O chef Martín Berasategui presidiu os actos do 50 aniversario do CIFP Compostela, a escola de Hostalería de Lamas de Abade na que tantos profesionais completaron a súa formación. O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, lembrou o carácter precursor do centro compostelán, cuxo proxecto pedagóxico encaixa á perfección co modelo profesional que se está a impulsar desde Galicia. Por este centro pasaron importantes profesionais galegos, nove dos cales teñen estrelas Michelin.
Durante a xornada, procedeuse tamén á inauguración do viveiro de empresas do centro, que comezará a funcionar nos próximos días coa finalidade de asesorar ao alumnado para a creación de empresas. O viveiro dispón de tres espazos para emprendedores e unha sala de reunións. Amosouse tamén a reforma dos talleres de cociña acometida nos últimos meses.
Os actos programados polo 50 aniversario do CIFP Compostela continuarán durante os meses de abril, maio, outubro e novembro, coa celebración de talleres de cociña en directo e mesas redondas onde se abordarán temas tan variados como as novas tecnoloxías aplicadas á gastronomía, a impresión 3D, o márketing ou a intermediación en hostalería, entre outros.