O conselleiro inaugurou unhas Xornadas de Formación que congregan en Santiago a profesionais da orientación para analizar os novos contextos da sociedade da información

Xov, 14/05/2015 - 11:31

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, participou esta mañá na inauguración das “V Xornadas de Formación dos xefes e xefas dos departamentos de orientación”, que baixo o lema “Novas dimensións” congregan en Santiago a uns 300 profesionais deste ámbito, para analizar e debater sobre os novos contextos e esixencias da sociedade da información.

Na súa intervención o conselleiro agradeceu o compromiso e a implicación dos orientadores educativos no seu labor diario de guía, de apoio e de asesoramento aos alumnos e alumnas para o logro de proxectos tanto persoais como laborais. Dirixíndose aos participantes na xornada, Román Rodríguez desexoulles que este encontro “vos achegue motivación, ideas e claves para realizar o voso traballo diario”. Non obstante o conselleiro alertou de que non se pode caer no conformismo e emprazou a “implicarnos sempre un pouco máis para dotar de novo impulso e acción aos nosos proxectos”.

A xornada –que organiza o Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI),  organismo dependente da Consellería de Cultura e Educación- conta coa presenza da investigadora e divulgadora de temas relacionados coa educación Catherine L’ecuyer, cunha conferencia baixo o título “Educando no abraio e na beleza”, na que afonda sobre a importancia de preparar aos nenos e adolescentes para o mundo on-line desde o mundo off-line, é dicir, desde o mundo real e motivalos para aprender sen medo ao esforzo.

Tamén asiste o recoñecido pedagogo José Antonio Marina, para disertar sobre a importancia de que todo o ámbito da sociedade se implique na tarefa educativa. Así mesmo, a xornada conta coa presenza dos orientadores educativos Alberto del Mazo e Mabel Villaescusa, así como do asesor en emprego e recursos humanos Alfonso Alcántara, entre outros.