O Grupo de Teatro representa "Sentenza" no IES Losada Diéguez

 O Grupo de Teatro do Nº 1 representou esta tarde "Sentenza", inspirada na obra teatral do mestre Olimpio Arca, no salon de actos do IES Losada Diéguez. Moitas grazas pola proposta e a acollida! Ademais do noso alumnado de 1º ESO e do alumnado de 2º ESO do Losada, a peza contou cun público de excepción: as persoas usuarias do centro de día AGADEA.

Na obra participan 14 alumnos/as e as profesoras Janet e Mónica Places baixo a dirección de Cristina Andrade, actriz que seguimos dende hai anos en serie e películas, no teatro e en programas de televisión, e coa que temos a sorte de contar no noso centro para traballar co alumnado nesta actividade formativa. 

O guión foi elaborado por Cristina a partir de varios textos do propio Olimpio Arca. A xustiza (ou inxustiza), o apego (ou desapego) polo idioma, ou o respecto á paisaxe e á diversidade son algúns dos temas sobre os que a xuíza tivo que ditar "Sentenza", que foi estreada o 29 de novembro na Mostra de Teatro Escolar que organiza a Asociación Vagalumes.

Microliteratura de premio

Un ano máis, os Equipos de Normalización Lingüística dos centros de ensino do noso concello convocaron o Concurso de Micropoemas e Microrrelatos DinamizaEstrada. Nesta edición, a décima xa!, participaron centos de escolares, que fixeron ben difícil o labor dos xurados, primeiro en cada centro e logo na fase final, á que chegaron 200 traballos (ver acta de resolución aquí)..
Os micropoemas e os microrrelatos debían incluír as palabras "camiño" e "espello", respectivamente, e foron escollidas nunha votación polos escolares de entre unha serie de termos recollidos na obra de Francisco Fernández del Riego, a quen se lle adica este ano o Día das Letras Galegas.
Os traballos de Martín Seoane Duro, Helena Castaño Pazos, Noa Cabaleiro Ribadulla e Sara Espiño Vaamonde resultaron gañadores e formarán parte do libro que será publicado e dado a coñecer nun acto de entrega de premios que terá lugar antes de que remate o curso.

As memorias urxentes d'O derradeiro libro de Emma Olsen

A semana pasada tivemos a sorte de coñecer de conversar con Berta Dávila, que se achegou ao noso centro para manter un encontro co alumnado de 3º ESO arredor, sobre todo, da novela Un elefante na sala de estar, lectura da materia de lingua galega. Xa entón puidemos coñecer de primeira man como se achega a autora á materia literaria e á vida e como, dende a  sensibilidade e o lirismo, desenvolve unha capacidade extraordinaria para envolvernos na historia dos seus personaxes.

Algo semellante nos aconteceu con O derradeiro libro de Emma Olsen, a novela de Berta Dávila que Pablo Prado adaptou e ilustrou como novela gráfica. Emma Olsen, a protagonista, é unha escritora premiada que aos 40 anos regresa á pequena vila natal de Faith, no medio oeste americano, para enfrontarse a un cancro terminal e para voltar a vista atrás na ollada da adolescente que foi. 

Admisión de alumnado para o Curso 2023-2024

Ábrese o prazo para a solicitude de admisión de praza nos centros educativos

Poderá solicitar praza no IES Nº 1 o alumnado procedente de calquera centro educativo, excepto o procedente dos centros adscritos (xa teñen asegurada a praza).

Prazo de presentación

Do 1 ao 20 de marzo, ambos incluídos.

Documentos que deberán presentar:

  • A solicitude cuberta e asinada, dispoñible no centro educativo e nas seguintes ligazóns:   
  • Copia do DNI ou NIE do/a alumno/a
  • Copia do libro de familia ou documento que acredite o nº de membros da familia
  • Sé é o caso, copia da sentencia de separación ou divorcio.

Calendario de publicación da listaxe de admitidos/as e prazos de reclamación:

Volvamos escoitar… a Rosalía de Castro!

En resposta a unha nova convocatoria da Asociación de Escritores/as en Lingua Galega para celebrarmos o Día de Rosalía, o noso centro sumouse a esta celebración con diferentes actividades. Así, os versos de Rosalía tomaron os corredores e outros espazos comúns do centro como a Biblioteca, a cafetaría e o patio, á vez que serviron de inspiración para as creacións do alumnado, que veu traballando nas últimas semanas na elaboración de montaxes audiovisuais e caligramas que foron expostos na entrada da Biblioteca. Ademais, nas aulas de Lingua Galega achegouse máis polo miúdo á súa biografía a través de presentacións e mesmo retos lúdicos. 

