CURSO 3ºA 3ºB

A ESCOLA PÚBLICA EN BUEU. CHARLA DE ARTURO SÁNCHEZ CIDRÁS

Este blog fíxose eco durante  este curso de todas as actividades desenvolvidas arredor do 50 aniversario do nosos colexio.

 

Pero, como todo na vida, o mellor déixase para o final. Este martes, 31 de maio, O MESTRE DE MESTRES, Arturo Sánchez Cidrás, veu ao noso cole para transmitirnos o froito dunha rigorosa investigación sobre a escola pública en Bueu.

Esta investigación pronto verá a luz de forma gráfica grazas á publicación dun libro, do que amosamos imaxe da portada en primicia (co permiso do autor).

Estamos desexando poder lelo!

 

Imos tratar de facer un resumo da charla. Arturo contounos que antes de edificarse os colexios A Pedra de Bueu, Montemogos de Beluso e  Torre de Cela, a nosa vila estaba chea de pequenas escolas, nas que adoitaban estar separados os nenos das nenas.

 

Explicounos, por exemplo,  que non tiñan aseos e que se o alumnado tiña que facer a súas necesidades, ían de campo, aínda que as modernas xa poesían uns baños como os que está na foto.

Relatou que non tiñan cadernos porque o papel era moi caro, así que usaban pizarras na que se escribían cun pizarrín.  Máis tarde empezouse a escribir en papel con lapis de carbón ou con tinta e tinteiros, para o que eran imprescindibles as plumas de ganso. 

 

Arturo falounos da miseria na que se vivía e que, moitxs nenxs, non podían ir a escola porque tiñan que traballar. A maioría  ían descalzos. As escolas estaban ateigadas de rapazada de todas idades. Nunha escola podía haber máis de 100 alumnxs, que eran atendixs por un só mestre ou mestra. 

 O profesorado estaba moi mal pagado, e as mulleres cobraban moito menos que os homes. A educación que recibían as nenas tamén era diferente á dos nenos.

Non había vacacións. Había escola todos os días, os domingos ían as persoas adultas. Co tempo empezouse a descansar os xoves pola tarde.

Fíxonos concienciar da sorte que temos de ter a escola que temos.

Non temos palabras para agradecerche Arturo que compartas os teus coñecementos con nós! E sobre todo que o fagas con tanta amabilidade.

Debes saber que medramos xuntos e moi ben Na Pedra grazas en gran parte a ti!

QUERÉMOSTE MOITO!

 

 

 

 

OBRADOIRO DE IGUALDADE

O venres 20 de maio, o alumnado de 4º tivo a sorte de participar nun Obradoiro para educar en Igualdade e para a prevención das violencias machistas. Ana Isabel Otero, concelleira de benestar social e igualdade, inagurou esta actividade no CEIPP A Pedra, pretendendo levar a igualdade aos nenos e nenas, que son o presente e futuro. 

A empresa Lilandeiras, especializada en servizos de igualdade, é a encargada de impartir estes obradoiros polos centros educativos do Concello, que abordan diversas cuestións adaptados a cada nivel educativo.

No noso colexio o alumnado de 4º de primaria, participou nun titulado "Proxectando igualdade", para concienciar dos roles e estereotipos a través de películas, series e debuxos animados.

Marga foi a encargada de impartilo. Comezou con dúas curtas dos contos "Cambiemos el cuento" y "El prícipe Serafín" (describindo as súas personaxes principais e rompendo estereotipos)  e despois abriu un debate coa rapazada para comentar e analizar o seu contido.

Presentounos a Michele Mouton, primeira muller que gañou un rally en 1982, e foi moi significativo que ninguén oíra falar dela.

E para rematar falamos de películas significativas como: "Zootrópolis", "Brave", "Los increíbles", "Billy Elliot", "Srek", "Vaiana" e "Mulán", que rompen coa visión clásica de como se deben comportar as persoas de cada sexo, e axudan a entender que as persoas teñen que ter a súa propia identidade, e que deben ser o que queiran ser na vida.

Unha sesión verdadeiramente interesante para recapacitar sobre os estereotipos do pasado, do presente e que no futuro debemos loitar pola igualdade entre sexos e evitar que se sigan repetindo os roles que tan marcados estaban no padado.

 

           

SAÍDA AO RÍO BISPO E A PRAIA DA BANDA DO RÍO

O pasado xoves 19 de maio, fixemos unha saída didáctica pola Senda do río Bispo, para poder observar e estudar as flores silvestre que crecen a súa beira. Recollemos unha mostra de cada especie, para poder coñecer o seu nome científico e o seu nome común, e elaboraremos na aula un pequeno libro da flora silvertre que alí nace e crece. 

Cando baixamos polo sendeiro, tivemos a sorte de ver ao pato macho que vive no río. E cando subimos buscamos a pata e aos seus patiños recén nacidos, e tivemos a gran sorpresa de atopalos e poder gozar da súa presencia. Ademais pudimos observar unhas libélulas azuis que viven tamén alí, tamén chamadas comunmente "cabaliños do demo".

