O equipo da biblioteca "Ramiro Fonte" do IES Castelao botou a andar o Club de Lectura para o alumnado na súa primeira sesión na que, alén das presentacións e unha explicación sobre as actividades e os obxectivos a desenvolver ao longo deste curso, charlamos sobre Xela Arias, ex-alumna do centro e protagonista do Día das Letras Galegas 2021, e centrámonos no seu libro Non te amola! Ao final lemos, conxuntamente, un relato incluído nel sobre as perspectivas de futuro da protagonista.
Ao mesmo tempo o equipo da biblioteca expuxo esta semana no corredor da biblioteca unha escolma de libros para reivindicar a relevancia do 25N.
Bota a andar o Club de Lectura IES Castelao aberto ao persoal docente, persoal non docente, pais e nais do alumnado e alumnado que xa deixou o centro.
O primeiro libro escollido é a novela As malas mulleres, Premio Blanco-Amor de Novela, de Marilar Aleixandre, ex-directora do centro, que terá un encontro cos integrantes do Club para falar do libro o día 14 de febreiro de 2022, ás sete e media do serán, no Paraninfo Xela Arias (antigo Salón de Actos).
Antes, o 31 de xaneiro, á mesma hora, teremos unha reunión preparatoria para manter un coloquio antes da sesión presencial coa autora.
Contamos coa colaboración da libraría Cartabón -Rúa de Urzaiz, 125- que aplicará o máximo do desconto legal para as persoas que queiran adquirilo. Tamén a nosa biblioteca disporá dalgúns exemplares.
As persoas interesadas en formar parte do Club anotádevos mediante o seguinte formulario:
Ditame do premio de tradución
O equipo da biblioteca Ramiro Fonte do IES Castelao acordou emitir o ditame que resolve o concurso organizado para celebrar tanto o Día Europeo das Linguas -que preserva a riqueza da diversidade lingüística de Europa e potencia a aprendizaxe de linguas- coma o Día Internacional da Tradución, que ten como obxectivo visibilizar a relevancia dos profesionais da tradución.
Queremos antes de nada salientar a alta participación nas dúas modalidades do concurso, pois foron case cincuenta as propostas recibidas.
Na modalidade da ESO resultou vencedor o cuestionario que subscribiu Daniela A. Madera Rivero (4º - B).
Na modalidade de Bacharelato concédense dous galardóns ex aequo que corresponden a Noelia Carollo Abelaira (2º Bac-D), polas súas traballadas versións, e a Cristina Otero Costas (1º Bac-C), pola orixinalidade das linguas escollidas.
Grazas a todo o alumnado por participar e ao profesorado que o animou.
Animádevos a seguir facéndoo.
Parabéns para as gañadoras!
Animádevos a introducir, nesta arrepiante boca que nos brinda Chus Ferrín, o relato dunha historia que teredes que atopar previamente na cuadrícula dalgún dos carteis do vestíbulo:
Arredor do 1º de novembro adoitamos ler na biblioteca relatos de terror. Fixémolo tamén este curso, como podedes ver nas imaxes.
Abrimos boca tamén, deste xeito, para que o alumnado se anime a participar no concurso de microrrelatos que axiña comezará.
Iniciamos este curso desde a Biblioteca celebrando varias efemérides para así festexar algunhas das linguas de Europa xunto coas súas literaturas. Porque…
O día 26 de setembro celébrase desde 2001 o DÍA EUROPEO DAS LINGUAS para preservar a riqueza da diversidade lingüística de Europa e potenciar a aprendizaxe de linguas, entre outras cousas. Por outra banda, desde 1991 o día 30 de setembro homenaxéase a san Xerome, patrón dos tradutores, no DÍA INTERNACIONAL DA TRADUCIÓN, coa fin de facer ver a importancia destes profesionais nun mundo cada vez máis globalizado.
Combinando ámbalas datas, propoñémosvos que vos fagades investigadores-tradutores por un breve tempo e participedes no CONCURSO da nosa biblioteca.
Hai dúas modalidades, unha para ESO e outra para BAC.
Na modalidade de tradución terase en conta, ademais da calidade, a orixinalidade das versións e tamén das linguas ás que se verten os textos.
O prazo de entrega remata o 8 de outubro
Animádevos!!
Participación nas XIII Xornadas dos Clubs de lectura
Desde a biblioteca convocamos nesta ocasión ao alumnado a recomendar unha lectura con motivo do Día do Libro.
Entre os máis de vinte participantes neste concurso, foron moitos os que argumentaron acertadamente e acompañaron dun fermoso deseño a súa recomendación.
No sorteo efectuado coa axuda da voz inocente de Naiara Gallego resultaron gañadores:
Na ESO: Taixa da Cunha da Silva, de 2º ESO-E, acompañada na imaxe pola súa profesora de Lingua Castelá Pilar Santos.
En Bacharelato: Mónica Fernández Alonso, de 1º Bac adultos B, na foto con Pedro Iturburúa, o seu profesor de Lingua Castelá.
Parabéns aos gañadores e a todos os participantes.
O grupo de lectura de 3º A e B leu na 1ª quincena de maio Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta de Ledicia Costas.
O texto, en xeral, gustou ao alumnado. Ana recomenda a súa lectura por ser moi entretido xa que conta sucesos con personaxes reais como Sanjurjo ou Jules Verne e fantásticos como o tema das mulleres planta. Que se desenvolvese a historia en Vigo e nas Illas Cíes tamén lle dá á historia un punto de realismo. Elisa sostén que a historia, ademais, está presentada como unha intriga ou misterio que se vai desenvolvendo ao longo da novela. Tamén hai emoción e sentimentos, di África, como o que sentiu ela co reencontro de Azucena coa súa filla.