Por outra banda, Brais, Adriana e Iria participaron, xunto co alumnado doutros centros educativos, nun recital que tivo lugar o pasado xoves no Teatro Principal, no que tamén se presentou o vídeo institucional do Concello Aí vai a tola soñando.

23 febreiro 2023 Recitado no día de Rosalía  no Teatro Principal

Por terras de Iria Flavia

22-23 Día de Rosalía

 Inda vexo onde xogaba
cas meniñas que eu quería,
o enxidiño onde folgaba,
os rosales que coidaba
i a fontiña onde bebía.

Os versos rosalianos foron trazando as pegadas da poeta para o alumnado de 3º ESO que o pasado martes 14 de febreiro percorreu o Roteiro Rosalía de Castro. Nunha mañá fría mais soleada, o profesor e escritor Manuel Lorenzo Baleirón foinos guiando de forma excepcional por algúns dos lugares intimamente ligados á vida e á poesía da autora.

Entroido 2023

22-23 Entroido

Encontro coa escritora Berta Dávila

Hoxe, martes 6 de febreiro, tivemos a fortuna de recibir na Biblioteca a escritora Berta Dávila. 

A autora mantivo un encontro co alumnado de 3º de ESO para falar do seu libro Un elefante na sala de estar, que leran no primeiro trimestre, e mais co alumnado do Club de Lectura de 3º e 4º ESO, que leu a novela gráfica O derradeiro libro de Emma Olsen, adaptado e ilustrado por Pablo padro a partir da novela homónima da escritora. 

Brais, Noemi e Carla foron os encargados de conducir o coloquio, achegando unhas breves notas biobibliográficas da autora e introducindo as primeiras preguntas.

Teño da Estrada tantas lembranzas vellas!

Con motivo do aniversario do nacemento de Alfonso D. R. Castelao en Rianxo un 29 de xaneiro de 1886, un grupo de alumnas de 4º ESO participou onte (28-01-23) nun programa especial do Recuncho da Lingua, de Radio Estrada, que conduciu Pilar Bernárdez. 

Jessica, Irene e Uxía, acompañadas pola directora e profesora de Lingua Galega, Beatriz, encargáronse de rememorar a relación que Castelao mantivo coa Estrada a partir, nomeadamente, da carta que lles enviou aos estradenses en 1941 dende o exilio americano. Esa Estrada que foi, nas súas palabras, "o escenario en que se desenrolaron as máis punxentes esceas do meu pasado vivir", foi evocada nos paseos de Alfonso Daniel con Virxinia Pereira, na lembranza do malogrado fillo, nos encontros co amigo e compañeiro da causa galeguista Losada Diéguez ou no multitudinario mítin pro-Estatuto de 1936.

Ademais, Uxía explicou como se xestou a idea e como elaborou unha versión para monicreques de Os vellos non deben de namorarse, na que contou coa axuda da familia e que podedes ver aquí.  

Comunicado do IES

A comunidade educativa do IES Nº1 lamenta a perda dun dos seus exalumnos, Diego Montes Vaamonde, acontecida esta pasada madrugada.

Queremos expresar as nosas sentidas condolencias á súa familia por tan irreparable perda. Sempre estará no noso recordo polo seu entusiasmo, cordialidade e humor.

 

O infinito conmóveme e vivo na túa morte
a ledicia de non perderte
para sempre
mentras a herba medre
mentras a herba medre.

                    Olga Novo, Feliz Idade

Laboratorio de Fotografía e Identidade - Fuco Reyes

O Laboratorio de Fotografía "O Espello de Claude" de Fuco Reyes co alumnado de 3ºB de Plástica do Ies Numeroun e patrocinado por Afundación Abanca xa ten os seus primeiros froitos. Pedazo de fotos!!!!

Agardamos polo traballo de 3ºA, que comeza hoxe mesmo. Verémolo dentro dun mes.

Parabéns a Fuco Reyes e a todo o alumnado, non só polos resultados senón sobre todo -e máis importante-, pola súa actitude fronte á creación artística.

22-23 Laboratorio Fuco Reyes

Cross 22-23

O pasado 12 de xaneiro celebrouse na Estrada o Campionato zonal de Campo a través, no que participaron alumnos e alumnas dos centros de secundaria e de primaria da Estrada (IES Nº1, García Barros, Virxe de Lourdes , Cabada Vázquez, Villar Paramá, CEIP de Oca, CEIP do Foxo, Pérez Viondi e CEIP de Figueroa), de Cuntis (Don Aurelio), de Moraña (Santa Lucía) e de Valga (Ferro Couselo).

