Actividades e Concursos

I Concurso Mira quen le

          O mércores día 4 entregáronse os premios deste I Concurso organizado pola biblioteca e mailo departamento de Plástica, que tivo unha alta participación.

          Segundo os votos emitidos polo xurado, constituído por profesorado do centro, estes foron os participantes que gañaron:

1º Premio: Xulia Montes Sobral (4º B)

2º Premio: Iago Álvarez Alonso (1º Bac B)

3º Premio: Lara I. Jiménez Bjarneryd (1º Bac B)

     Todos recibiron cadanseu vale de 25 € para libros e, ademais, outro agasallo de maior ou menor entidade segundo o premio obtido.

     Parabéns a todos os participantes e ánimo para seguir lendo e fotografando.

     Viva a lectura!

Álbum: Curso 2021/2022 -> Mira quen le

Concurso: Mira quen le!

          Como estamos en abril, no mes dos libros, convidámosvos a facervos fotos cun libro e... a ver quen a fai mellor!       

          O departamento de Plástica e a biblioteca convocan este concurso de acordo coas seguintes BASES:

- Poderá concursar toda a comunidade educativa

- Podes enviar DÚAS fotos como máximo ao correo da biblioteca        (bibliotecaramirofonte@gmail.com)

- As fotos poden ser tiradas con móbil ou con cámara

- Nelas tes que saír TI cun LIBRO que che guste                    

- O xurado estará composto por profesorado do centro

- Outorgaranse tres premios ás mellores fotos

          Con todas as fotos faremos un MURO DAS LECTURAS

ANIMÁDEVOS!!!

Podedes presentar fotos ata o 23 de abril

Podemos construír un muro enorme se participamos!

Concurso: Mira quen le!

Como estamos en abril, no mes dos libros, convidámosvos a facervos fotos cun libro e… a ver quen a fai mellor!

 BASES DO CONCURSO.-

-        

Poderá concursar toda a comunidade educativa

Premios de "Ponlles cara!"

          Congratulámonos da alta participación, voluntaria ou incentivada polo profesorado -o cal desde aquí agradecemos- no concurso convocado desde a biblioteca para celebrarmos o Día Internacional de Muller.

          Entre os 99 participantes, moitos deles atinaron a relacionar imaxe-feito-identidade das mulleres propostas nesta primeira entrega dunha actividade coa que pretendemos visibilizar algunhas das mulleres que van facendo historia.

          Por sorteo entre os acertantes, resultaron gañadores, na quenda de adultos, Olga Pérez Rodríguez (da ESA) e, en diúrno, Paula Estévez Arias (de 1º Bac-E). Recibirán cadanseu vale de 25€ para libros.

          Parabéns a tódolos participantes, que seguramente coñecen agora algunha muller que antes lles era totalmente allea!

Álbum: Curso 2021/2022 -> Ponlles Cara resolución

21 de marzo: Día da Poesía. 27 de marzo: Día do Teatro

          Con motivo destas celebracións, no comezo da primavera, convidamos e animamos a todo o mundo a ler poesía e teatro. Unha pequena mostra de poesía amósase no vestíbulo do instituto, agarimosamente colocada -coa axuda de Chus Ferrín- repousando sobre flores inmarcescibles para que poidamos ollala, saboreala, gozala... Non perdades a ocasión!

          Algúns grupos de alumnado da ESO acoden estes días á biblioteca para alí leren textos poéticos e fragmentos teatrais para así celebrarmos estas importantes efemérides.

          Nunca máis necesario que nestes tempos intentar amosar e facer valer e apreciar o poder da palabra.

Felices Días da Poesía e do Teatro!

Álbum: Curso 2021/2022 -> Día da Poesía e do Teatro

Sorteo do segundo trimestre entre os lectores da biblioteca

          No sorteo celebrado o luns posterior á entrega das notas do segundo trimestre, resultou gañador do VALE de 25€ para libros o alumno de 1º BAC E

Nicolás Rodríguez Álvarez

          Correspondíalle a el como lector a ficha de préstamo escollida por unha man inocente -como testemuñan as fotos- entre as depositadas na urna, dun libro que foi devolto no prazo establecido.

          Animádevos a seguir lendo e devolvendo os libros en tempo!!

Álbum: Curso 2021/2022 -> Sorteo 2 trimestre lectores biblioteca

Concurso: Ponlles cara!

          Desde a Biblioteca, convidamos a todo o alumnado a participar neste concurso aberto desde hoxe 7 de marzo ata o próximo día 18 para celebrarmos o Día Internacional de Muller.

          Cando se fala de Albert Einstein ou de Rafa Nadal, a calquera lle vén á cabeza a súa cara, mais non é sempre así cando se fala de mulleres protagonistas de feitos, pioneiros ou cotiáns, pero importantes, que non sempre asociamos nin co seu rostro nin co seu nome.

          Queremos contribuír á visibilización do traballo levado a cabo polas mulleres con esta actividade de establecer a relación entre feito, cara e identidade dalgunhas mulleres protagonistas da historia.

          Participa e poderás gañar un vale de 25€ para libros ou material escolar.

          Ponlles cara antes do 18 de marzo!

          Atrévete!

Álbum: Curso 2021/2022 -> Concurso: Ponlles cara!

Programa “Lectura e familias” do IES Castelao

O día 10 de marzo inícianse as actividades do programa "Lectura e Familias" do IES Castelao organizado pola Biblioteca Ramiro Fonte.

O programa está dirixido a nais ou pais, titores e titoras do alumnado da comunidade educativa, interesadas tanto no fenómeno da lectura e no seu papel de formadores dos pequenos lectores e lectoras como en estratexias de actuación cara a diversos problemas que xorden na adolescencia, prestándolle especial atención ao mundo do libros e a información.

Pódese consultar clicando aquí ou na imaxe superior. As persoas interesadas en asistir deberán anotarse no formulario enviado por SMS aos responsables do alumnado.

23 de febreiro. Día de Rosalía

Celebramos, un ano máis, o Día de Rosalía de Castro este mes de febreiro mais cunha singularidade porque se modificou oficialmente a data do seu nacemento do 24 de febreiro de 1837 ao 23 de febreiro debido a un achado da investigadora Sagrario Abelleira (podedes atopar unha explicación premendo aquí).

Como este ano a celebración coincide coa "Hora de ler", desde a Biblioteca compartiremos a iniciativa consistente en que un grupo de alumnas e alumnos pasarán por todas as aulas e lerán algúns dos poemas máis coñecidos da nosa autora nacional.

Nesta ligazón poderedes atopar sete composicións poéticas de Rosalía musicadas para oír na clase ou na vosa casa.

Desde este luns poderedes ver no vestíbulo do noso centro unha exposición de libros de Rosalía e unha exposición coa súa cronobiografía.

Chegou San Valentín!

          Un ano máis, chegou o momento de dicir palabras de amor.

          Nesta ocasión o alumnado dispón dun muro como o da casa na que viviu quen inspirou o amor dunha das grandes parellas de namorados da historia da literatura (Romeo e Xulieta), para escribir as súas mensaxes.

          Desde a biblioteca fornecemos a quen queira dispoñer delas palabras de amor, para lelas ou para dicirllas a alguén.

          E, por certo, se non sabes a historia do santo, pódeste informar tamén no vestíbulo!!!

          Feliz Día de San Valentín 

Álbum: Curso 2021/2022 -> San Valentín
Distribuir contido