Ao chegar a praia da Banda do Río, despois de repoñer forzas co almorzo, o alumnado despregou a seu maxín e creatividade, para a elaboración de arte efémero, utilizando area, cunchas, rochas, paus, e outros materiais naturais que atoparon, para crear as súas propias obras de arte. E para conmemorar o 50 aniversario do colexio, non puideron faltar os diferentes Papirus que fixeron por grupos, traballando en equipo e colaborando, para conseguir os resultados tan marabillosos, que podedes ver no seguinte video.

Pasamos un día de aprendizaxe diferente e xenial!!!

 

           

OBRADOIRO DE SOPORTE VITAL BÁSICO

Como colofón final ao proxecto que o alumnado de cuarto, fixemos sobre a saúde no segundo  trimestre,  recibimos o pasado martes, 24 de maio, un curso obradoiro, sobre Soporte Vital Básico (SVB), da man de Iván Novas, enfermeiro de reanimación  coa axuda de Tere, estudante de medicina.

 

 

Iván tamén formou parte da comunidade escolar, pois é o pai dunha excelente exalumna,  Antía Novas, polo que a súa estadía enmárcase tamén dentro da conmemoración do 50 aniversario.

Unha serie de siglas axudarannos a entender todo o que aprendemos:

 

VOS: Se atopamos unha persoa no chan debemos Ver, Oír e Sentir para comprobar se está consciente  se respira.

 

PLS : Se está INCONSCIENTE pero SI RESPIRA, debemos proceder a poñer a vítima na  Posición Lateral de Seguridade para liberar a vía aérea.

 

RCP: Se ademais de estar INCONSCIENTE, NON RESPIRA debemos proceder a Reanimación Cardio Pulmonar. Para practicar, Iván trouxo dous bonecos, un dun neno e outro dun adulto.

OVACE: Tamén aprendemos como actuar se alguén ten unha Obstrución da Vía Aérea por Corpo Estrano. Quedounos claro que se tuse hai que animar a que siga tusindo, pero se non o fai e se asfixia debemos proceder á manobra de Hemlich.

Foi unha experiencia moi formativa. De xeito moi entretido practicamos, nin máis nin menos, como salvar a vida dunha persoa.

Moitísimas Grazas Iván, ten por seguro que este día ímolo lembrar sempre. Grazas tamén por ter tanta paciencia con nós.

 

Grazas tamén a Tere por volver compartir con nós os teus coñecementos.

Nestes vídeos podedes ver o moito que aprendemos e como practicamos e de paso tamén nos divertimos.

 

 

 

Visita de Lucía Novas.

Para seguir coa conmemoración do DÍA DAS LETRAS GALEGAS e co gallo da celebración do 50 ANIVERSARIO DO CEIP A PEDRA, o pasado xoves 19 de maio, tivemos a grandísima sorte de recibir no noso colexio a visita de Lucía Novas, poetisa bueuesa, que non voltara ao centro, dende que cursou aquí a educación primaria.

Estívonos contando moitísimas cousas de como ela lembraba o seu paso polo cole, o que cambiara. Respondeu ás preguntas do alumnado de 4º A e B, que con entusiasmo prepararon, para averiguar máis sobre a súa experiencia e os seus anos de infancia.

Logo a rapazada tamén lle fixo preguntas sobre a súa obra, que ela respondeu moi amable e risueña. Falounos dos catro libros que ten publicados: "Neve", "Epiderme de Estío", "Cervatos" e "Violetas no asfalto", que recollen poemas moi fermosos, e tivemos a sorte de poder escoitar algúns da súa boca, como agasallo a esta visita tan fantástica.

Foi xenial compartir un mesmo espazo con alguén que xa o fixo hai algúns anos, e relembrar momentos estupendos vividos no lugar onde agora están a desenvolver a súa aprendizaxe as novas xaracións. Sairá de aquí algún poeta ou algunha poetisa? Quen sabe! Tempo ao tempo.

Grazas por todo Lucía Novas, e grazas á nosa rapazada de 4º pola súa activa participación neste rato tan agradable que pasamos.

            

 

CONMEMORACIÓN DO DÍA DAS LETRAS GALEGAS

O pasado venres 13 de maio, conmemoramos o DÍA DAS LETRAS GALEGAS, adicado este ano a Florencio Delgado Gurriarán. Estivemos anteriormente participando no concurso do colexio, respondendo a preguntas sobre a súa vida e obra, e facendo outras actividades relacionadas co escritor, ademais de elaborar un mural conxunto co resto do alumnado do centro, no que participamos todos os cursos.

Despois do recreo volvemos a estar xuntos, pero non revoltos: recitamos poemas de Florencio, cantamos a canción do 50 aniversario do colexio, cantamos o himno galego e algúns ata tocaron a frauta. Gozamos moitísimo de estar de novo xuntos celebrando este día tan especial para a nosa lingua. 

                     

                     

                     

                       

                     

                     

 

 

Feliz Día das Letras Galegas un ano máis!

