Visita de Lucía Novas.

Para seguir coa conmemoración do DÍA DAS LETRAS GALEGAS e co gallo da celebración do 50 ANIVERSARIO DO CEIP A PEDRA, o pasado xoves 19 de maio, tivemos a grandísima sorte de recibir no noso colexio a visita de Lucía Novas, poetisa bueuesa, que non voltara ao centro, dende que cursou aquí a educación primaria.

Estívonos contando moitísimas cousas de como ela lembraba o seu paso polo cole, o que cambiara. Respondeu ás preguntas do alumnado de 4º A e B, que con entusiasmo prepararon, para averiguar máis sobre a súa experiencia e os seus anos de infancia.

Logo a rapazada tamén lle fixo preguntas sobre a súa obra, que ela respondeu moi amable e risueña. Falounos dos catro libros que ten publicados: "Neve", "Epiderme de Estío", "Cervatos" e "Violetas no asfalto", que recollen poemas moi fermosos, e tivemos a sorte de poder escoitar algúns da súa boca, como agasallo a esta visita tan fantástica.

Foi xenial compartir un mesmo espazo con alguén que xa o fixo hai algúns anos, e relembrar momentos estupendos vividos no lugar onde agora están a desenvolver a súa aprendizaxe as novas xaracións. Sairá de aquí algún poeta ou algunha poetisa? Quen sabe! Tempo ao tempo.

Grazas por todo Lucía Novas, e grazas á nosa rapazada de 4º pola súa activa participación neste rato tan agradable que pasamos.