O CIFP Carlos Oroza desenvolveu na Praza de Galicia, a Praza da Ferrería e a rúa Frei Tomás de Sarria de Pontevedra, a actividade “A nosa camelia: tan curiosa como saborosa”, na que alumnado e profesorado do centro amosou aos viandantes pontevedreses as curiosidades relacionadas coa “camelia” e ofreceulles unha degustación de elaboracións realizadas coa camelia como ingrediente. Estas elaboracións foron nigiri de vieira con aceite e pétalos de camelia, realizada polo 1º curso do Ciclo Superior de Dirección de Cociña, follas de camelia fritidas e recheas con chantillí, realizadas polo 1º curso do Ciclo Medio de Panadaría, Repostaría e Confeitaría, e té de camelia con aroma de amorodo e pétalos de camelia deshidratados e azucarados, realizado polo 1º curso do Ciclo Medio de Servizos en Restauración.
Tratouse de amosar elaboracións denominadas ‘xapogalegas’ por ser platos híbridos con produtos orixinarios tanto do Xapón como de Galiza: arroz, vieira, camelia… Decenas de persoas achegáronse a coñecer a qué sabe a camelia, sendo a súa reacción moi positiva, sorprendidos polas elaboracións preparadas polo alumnado do CIFP Carlos Oroza.
A esta cita tamén acudiron usuarios da asociación Xoán XXIII e da Once, que atoparon material adaptado ás súas discapacidades físicas e intelectuais para coñecer estar curiosidades da camelia