A proba foi organizada polo Servizo Provincial de Deportes de Pontevedra, coa iniciativa da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia. O alumnado do IES Nº1 participou nas categorías infantil e cadete, tanto masculino como feminino, conseguindo un total de 3 medallas e 7 diplomas.

Parabéns a todos e todas!

22-23 cross

Fase de reserva de prazas en centros de adscrición

Inicio do procedemento de admisión de alumnado en centros docentes sostidos con fondos públicos para o curso 2023/2024

O  16 de xaneiro abriuse o prazo para presentar as solicitudes de reserva para cursar 1º ESO no noso centro o vindeiro curso, coas seguintes particularidades:

  • A solicitude de reserva debe facela exclusivamente aquel alumnado que proveña dun dos catro centros adscritos ao noso e que estea cursando actualmente 6º de primaria.
  • Esta solicitude farase no centro de orixe, é dicir, no centro de primaria.

O prazo de solicitudes abranguerá do 16 de xaneiro ao 6 de febreiro de 2023, ambos incluídos.

Ao encontro da(s) memoria(s)

O alumnado de 3º e 4º ESO que forma parte dos Clubs de Lectura reuniuse o martes 20 de decembro para poñer en común a primeira das lecturas do Club Memoria(s), que se achegará a través de diversos formatos e perspectivas (ficcionais ou biográficas) á recuperación da memoria entendida nun sentido amplo (a democrática-histórica; a dos movementos sociais; a dos pioneiros e pioneiras nos máis diversos  campos: ciencia, dereitos humanos, sexualidade, etc.).

Baixo a coordinación da profesora Rosario Blanco, e a colaboración dos profesores Román, Beatriz, Mónica Mato e Mónica Places, o grupo estreouse coa novela gráfica Jamás tendré 20 años, de Jaime Martín, unha historia real baseada na vida dos seus avós, que se coñeceron en 1936, antes da chegada da barbarie e a espiral de destrución da Guerra Civil e a represión franquista. Ao igual que nesta obra, na que unha historia de amor se ve intimamente ligada a historia colectiva, o alumnado e o profesorado participantes rescataron memorias familiares de persecución, morte, pobreza e penurias morais e físicas que, malia todo, non puideron apagar a alegría, a tenrura, a dignidade e o humor. Estas foron algunhas das temáticas e aspectos da lectura que fomos comentando co apoio das imaxes (presentación).

22-23 Clubs de Lectura Jamás tendré 20 años

Cinema en versión orixinal

O alumnado de Lingua Francesa de 2º, 3º e 4º da ESO achegouse este venres ata os Minicines Central da Estrada para ver o filme "Le grand bain" ("O gran baño") en versión orixinal (tráiler).
"Le grand bain", con 10 nominacións nos Premios César 2018, é unha divertida historia que pon a proba os estereotipos de xénero cun peculiar grupo de homes que atravesa a crise dos 40 e decide formar o primeiro equipo nacional masculino de natación sincronizada.
Á proxección, organizada polo Departamento de Francés, tamén asistiron alumnas e alumnos do IES Losada Diéguez. 
cinema

Probas de acceso a Ciclos Formativos de Grao Medio e Superior

Recentemente publicouse a convocatoria para as probas de acceso a ciclos de grao medio e superior. O prazo de inscrición para as probas de GRAO MEDIO abrangue dende o 27 de febreiro ao 10 de marzo. A proba realizarase o 25 de MAIO. 

Amplía información no seguinte enlace ou a través do Departamento de Orientación.

Visibilizar a diversidade afectivo-sexual

A novela 22 segundos, de Eva Mejuto (presentación de apoio), foi escollida para comezar a andaina do Club de Lectura Igualdade, cuxas propostas xirarán en torno a problemáticas relacionadas coa violencia de xénero, a igualdade e a diversidade afectivo-sexual. 

Nesta primeira xuntanza do 20 de decembro, que reuniu un dos grupos de alumnos e alumnas de 1º e 2º da ESO, foi coordinado pola profesora Mónica Places coa colaboración de Beatriz e Mónica Mato, e na conversa tratouse a realidade que vive a mocidade trans, que medrou sen referentes e que compartiron as súas experiencias coa autora. O coloquio foi enriquecedor e as persoas asistentes foron quen de, dende a empatía e o respecto, aproximarse ás vivencias daquelas personas que non encaixan nos moldes sociales preestablecidos e que teñen experiencias de vida diversas, especialmente nunha etapa da vida na que se suceden máis mudanzas e que se vive con maior intensidade.

