Seis centros galegos de Formación Profesional das familias de Hostalaría e Turismo e de Industrias Alimentarias participaron na 22º Edición do Salón de Alimentación do Atlántico, Salimat Abanca 2018, onde ofreceron degustacións e realizaron actividades e demostracións dos servizos e produtos innovadores que se están a realizar nos centros educativos de Formación Profesional de Galicia.
O xoves 7 de xuño, primeiro día do Salimat Abanca 2018, o CIFP Carlos Oroza (Pontevedra) mostrou o seu proxecto PonteVan: A Formación Profesional na rúa, ofrecendo ás persoas visitantes degustacións de bocadiños "Mareiro" e "Corral".
Durante a mañá do venres 8 de xuño, o alumnado do CIFP Paseo das Pontes (A Coruña) pertencentes ao ciclo básico de Arranxos e reparación de artigos téxtiles e de pel e ao ciclo básico de Aloxamento e lavandaría, realizou demostracións de elaboracións de marroquinaría e de pregado artístico de toallas e panos de mesa, respectivamente. Xa pola tarde, o IES Fraga do Eume (Pontedeume) realizou varios obradoiros de elaboración de cervexa artesá.
O sábado, o IES Lagoa de Antela (Xinzo de Limia) foi o encargado de ofrecer aos visitantes catas comentadas de queixos peculiares de Galicia e mostrar as propiedades gastronómicas e nutricionais das estrugas.
O ultimo día de celebración do evento, o domingo 10 de xuño, o IES de Sabón (Arteixo) realizou varios showcookings de Aperitivos salgados gourmet para eventos e de Sobremesas miniatura gourmet, con elaboracións realizadas polo alumnado do ciclo básico de Cociña e Restauración do centro. Por outra banda, o IES de Vilamarín realizou tres pases da súa actividade Túnel dos Sentidos, onde os visitantes puideron descubrir novas especias alimentarias e como usalas para a elaboración de pratos e sobremesas.
Como apoio ao persoal da Consellería e aos distintos centros participantes no Salimat 2018, contouse coa colaboración do alumnado do ciclo formativo básico de Servizos comerciais e do ciclo superior de Xestión de vendas e espazos comerciais do IES Plurilingüe Pintor Colmeiro de Silleda.