O arrecendo dos caldos e pratos preparados nas dúas xornadas, a paixón pola interpretación dos nosos recursos vitivinícolas, e a profesionalidade amosada por todo o alumnado colaborador e partipante no 2º Campionato de Sumillería Suso Domínguez, fixeron da cerimonia que reuníu a profesorado e alumnado de toda Galicia e norte de Portugal, unha xornada que quedará para a memoria.
Nela houbo espazo para probas tan variadas como un test da DO Ribeiro, patrocinador nesta edición do certame, a identificación de olores e sabores dos caldos realizada no auditorio da Cidade Infantil Príncipe Felipe, baixo os focos, e coa silenciosa atención do público congregado para a ocasión.
Como xurado na competición estiveron o director do instituto galego do Viño, Xoán Canas, o presidente dos baristas de Galicia Augusto Morales, e en representación de Chivas Regal, José Soto.
Os gañadores foron:
- en primeiro lugar Sebastián Greenhalgh do CIFP Paseo das Pontes da Coruña,
- segundo posto, Diego Pastrana da ESENGRA, e
- en terceiro lugar Daniel López do IES San Xillao, de Lugo
Os tres gañadores recibiron unha bolsa de estudos para cursar o máster en sumillería no Instituto Galego do Viño e unha estadía nun hotel da cadea hoteleira Hotusa-Eurostars Hotels. Para entregar os premios acudiron o conselleiro de educación, Román Rodríguez, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, o presidente da deputación provincial, Rafael Louzán, e Xoán Canas do Instituto Galego do Viño, César Pérez Ares, delegado territorial de educación, José María Fonseca de Terras Gauda e Enrique Camiñas da cadea de hoteis Eurostars.