Novas da Rede

Presentación de Formados e Profesionais. FP Hostalaría

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, reuniuse hoxe cos directores dos oito centros que compoñen a Rede galega de Formación Profesional de Hostalaría para presentarlles o programa "Formados e profesionais. FP Hostalaría", co que o seu departamento busca visibilizar o traballo que alumnado e profesorado desenvolve arredor destas ensinanzas.

A iniciativa desenvolverase nestes oito centros mediante encontros aos que serán convidados xornalistas e blogueiros. O obxectivo é aproveitar as oportunidades da internet e da prensa para dar a coñecer o traballo que se desenvolve nestes centros, coa mirada posta nunha experiencia previa de éxito, o Bloguer Day realizado co gallo da exposición Con-Fío en Galicia. Naquela ocasión, o encontro de máis de 100 blogueiros do sector xerou uns 600 posts e máis de 1,2 millóns de impresións no marco da exposición da moda e téxtil galegos.

Actividades

"Formados e profesionais. FP Hostalaría" desenvolverase de forma secuencial ata fin de curso, cun encontro en cada centro. Neles, ofrecerase un almorzo, un aperitivo e unha comida elaborada polo alumnado do centro, farase un percorrido guiado e realizarase un coloquio entre todos os participantes na sesión. Ademais, haberá un showcooking a cargo dun chef, que podería ser incluso ex-alumno do propio centro no que se desenvolva.

Polo tanto, búscase amosar as instalacións e recursos que teñen os principais centros de FP galegos de Hostalaría, que se fai neles e, da man dos chefs convidados, a onde se pode chegar tras cursar estes estudos.

Presentación de Formados e Profesionais
Presentación de Formados e Profesionais
Presentación de Formados e Profesionais
Presentación de Formados e Profesionais