Actividades e Concursos

Personaxes femininos da literatura

     As profesoras Carmen Rodríguez Cabanas e Sara Pérez Feijoo cedéronnos esta exposición sobre personaxes femininos na historia da literatura. Aproveitamos o seu xeneroso ofrecemento para celebrar o Día Internacional da Muller dando visibilidade a moitos personaxes se cadra non tan coñecidos como deberían.

     Gustaríanos que paseedes polos corredores do instituto para facer un percorrido por esa historia inzada de personaxes importantes. Logo, animámosvos a facer as actividades propostas e participar así no concurso que estará aberto ata o 26 de marzo.

     Entre os acertantes sortearanse dous vales (un para ESO e outro para Bacharelato) de 25€ para libros.

     Clica aquí para acceder ao cuestionario de bacharelato.

 

Concurso O Entroido na Galiza

          O día 7 de febreiro rematou o prazo para participar neste concurso sobre o entroido na nosa terra.

          Entre os acertantes resultou gañador por sorteo o alumno de 1º ESO-E

Adrián Alonso Quintas

Parabén!

 

Carriandola

          Carriandola, de  Aloysius e Simón Blanco

Estamos no ano 2020. Mais non no noso 2020. Nesta realidade alternativa, o mundo leva na escuridade 12 anos. Logo do grande apagón, a electricidade desapareceu, talvez para sempre. Galicia vive tempos convulsos, de medo, tebras e fanatismo. Mais algo está a piques de mudar nun recanto da Vía da Prata que se dirixe a Santiago. Mariña, unha nena especial, alérxica ás mentiras, vivirá unha inesperada aventura na procura da luz.

Esta abraiante viaxe foi seguida por un grupo de alumnos de 2º ESO C que nos dan a súa opinión sobre este fermoso texto.

Dúas moedas

Un grupo de alumnos de 2º ESO C  leu no1º trimestre  Dúas moedas, de Núria Tamarit. Na obra,  Mar, unha adolescente europea, viaxa a Senegal acompañando á súa nai, que traballa no proxecto de construción dunha biblioteca e unha emisora de radio nunha aldea  ao norte da rexión. Pronto se decatará  de que a metade da súa equipaxe eran tópicos, prexuízos e descoñecemento.

 Velaquí o que opinan sobre esta fermosa historia algúns dos alumnos:

Antía Álvarez Pillado:  “O que máis me gustou do libro foi a representación das persoas de África. Os medios de comunicación case sempre representan os refuxiados ou os de países de África como “pobres negritos” que necesitan axuda, pero o que necesitan, en realidade, é voz para contar o que pasa”

Mei You Falagan Mota: “O que máis me gustou foi o significado que se lle dá á historia da viaxe de Mar, a protagonista. Reflicte moi ben que, aínda que teñas moitas cousas non por iso vas ser máis feliz. É unha historia moi bonita!”

Lais Guimarães Paro Bellagamba: “O libro en xeral é moi bo e o feito de ensinar curiosidades sobre a forma de vida que leva a xente de Senegal e a súa cultura é fantástico e, dende o meu punto de vista, educativo”.

Emmanuella Obinyimkyina Otsiwah: “O que máis me gustou foi a trama e o colorido dos vestidos das mozas de Senegal e os debuxos en xeral. Gústame tamén a personaxe principal e a historial toda”.

Beleza vermella

 Beleza vermella           Arantza Portabales

En Santiago cométese un espantoso crime que, en realidade, semella unha obra de arte. Unha instalación de vangarda. A asasinada é a sobriña da máis importante artista galega, e a maneira en que aparece o cadáver semella un dos seus traballos de vangarda. Seis persoas, todas achegadas á vítima, son sospeitosas, porque todas poderían ter motivos para cometer o crime.

O grupo de lectura de 1º Bac A e B leu e comentou esta novela de A. Portabales.  En xeral, a valoración é moi positiva. Naiara comenta que o libro lle encantou, tanto que llo recomendou a súa nai. O que máis lle gustou son o ben que  están entrelazadas e desenvolvidas as distintas historias ata chegar ao desenlace. Mantén a intriga ata o final. A Pedro gustoulle especialmente como están tratados os personaxes, con tanto transfondo, e as relación  que se establecen entre eles,  de xeito que todos son posibles asasinos de Xiana, todos tiñan motivos e isto non se despexa ata o final. David cre que a autora logra darlle profundidade á trama porque non se centra só no caso de Xiana senón que tamén amosa a vida e preocupacións dos outros personaxes. A isto engádese o emprego de varios narradores, o  que dá varias perspectivas á historia.

Día de Rosalía

 

                                                    

A biblioteca do centro quere conmemorar un curso máis o Día de Rosalía, en lembranza do seu nacemento o 24 de febreiro de 1837.

No vestíbulo do centro verás unha  exposición coa súa cronobiografía.  Convidámosvos a participar no concurso convocado respondendo as preguntas que se fan sobre a nosa ilustre escritora.

Podedes participar ata o 7 de marzo.
Clica aquí para acceder ao cuestionario online do concurso.

Clica aquí para acceder á información de axuda.
Clica aquí para consultar o cuestionario (PDF)

22 segundos

Durante os meses de xaneiro e febrero, os grupos de lectura de 3º ESO A e B leron e comentaron  o libro «22 segundos» de Eva Mejuto. 

Esta novela relata, en primeira persoa, anacos da infancia e adolescencia dun mozo transexual que, desde os primeiros anos sabe –sen poñerlle etiquetas– que a súa identidade de xénero non coincide co sexo que lle asignaron ao nacer. 

En xeral, os alumnos consideran que o libro está escrito de forma sinxela e directa e que os atrapou dende o principio.  Consegue que empaticen con este colectivo discriminado dende sempre.

Concurso de Entroido

     Achegándonos ao Entroido, o alumnado de 2º de ESO do curso 2019/2020 preparou uns fermosos traballos coa súa profesora de Galego Liliana Carro nos que se recolle información e fotos sobre distintas celebracións das que se fan habitualmente por toda Galicia.
     Agora non podemos vivir o Entroido pero si coñecer algunhas das súas manifestacións.

     Os traballos están expostos no vestíbulo para que todos poidamos velos e quen queira opte a gañar un concurso respondendo as preguntas que se fan sobre eles.

     Pódese participar ata o 22 de febreiro!!

     Clica aquí para acceder ao cuestionario do concurso.

30 de xaneiro: Día da Ilustración, en lembranza de Castelao

     A proposta de grandes ilustradores de Galicia, establécese o Día da Ilustración en 2014 para promover esta área da cultura.

     A efeméride faise coincidir co aniversario do nacemento, o 30 de xaneiro de 1886, de Castelao.

     E... por certo, TI onde estudas (ou traballas)?

     Por iso, NÓS debémonos ilustrar sobre este home tan polifacético: debuxante, humorista e pintor pero tamén médico, político e escritor.

     Cada ano o Día da Ilustración xira arredor dun artista. Este ano homenaxéase a Lolita Díaz Baliño, a primeira muller que logrou ingresar, en 1938, na Real Academia de Belas Artes, xunto con María Corredoira. A Biblioteca Juan Compañel ofrece unha exposición de imaxes sobre ela, ata o 13 de febreiro. 

 

 Que sabes sobre Castelao? Resolve este enigma (clica nas imaxes):


 

Tamén podes resolver os seguintes pasatempos:


Distribuir contido