As actuacións postas en marcha pola Consellería de Cultura e Educación en materia de convivencia teñen contribuído a mellorar o clima nas aulas e á prevención dos casos de acoso
O secretario xeral técnico explicou hoxe no Parlamento como se están a aplicar a Lei 4/2011 e mais o protocolo que a complementa
As actuacións postas en marcha pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en materia de convivencia escolar teñen contribuído á mellora do clima nas aulas e á prevención dos casos de acoso. Así o explicou esta mañá no Parlamento de Galicia o secretario xeral técnico da Consellería, Jesús Oitavén, ao referirse á aplicación nos centros educativos tanto da Lei 4/2011 de convivencia e participación da comunidade educativa, e do Protocolo xeral de prevención, detección e tratamento do acoso escolar e ciberacoso.
Neste sentido o secretario xeral técnico lembrou que a devandita lei abordou por primeira vez no plano lexislativo o tratamento de situacións de acoso, partindo da definición destas situacións e incluíndo a problemática derivada do mal ou inadecuado uso das novas tecnoloxías. Así mesmo no seu articulado prevíase a elaboración dun protocolo prevención, detección e tratamento do acoso escolar e ciberacoso, que “foi elaborado coa implicación e consenso de diferentes axentes educativos que participan e colaboran directa ou indirectamente en conseguir unha convivencia positiva nos centros escolares”, entre eles os departamentos de orientación e os equipos de orientación específicos , “dos que ningún centro educativo público de Galicia carece”, aclarou.
Un marco xeral para os centros
“Logo de algo máis dun ano da posta en marcha deste Protocolo xeral, podemos manifestar que a súa incorporación e adaptación aos centros educativos supuxo importantes beneficios, tanto para o alumnado galego como para o conxunto das comunidades educativas”, dixo o secretario xeral técnico. Entre os beneficios que este protocolo - que se aplica en todos os centros educativos galegos como un marco xeral de actuación- está a supoñer, Oitavén sinalou o seu funcionamento como un marco de referencia para previr e abordar eficazmente as posibles situacións de acoso escolar, ao tempo que é adaptable para que os centros o incorporen aos seus plans de convivencia, “en función do seu contexto ou das peculiaridades do caso, todo isto dentro da súa autonomía organizativa, de xestión e pedagóxica”. Así mesmo explicou que o protocolo achega modelos de documentos de tramitación para axilizar a súa posta en práctica, o que facilita o traballo da comunidade escolar para a prevención e detección destes casos.
Neste sentido lembrou que, asemade, o documento ofrece pautas para identificar e resolver as situacións reais de acoso escolar e ciberacoso, conforme a normativa vixente, ademais de ofrecer información sobre os diferentes tipos e as súas consecuencias; e un amplo bloque de posibles estratexias de prevención das que se poden servir os centros educativos. Así mesmo, establece un protocolo concreto de actuación unha vez que foi detectada esta situación, con catro fases diferenciadas; indicando tamén a coordinación cos organismos competentes.
Doutra banda, o secretario xeral reiterou que a Consellería pon por diante na aplicación da lei e do protocolo a protección das vítimas e de todos os membros da comunidade escolar implicados nunha situación de acoso, facendo fincapé na reserva e sixilo profesional.
A rapidez e dilixencia das actuacións, cun prazo máximo de 12 días para a resolución do procedemento de corrección das condutas, foi outro dos puntos fortes salientados das actuacións postas en marcha da Consellería en materia de convivencia escolar.
“En conclusión, a Consellería considera que o protocolo xeral, xunto coa adaptación específica en cada centro, supoñen uns recursos eferramentas que, unido á formación ofrecida aos colectivos de profesionais da educación, están a facilitar a prevención fundamental e a intervención inmediata ante as situacións de acoso e ciberacoso, o que contribúe a que os centros sexan un lugar onde se ofrece un ensino de calidade e nun adecuado clima de convivencia”, destacou Oitavén.
Actuacións complementarias
o secretario xeral técnico sinalou que a Consellería complementa a lei e o protocolo con formación específica para os profesionais do ensino, ao tempo que se desenvolve nos centros o “Plan Director para a convivencia e a mellora da seguridade nos centros educativos e nos seus contornos”, que ofrece a posibilidade de solicitar charlas informativas e formativas dirixidas aos diferentes membros da comunidade educativa sobre diferentes temáticas que favorezan a mellora da convivencia.
Ademais, lembrou que a Consellería participou - xunto coa Amtega, o Valedor do Pobo e a Universidade de Santiago de Compostela- no proxecto “Mocidade en liña”, coa elaboración dunha plataforma informática que permitiu recoller datos on-line nos centros de ensino secundario da comunidade galega para coñecer o uso que os adolescentes fan de Internet e as Novas Tecnoloxías, existindo na actualidade un informe público cos resultados deste proxecto.
Tamén en colaboración con outros organismos, a Consellería ten en marcha outras iniciativas como a participación proxecto europeo ARBAX ou o Plan director en colaboración coa Delegación do Goberno, e o lanzamento de diferentes espazos web con recursos para o profesorado e o alumnado arredor desta materia.