O CIFP Carlos Oroza de Pontevedra ven de participar nun evento celebrado en Oviedo o 23 de outubro no Hotel de la Reconquista en honor aos galardonados dos Premios Princesa de Asturias 2015.
O cometido do centro foi colaborar co persoal do hotel na elaboración e servizo dun menú tipo buffet para os 600 convidados que asistiron ao evento, entre eles os Reis de España, os premiados desta edición e das anteriores, personalidades do mundo da cultura, arte, deporte, da empresa e da política.
Participaron 50 alumnos dos ciclos superiores de formación profesional dual de dirección en cociña, dirección en servizos de restauración, e dos ciclos superior de dirección en servizos de restauración e ciclo medio de servizos en restauración. O alumnado foi titorizado por cinco profesores do centro e supervisados polo persoal do hotel.
Con esta é a segunda vez consecutiva que o centro participa neste evento de alto nivel e de recoñecemento social. A entrega dos Premios Princesa de Asturias está considerado como un dos actos culturais máis importantes da axenda internacional.
A actividade complementaria a formación desenvolveuse a través dun convenio de colaboración asinado entre o centro educativo e a cadea hoteleira Eurostars pertencente ao grupo empresarial Hotusa Hotels. Esta empresa esta a colaborar en tres proxectos de formación profesional dual para os ciclos superiores de dirección en cociña, dirección en servizos de restauración e xestión de aloxamentos turísticos.
O Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e os directivos da empresa felicitaron ao alumnado e profesorado, ao mesmo tempo que lles recoñeceron o valor do esforzo e do compromiso co traballo ben feito.