antonio Gay.
‘educonvives.gal’
O obxectivo a Estratexia Galega de Convivencia Escolar 2015-2020 é fornecer o profesorado, nais, pais e equipos directivos - fundamentalmente- dunha serie de recursos que lles permitan abundar na mellora da convivencia escolar e desde a óptica integral e inclusiva. Nesta liña búscase facilitar orientacións para actuar con rapidez diante de eventuais situacións problemáticas para a convivencia, así como a súa prevención a través de formación en materia de saúde, identidade de xénero, identidade dixital -uso de redes sociais, etc -, ou loita contra o racismo e a xenofobia.
Para iso, a Consellería está xa a preparar, en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) unha enquisa censual sobre convivencia e clima escolar que será censual para todo o alumnado de ensino obrigatorio, postobrigatorio, de adultos e de réxime especial, a partir de 5º de Primaria - será a máis completa de España nesta materia. Ademais participarán nesta consulta os docentes, equipos directivos e persoal non docente dos centros, así como as familias.
Ademais destes primeiro eixe, a estratexia contempla outros 4. Deles, o segundo pretende impulsar a investigación nesta materia, así como a difusión de casos de éxito e boas prácticas como exemplos para a prevención e para a actuación diante de conflitos, ben a través da elaboración de materiais que os recollan, ben mediante o intercambio de experiencias; así como a formación dos docentes nesta materia.
O terceiro eixe da estratexia céntrase no apoio aos centros e á comunidade educativa a través da creación dun fondo documental e de asistencia xurídica en materia de convivencia, conformado por normativa, estudos, traballos de investigación... ao respecto; así como do impulso da creación de protocolos – normativos e orientativos - que, no marco da autonomía dos centros, favorezan a abordaxe das diferentes situacións de conflito. Así mesmo, afondarase na colaboración cos servizos de menores e outras institucións e prestarase orientación aos centros para a elaboración de cadanseu plan de convivencia e para a xestión da convivencia en espazos como o transporte, o comedor ou os recreos.
O cuarto dos eixes da Estratexia ten como obxectivo as vertebracións das iniciativas e accións comunitarias encamiñadas á mellora da convivencia escolar, tales como o fomento da constitución dunha rede de Escolas de Nais e Pais, así como o impulso da relación entre os centros e as institucións do seu contorno que desenvolven iniciativas en prol da mellora do clima nas aulas, e coas familias, entre outras accións.
Pola súa banda, o eixe 5 contempla que se faciliten aos centros modelos para a xestión de expedientes e de medidas correctoras mediante o fornecemento dunha guía de modelos de xestión e documentos orientativos, normalización de modelos de coordinación cos servizos sociais e outros axentes implicados na protección dos menores, entre outras accións. Ademais, neste mesmo eixe, está previsto potenciar a mediación escolar mediante o establecemento dunha rede de mediación, con formación de alumnado e profesorado na teoría e práctica da mediación e na resolución conciliada de conflitos.