Blog de Biblioteca

Recreos de talentos

Como xa estamos rematando o curso, queremos deixarvos unha recompilación dos talentos que desenvolveron os/as nenos/as que participaron nos "Recreos de talentos" na biblioteca, os venres. Está claro que son uns auténticos/as artistas e que aprendemos moito grazas a eles/as. 

Se non fose pola súa participación isto non sería posible. 

Esperamos que vos guste!

VENRES DE TALENTOS 

Programa de radio polo Día Internacional do Fútbol Feminino de 5ºB

Taller de libro obxecto coa profe Rocío

A profe Rocío fixo un taller de "libro obxecto" con varias clases voluntarias do centro. A actividade consistiu e darlle unha nova vida aos libros de expurgo, facelos nosos e contar as nosas historias e vida neles tal como aprendeu do artista Pablo Otero nos seus obradoiros.

Na seguinte presentación pódese ver parte dalgún dos obradoiros así como algún dos libros elaborados e a presentación do proxecto na nosa feira do PDI "Todas e todos temos unha historia que contar".

obradoirolibroobxecto23-24

Aproveitamos para falar coas nenas e nenos de que é a creatividade e do novo proxecto da nosa biblio para este curso a Createca.

 

 

Oca colaborativa polo Día do Libro

Polo Día do Libro, ademais da charla con Montse Pena Presas para as familias (Lectura e familias) e a visita á Galiña Azul por parte do alumnado colaborador de 6º (Bibliotecas Solidarias) entre todas as aulas do centro elaboramos unha oca de libros. Cada clase escolleu unha historia e fixo preguntas sobre ela, agora está dispoñible para que poidan xogar todos e todas. 

Visita de Erica Esmorís

A escritora Erica Esmorís compartiu charla literaria co alumnado de 4º que leu o seu libro "Patio de luces", tamén asinou no noso libro de visitas e os libros do alumnado. Canto nos gustan estes momentos...

 

Talleres de historia na biblio

A biblioteca serviu de escenario para os talleres que fixeron o alumnado de 4º de EP baseados na prehistoria e na Idade Antiga. Aquí os tedes en pleno proceso creativo: construiron ferramentas do neolítico con plastilina, teceron nos teares, fixeron ourivería dos castros galegos, escribiron mensaxes ocultas cos xeroglifos da pedra Rosetta, fixeron traxes romanos e co Kapla recrearon construcións como teatros e anfiteatros. 

 

 

Contacontos de familias: O paraugas de cebra.

Durante estas semanas dúas mamás colaboradoras van vir contar contos ao alumnado de Educación Infantil, aquí as tedes nalgúns momentos do libro "O paraugas de cebra" coas clases de 4º (os máis pequeniños/as). Moitísimas grazas de novo pola vosa implicación e traballo! 

Estivemos presentes nas Xornadas dos Clubs de Lectura

A partir do minuto 24 a nosa charla sobre o club de lectura!

Charla con Isabel Dans (Lectura e familias)

Isabel Dans profesora da UDC estivo con nós para falarnos de familia e tecnoloxía. Foi unha conversa animada na que reflexionamos sobre a necesidade de educar no privado, no íntimo e no público. Isabel comparou a familia cunha árbore á que poder volver aínda que te equivoqes e tocou moitos outros temas de actualidade que nos preocupan a nais e pais (e mestres). Velaquí unhas imaxes deses momentos. 

Visita de Leticia Barbadillo ás Faragullas.

Leticia Barbadillo, autora do libro "A botella de lentellas" visitou aos nenos e nenas do Club de Lectura "Faragullas de papel". Tivemos unha conversa moi animada con ela, falamos sobre o autobiográfico que hai na súa obra e inventamos títulos para novas historias de lentellas (entre outras cousas). Moito diron de si estas sinxelas legumes!

Novo espazo da "Createca"

Inauguramos un novo espazo no centro: a Createca! Este lugar está pensado para traballar a literatura dende un punto de vista creativo unindo a lectura con outras artes como a pintura, a escultura, a ciencia, a costura e ata a cociña. Aquí vos deixamos unha explicación máis pormenorizada dos materiais e recunchos que poderedes atopar neste lugar situado do primeiro andar.

Presentación sobre Createca 

 

Renovación do espazo da radio

O espazo de Radio Pingüi foi renovado grazas ao premio recibido, no curso pasado, pola presentación no V Concurso de Podcast de Radio na Biblio. Grazas a este premio, mercamos unha mesa nova, unha cadeira para o/a técnico/a da radio, un letreiro de gravación e un casco novo. 

Deixamos unhas fotografías para que vexades o cambio!

Charla con Isabel Dans sobre educación dixital

O vindeiro día 8 de maio temos a sorte de contar na biblioteca do centro coa profesora de Universidade de Santiago de Compostela Isabel Dans. Vai vir compartir con nós a súa experiencia e darnos algunhas indicacións sobre os últimos estudos en educación dixital, búsqueda de información na rede, uso de dispositivos electrónicos e outros temas de interese para familias. Animádevos a participar!

Cartel conversa educación dixital de bibliosbardos Carral

Títulos mercados co premio do Club de Lectura

Velaquí podedes ver os títulos dos libros que mercamos e que foron propostos polas aulas de 4º, 5º e 6º. Aumentamos os nosos fondos bibliográficos grazas ao premio do Ministerio ao noso club de lectura "Faragullas de papel".

 

Lecturas con F... Na Galiña Azul!

O pasado 22 e 23 de abril, para conmemorar o Día do Libro, o alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria (16 nenos e nenas voluntarios/as) foron compartir contos e historias cos pequenos e pequenas da Galiña Azul. Pasamos uns momentos ben bonitos e entrañables na mellor das compañías e cun público do máis respectuoso e atento. Esta actividade está encadrada no programa Bibliotecas Solidarias do que formamos parte por primeira vez este ano. Foi unha experiencia para repetir!

Formación usuarios

Os nosos proxectos

  

            

  

Consello da Infancia


Feito con Drupal 6

 


Proxecto Webs dinámicas

ceip.vicente.otero@edu.xunta.gal - 881 880 446 - Carral - A Coruña