ANDAINA POLA CONTORNA CON ARTURO SÁNCHEZ CIDRÁS

Canto temos que agradecerlle a Arturo! A admiración por este gran mestre é infinda! Aparte de ser unha enciclopedia andante é unha belísima persoa, sempre disposto a axudar e a acudir ás nosas demandas.

Este martes, 3 de maio, o alumnado de cuarto, tivemos a sorte de saír pola nosa vila, baixo a súa batuta. O obxectivo era observar os ecosistemas de río e costa (perfecto para o último proxecto deste curso), visitar algún lavadoiro ou fonte ( colofón ao proxecto da auga do trimestre anterior) e coñecer parte da historia de Bueu.

Antes no cole díxonos que íamos ir por lugares que, aínda que xa coñeciamos, iamos ver, oír e incluso ulir sensacións que antes non apreciaramos.

Empezamos por percorrer a beira do río Bispo. Observamos cal era a vexetación da contorna e falamos da fauna. Escoitamos algún merlo cantar.

Despois andamos pola vila, lavadoiros , xardíns, salga do museo Massó …

Chegamos ás praias, primeiro a de Petis, logo a de Loureiro, onde merendamos; e rematamos na de Agrelo. Observamos as algas, as rochas, caranguexos, caramuxos, gaivotas, lapas, …

Neste vídeo poderedes ver imaxes deste día tan entretido e instrutivo.

 

 

MILLÓNS DE GRAZAS ARTURO

 

 

CONMEMORACIÓN DO DÍA DO LIBRO 23 DE ABRIL.

Co gallo da conmemoración do día do libro, o alumnado de 4º B, estivo elaborando unha chea de relatos e contos nos seus diarios. Todo isto que co seu maxín e creatividade crearon, quixemos compartilo, convertíndoos en audiocontos, que fomos a grabar a radio. Foi unha semana chea de letras, arte e literatura para conmemorar ese día tan importante, e cunha data tan sinalada no calendario como é o DÍA DO LIBRO, que cada 23 de abril celebramos.

"Un libro é unha proba de que os seres humanos son quen de facer maxia" Carl Sagan.

A continuación podedes escoitar o resultado final do traballo tan bo que fixeron os rapaces e rapazas.

 

 

DÍA DO LIBRO 2022: VISITA DE SABELA NÚÑEZ SINGALA

O alumnado de 4º celebramos  O DÍA DO LIBRO recibindo a vista de Sabela Núñez Singala, autora de O AGASALLO DE ANYA.

Tiñamos moitas ganas de coñecela porque o libro, non só nos gustou, nos REQUETEENCANTOU.

O máis importante é que nos fíxo reflexionar, e que rabuñou nas  nosas entrañas ao comprobar que a vida de moitxs nenxs é moi difícil e que nós temos, moitísima sorte de vivir onde vivimos.

O agasallo de Anya  trata da vida dunha nena de UCRANIA. Cando lle pedimos este libro aos Reis Magos, non sabiamos que ía a haber unha guerra, pero pouco antes de comezalo a lelo estalou, así que a nosa motivación foi aínda maior.

Sabela contounos que escribiu este libro porque ela estivo alí, xa hai 10 anos e que coñeceu á rapazada que vivía nos orfanatos e que comprobou que a pesar de faltarlle moitas cousas que nós temos, eran felices.

Agora está moi preocupada por esta maldita guerra que están sufrindo.

Sabela contestou a todas as nosas preguntas e asinou e dedicou os nosos exemplares do libro.

Ao final agasallámola co lapiseiro do 50 aniversario.

 

 

Se pinchades aquí para ver o que Sabela publicou no seu blog, desta visita ao noso cole.

No seguinte vídeo poderedes ver imaxes desta visita.

 

 

VISITA DE Mª VITORIA OGANDO VARCÁRCEL E ANXO GONZÁLEZ GUERRA

 

Que mellor forma de comezar este primaveral mes de abril, que recibir a vista destas dúas persoas tan importantes para a nosa lingua!

Vitoria e Anxo son a avoa e avó de Aldán, alumno de 1º de primaria do no noso cole, e aínda que ese é un título que lle fai sentir moi orgullosxs, non viñeron visitarnos por iso, senón porque son os autores da páxina web OGALEGO.EU,  que contén infinidade de recursos de LINGUA E LITERATURA GALEGA. Clicando no seguinte enlace poderedes acceder.

https://www.ogalego.eu

Ambxs colaboran, de xeito moi activo, tamén na GALIPEDIA, que é como poderedes imaxinar, a wikipedia en galego. Igualmente clicando no seguinte enlace poderedes acceder: 

https://gl.wikipedia.org/wiki/Portada

Contáronnos moitas anécdotas da súa vida, pero sobre todo nos falaron do amor pola lingua galega. Tanto Vitoria como Anxo foron mestres de galego en instiitutos de Pontevedra.

Anxo contounos, que actualmente tamén colabora no programa LUAR da TVG, facendo, precisamente de mestre.

Ao final da charla, agasallámolos co vaso conmemorativo do 50 aniversario do noso colexio.

Estas fotos recollen algún dos agradables momentos vividos este pasado venres.

 

Un auténtico pracer coñecervos!

Distribuir contido