Blog de Biblioteca
Día Internacional da Poesía
Hoxe, 21 de marzo, celébrase o Día Internacional da Poesía. No centésimo aniversario da poeta Gloria Fuertes, que dedicou gran parte da súa obra ao público infantil, queremos aproveitar a ocasión para convidarvos a ler poesía. Na nosa biblioteca atoparedes libros da súa autoría e doutr@s poetas. Moitos versos para tod@s!
Día Internacional da Muller
O pasado 8 de marzo conmemoramos o Día Internacional da Muller. Desde a biblioteca, seleccionamos un conxunto de libros, que ao noso entender, contribúen a rachar con estereotipos sexistas, formando e educando na igualdade todos os días do ano. Deixámosvos cunha ilustración, Matrioskas, de Leandro Lamas, que preside o noso taboleiro.
Día de Rosalía de Castro
O pasado 24 de febreiro celebrouse o Día de Rosalía de Castro. Desde a biblioteca reivindicamos a súa figura coa exposición de breves textos da autora galega. Asemade, aproveitamos a ocasión para recomendarvos a lectura dalgúns libros coma este da editorial Tambre, Miña casiña, meu lar (que tedes dispoñible na biblioteca).
Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia
O pasado 11 de febreiro conmemorouse o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia. Desde a biblioteca do centro seleccionamos unha serie de contos ilustrados, da editorial ALBA, na que se destaca, entre outras, a vida e obra de protagonistas coma Marie Curie. Doutora en Ciencias e profesora na Universidade de París, foi a primeira persoa en recibir dous premios Nobel. Se queredes pescudar máis, animámosvos a tirar deste fío.
DÍA ESCOLAR DA NON VIOLENCIA E DA PAZ
O pasado 30 de xaneiro celebrouse no centro o Día Escolar da Non Violencia e da Paz. Esta data coincide coa morte de Mahatma Gandhi, referente mundial en prol dos dereitos humanos. Desde a biblioteca quixemos facer fincapé neste día a través dunha selección especial de libros sobre esta temática e coa exposición duns paraugas impregnados de noticias violentas, que nos convida á reflexión. Por conseguinte, a nosa mensaxe é clara e meridiana: as nosas armas sempre serán os libros. A lectura fainos libres, amig@s!