O Patronato de Turismo Rias Baixas, desenvolveu en Madrid a presentación da campaña “62 razóns para visitar as Rías Baixas”. A esta presentación, na que se incluía un menú degustación, estaban convidados máis de 50 turoperadores, axencias de viaxes e guías e revistas de viaxe especializadas. O evento realizouse en Atlántico Casa de Comidas do chef pontevedrés Pepe Solla, e nel participaron tanto alumnado do CIFP Carlos Oroza como do CIFP Manuel Antonio.
O CIFP Carlos Oroza estivo representado por dous alumnos de CS de Dirección de Cociña de FP Dual e o profesor Francisco Rodríguez, que prepararon para os convidados unha sobremesa totalmente galega, consistente nunha tarta de queixo San Simón con mousse de marmelo e redución de licor café, adornado con flores de cultivo ecolóxico galego e bolacha rota con aceite de camelia. Por outra banda o alumnado do CIFP Manuel Antonio, acompañado do profesor Jorge Táboas, axudaron na montaxe do evento e fixeron o apoio ao servizo no restaurante.