Novas da Rede

Xantar de peche do proxecto de innovación "A nosa camelia, tan curiosa como saborosa"

O CIFP Carlos Oroza celebrou o 15 de marzo de 2018 un xantar para pechar o proxecto de innovación educativa "A nosa camelia, tan curiosa como saborosa", que comezou a desenvolverse fai dous anos.

O peche consistiu nun xantar ofrecido polo alumnado do 2º curso do ciclo medio de Cociña e gastronomía e capitaneado nos talleres de cociña do centro por Iñaki Bretal, chef do Eirado da Leña e Grupo Nove e colaborador do proxecto.

O menú deseñado para a ocasión, que tivo como ingrediente en todas as elaboracións a camelia, foi o seguinte:

  • Cóctel de cervexa con vermú
  • Trío de afumados con pola de camelia
  • Foie aromatizado con pétalos "High Fragrance"
  • Pescada en papillote coa fragancia de Dazzler
  • Sorbete de vermú de camelia
  • Lingote de tenreira galega con escamas de sal Chojiguruma
  • O xardín do Oroza: Bavaroise de chocolate, cítricos e camelia rosada
  • Xeado de nata con chispas de camelia "Fragrant Pink"

Con este orixinal xantar, púxose un punto e seguido a este proxecto, que foi premiado na modalidade A da Convocatoria 2017 de premios para o desenvolvemento de proxectos de innovación tecnolóxica ou científica e proxectos de innovación didáctica no ámbito da Formación Profesional en centros públicos dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

O proxecto xurdiu coa intención de explorar a camelia, elemento identificador dunha parte de Pontevedra, noutros eidos, aumentando as súas posibilidades como recurso económico e de fomento do emprego.

O eido gastronómico está sendo traballado polo alumnado do CIFP Carlos Oroza, convertendo as diferentes partes da camelia nun ingrediente para diferentes tipos de elaboracións. Coa idea de que os turistas que visiten as Rías Baixas poidan levar como recordo algún produto gastronómico, ideáronse unhas pastas de té, que levan camelia Chojiguruma e Narumigata, e unhas nubes, que levan como ingrediente a camelia Dazzler.

Este proxecto, no que colaboran tamén o CIFP A Granxa e o IES Montecelo, seguirá explorando as posibilidades da camelia en produtos como a sal ou a cervexa, elaboracións gastronómicas con camelia adaptadas ao "streetfood" para presentarse no vehículo de comida na rúa PonteVan, e envoltorios e formatos adaptados para presentar cada tipo de produto. Ademais, presentarase unha guía turística de itinerarios sobre a camelia para nenos, “Aventuras guiadas coa nosa cameliña” e deseñaranse novas actividades coa camelia adaptadas para persoas con diversidade funcional.