Premio no "I Concurso de vídeos Perdidos e Achados" para os alumnos Pedro Souto e Brais Tato

06/01/2023 13:25

Pedro Souto e Brais Tato veñen de gañar, co seu traballo Forra, o Premio á Calidade Técnica e Creativa do I Concurso de vídeos Perdidos e Achados convocado pola Associaçom Galega da Língua (AGAL) e a Associação de Docentes de Português na Galiza (DPG) coa colaboración da Deputación da Coruña. O xurado destacou os elementos innovadores do seu traballo no plano audiovisual e a súa orixinalidade.

O alumnado de Secundaria, Bacharelato e FP dos centros galegos tiñan que recoller e explicar palabras empregadas na súa zona que fosen tamén utilizadas na lingua portuguesa. Pedro e Brais escolleron o termo "forra", que explican moi ben neste vídeo que vos convidamos a ver. Moitos parabéns!

Noraboa, así mesmo, para Noemi, Carla, Helena, Antón, Pablo, Desirée e Gabriel, alumnos/as de Lingua Portuguesa de 3º ESO, por participaren tamén cos seus traballos, que se poden ver na nosa conta de Instagram.

Participación en Radio Estrada

Radio Estrada

O sábado, 17 de decembro, os alumnnos de 3º de ESO Pedro Souto e Brais Tato participaron nun programa especial das Mañás de Sábado, de Radio EstradaDirixido por Isabel Durán e por Pilar Bernárdez, foron convidados os centros educativos co obxectivo de pór en valor o patrimonio inmaterial da cultura galega, en especial o referido aos contos, lendas e mitos de tradición oral. 

Acompañados pola profesora do IES Mónica Mato, os mozos leron cadansúa lenda, que recolleran previamente nas súas casas, por boca de familiares. Podedes escoitar o programa premendo aquí ou dándolle ao play directamente no reprodutor (a súa intervención comeza a partir do 08'50'').

Parabéns aos rapaces pola súa fantástica intervención!

Foliada de Nadal 2022

2022 12 foliada

Despois de 3 anos, onte, 22 de decembro, puidemos retomar a foliada que Tequexetéldere organiza dende hai dez anos cos tres institutos da Estrada para que as mozas e os mozos poidan poñer en práctica o aprendido ao longo destes dous meses de clases.
A todo o profesorado que colaborou, especialmente aos seminarios de Educación Física e sobre todo as mozas e mozos do IES García Barros, Antón Losada Diéguez e Nº1, moitas grazas.
Dá gusto rematar así o ano. FELICES FESTAS!!!

 

Campionato de Xadrez

O xoves 17 de decembro tivo lugar a celebración do último día do campionato de xadrez organizado na Biblioteca. Logo de varias partidas disputadas por cada un dos participantes, resultaron gañadores os alumnos Rodrigo Folgar, Iván Hermida, Junior Riveiro e Alexandre Núñez.

Parabéns especiais para eles e para todos os participantes! 

2022 12 Premios de Xadrez

Unha historia -real- sobre o acoso escolar

Subnormal foi a primeira lectura que reuniu o primeiro dos grupos do alumnado de 1º e 2º ESO. A novela gráfica de Fernando Llor e Miguel Porto relata a historia real de bullying que sufriu o ex-xogador de baloncesto Iñaki Zubizarreta durante a súa escolarización. A súa altura e forza física non serviron de nada ante a manda dos acosadores, que o levaron ao bordo da morte, como el mesmo conta neste impactante vídeo.

22-23 Clubs de Lectura Subnormal

En dúas sesións consecutivas (13 e 20 de decembro), os mozos e mozas do club, coordinados pola nosa orientadora, Lurdes, e coa colaboración de Román, puxeron en común a lectura, analizaron a historia poñéndoa en relación coa escaleira do acoso escolar e fixeron un mural no que plasmaron todas aquelas accións que nos axudan a rachar coa lei do silencio. 

Presentación dos clubs de lectura

Un total de 29 alumnos e alumnas responderon á convocatoria dos clubs de lectura que realizou a Biblioteca do centro ao longo deste mes de outubro, que foi reforzada polo profesorado implicado nas aulas e tamén a través da cartelaría nos corredores e na cafetería. O martes 25 reunímonos para coñecérmonos mellor, intercambiar as nosas inquedanzas lectoras e as expectativas ante esta actividade, así como as primeiras impresións sobre os títulos escollidos para iniciar a nosa andaina no curso 2022-2023. 

 

"Os vellos non deben namorarse", unha representación de Uxía Seoane

Impresionante traballo de Uxía Seoane (e familia) que recrea con monicreques distintas escenas da obra de teatro de Castelao Os vellos non deben de namorarse.

Moitísimos parabéns pola interpretación dos textos, o deseño e elaboración das figuras e o resultado final do vídeo.