O CIFP Carlos Oroza celebrará o xoves 16 de marzo o IV Campionato de Sumillería “Suso Domínguez” co obxectivo de por en valor o servizo de sala, o mundo do viño e a formación nas escolas públicas de hostalaría e turismo.
O campionato dará comezo ás 9 horas, coa primeira proba, un cuestionario específico sobre a DO Monterrei, que os participantes realizarán nunha das aulas do centro. A segunda proba tamén será desenvolvida no centro, a identificación de olores, nez du vin 54 aromas.
O concurso, dedicado nesta edición aos viños da DO Monterrei, continuará a partir das 12 horas no auditorio da Cidade Infantil Príncipe Felipe, a onde se trasladará todo o alumnado do centro, colaboradores e autoridades convidadas para dar paso á identificación dun viño da DO Monterrei entre 5 referencias dadas. Posteriormente cada participante realizará unha proba de decantación tipo aireado co que rematarán a súa participación no concurso.
O xurado encargado de decidir o campión de sumillería estará presidido, como en edicións anteriores, por Xoan Cannas, director do Instituto Galego do Viño. Tamén forman parte do xurado, Luis Miguel López Nuñez (Director Técnico da DO Monterrei); José Soto (director da área de restauración do Casino A Toxa), e Xosé Gontá e Martiño Santos (propietarios da tenda de viños Vide Vide de Santiago).
Haberá unha demostración de corte de xamón a cargo de José Manuel Míguez, da Bodeguilla de Santa Marta de Santiago, gañador do Concurso Nacional de Cortadores de Jamón 2015, e una demostración de coctelería a cargo de Carlos Abilleira, campión galego de coctelería flair en 2016.
O punto e final á xornada no auditorio será a entrega de premios ao gañador, e o discurso das autoridades convidadas. Posteriormente celebrarase un xantar cun Túnel do Viño con referencias da DO Monterrei.