O pasado 16 de outubro o IES de Vilamarín acolleu o "Encontro Bioceánico hispano-latino de Gastronomía", ENBHIGA. Un encontro internacional que reuniu a grandes cociñeiros, tour operadores, medios de comunicación e docentes nacionais e internacionais.
O equipo docente dos departamentos de Hostalaría e Turismo, Industrias Alimentarias e Agraria xunto co alumnado dos ciclos de Cociña e restauración; Actividades de panadaría e pastelaría; Cociña e gastronomía; Servizos en restauración; Xestión de aloxamentos turísticos; Panadaría, repostaría e confeitaría; Dirección de cociña; Dirección de servizos de restauración; e Xardinaría e floraría foron os encargados da organización deste evento no IES de Vilamarín.
O alumnado encargouse da decoración dos espazos, recepción de convidados, impresión de toda a documentación do evento, presentación e organización do panel de expertos, así como da elaboración e servizo do cóctel posterior na aula restaurante do centro.