Durante os meses de xaneiro e febrero, os grupos de lectura de 3º ESO A e B leron e comentaron o libro «22 segundos» de Eva Mejuto.
Esta novela relata, en primeira persoa, anacos da infancia e adolescencia dun mozo transexual que, desde os primeiros anos sabe –sen poñerlle etiquetas– que a súa identidade de xénero non coincide co sexo que lle asignaron ao nacer.
En xeral, os alumnos consideran que o libro está escrito de forma sinxela e directa e que os atrapou dende o principio. Consegue que empaticen con este colectivo discriminado dende sempre.
Antía Martínez di que o libro lle pareceu moi bo, pois fala de moitos temas importantes e explica as situacións polas que teñen que pasar os transexuais, duras e inxustas, cheas de obstáculos, que lles pon a sociedade. O libro fai reflexionar sobre todo iso. O mesmo opina Antía Ledo, xa que se deu conta do mal que o pasan estas persoas que non se senten ben co seu corpo. A Sandra gustoulle moito porque cre que están ben reflectidos a inseguridade e o medo que ten unha persoa transexual antes de “saír do armario”. Daniel apunta, ademais, que o feito de estar narrado en 1ª persoa fai que te acabes poñendo na pel de Álex e comprendendo mellor estes casos. A Pedro pareceulle que, a pesar de que Xela vive un pesadelo, ao final é capaz de cumprir o soño que tiña de que todos o visen como un rapaz, coma el se sentía.