Skip to Content

OBRADOIRO PARA AS FAMILIAS: INSCRICIÓN ATA O LUNS 30 DE XANEIRO

O pasado mércores, 18 de xaneiro contamos coa presenza de Carmen Sarmiento que deu unha charla dirixida ás familias: Ante o conflito: loita ou conexión.  

Quedamos moi compracidos e agradecidos de escoitar da importancia dun cambio de visión con respecto a conflitividade, procurando a conexión. Nas próximas semanas faremos uns obradoiros para familias que serán os seguintes mércores de 18:00 a 20:30 na Biblioteca do centro: 1, 8, 15 de febreiro e 1 de marzo.  

AS FAMILIAS PODEN APUNTARSE ATA O LUNS 30 DE XANEIRO ENVIANDO UN CORREO A inesiglesias@iesxoanmontes.gal

 

Carmen

Charla "Ante o conflito loita ou desconexión". Marta Coria. CC BY-SA

Diego As no IES Xoán Montes

No IES Xoán Montes empezamos o novo ano 2023 con actividade!

A AMPA organizou un encontro con Diego As, o autor do mellor graffiti do mundo. Alumnado, familia e profesorado tivemos a ocasión de coñecer a traxectoria deste recoñecido artista da cidade. Nunha conversa distendida á par que emocionante, Diego compartiu con nós momentos dos seus comezos durante a infancia enchendo cadernos de cores, da súa adolescencia na que reafirmou a súa paixón por esta técnica e o período de madurez artística no que se atopa. 

Puidemos coñecer da man do protagonista os detalles do mural de 20 metros de Julio César que está tan próximo ao noso centro: o proceso de deseño e bocetaxe, as xestións burocráticas, a preparación do muro, marcaxe de volumes, cores, orzamentos, tempos, mantemento e durabilidade da obra e... o prestixio internacional acadado!

Moitas grazas Diego por achegarte a pasar un tempo con nós, ao tempo que nos achegas á arte urbana da nosa cidade e, sobre todo, por facelo dun xeito tan próximo e xeneroso.

Diego As voz Galicia
 Diego As no IES Xoán Montes. Marta Coria. CC BY-SA-NC Julio César. Óscar Cela en La Voz de Galicia

DESPEDIMOS O 2022, ANO DO 50 ANIVERSARIO DO IES XOÁN MONTES

Dicimos adeus ao ano 2022 no que conmemoramos o 50 aniversario do noso instituto!

A semana pasada tivemos a ocasión de confraternizar con profesorado xubilado que "voltou ás aulas" por un día e intercambiou experiencias co alumnado sobre o centro. Ao finalizar a xornada no ximnasio desfrutamos dun vídeo dos primeiros anos do IES Xoán Montes para despois facer unha homenaxe á nosa compañeira Carmen Tizón.

video

Celebración 50 aniversario. Marta Coria. CC BY-SA

BO NADAL

Dende o Equipo de acollida queremos cultivar o agradecemento e a xenerosidade no noso alumnado. É por iso que organizamos por segundo ano o envío de postais de nadal a profesorado de primaria e do propio centro. Moitas grazas ao noso carteiro oficial Gerardo que levou a cabo a ruta de reparto coa máxima eficiencia.  

Ademais, agasallamos citas literarias ao profesorado, persoal e alumnado do centro.

Bo nadal de parte da comunidade educativa do IES Xoán Montes!

postais citas


Accións de Nadal do Equipo de Acollida
. Inés Iglesias. CC BY-SA

O Nadal de 3°B: casas cheas de cualidades

Cada casa simboliza cada alumno e alumna da clase. No seu interior están escritas as cualidades que recoñecen en si mesmos e que os demais ven neles. As cualidades como ladrillos que constrúen a nosa identidade.

foto casitas

Casiñas de cualidades de 3ºB. Inés Iglesias. CC BY-SA

Xa chegou o Nadal ao IES Xoán Montes!

O tempo pasa moi rápido e xa chegou o nadal ao instituto. Aproveitamos a hora de titoría de 3ºESO para decorar a aula REUTILIZANDO periódicos atrasados e cada alumno e alumna elaborou unha bola con refugallos.

Os nosos mellores desexos para estas festas de Nadal e para o novo ano 2023! 

foto nadal

3ºC no Nadal. Marta Coria. CC BY-SA

Exposición SEN CANCELAS

Contamos coa oportunidade de ter dende o 14 de decembro ao 9 de xaneiro no IES Xoán Montes a exposición itinerante SEN CANCELAS. MEMORIAS DO ARCO DA VELLA EN GALICIA, organizada polo Consello da Cultura Galega e a Consellería de Emprego e Igualdade. Trátase dunha exposición itinerante que fai un percorrido histórico e conceptual sobre a diversidade sexual e de xénero para visibilizar a súa realidade e a súa loita pola igualdade de dereitos, esencial para construir unha sociedade libre e plena.

Dende o Equipo de Acollida queremos traballar en prol da inclusión de toda a diversidade e creemos que, como sociedade plural que somos e para sentirnos completos, é beneficioso plantar sementes de respecto e tolerancia na nosa comunidade educativa.

Portada da exposición. Senén Olano.

Podes consultar máis fotografías da exposición premento aquí.

ANPA organiza un taller de RCP para familias e profesorado

ANPA do IES Xoán Montes orgainzou este martes 13 de decembro un taller de Reanimación CardioPulmonar (RCP) para familias e profesorado.

Dr. Juan José López Díaz do Servizo de Urxencias do HULA explicou de forma moi clara e a mena os protocolos da RCP e guiou aos asistentes na parte práctica das 100-120 compresións por minuto. 

Ademais de ver como funciona un desfibrilador automático, lembramos a importancia conducta PAS: Protexer, Avisar e Socorrer.

A RCP trátase dunha técnica sinxela que pode salvar vidas e que todas as persoas debemos coñecer. 

A comunidade educativa agradece á ANPA a organización de formacións tan valiosas como esta.

desa foto
Práctica de RCP. Marta Coria. CC BY-SA

Contamos un conto ao alumnado de educación infantil do CEIP Quiroga Ballesteros

Recentemente o alumnado de 3ºESO de Oratoria do IES Xoán Montes levou a cabo unha fermosa actividade: contar dous contos aos alumnos de educación infantil do CEIP Quiroga Ballesteros

Os rapaces e rapazas puxeron en práctica todo o aprendido ao longo da 1ª avaliación na materia de Oratoria para contarlles dous contos aos máis pequeniños do colexio. O agradecido público recibiu a visita con moita ilusión, polo que agardamos se poida repetir en futuras ocasións. 

foto foto
foto foto
                                     Oratoria no CEIP Quiroga Ballesteros. Silvia Carballido. CC BY-SA

25N DIA INTERNACIONAL DA ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA CONTRA A MULLER

A Organización das Nacións Unidas (ONU) publicou os seguintes datos a nivel mundial en relación á violencia de xénero que nos deben facer reflexionar sobre que está fallando na nosa sociedade:

  • 1 de cada 3 mulleres sufriu, sufre ou sufrirá algún tipo de violencia de xénero
  • Cada 11 minutos, unha muller ou nena morre asasinada por un familiar. 

Un ano máis, dende o IES Xoán Montes, decidimos visibilizar a gravidade deste problema estrutural que nos afecta a todos e a todas.

Hoxe, 25 de novembro ás 12:00 horas, interrompemos a nosa rutina diaria, para gardar un minuto de silencio en recordo das vítimas de violencia de xénero apoiando así a iniciativa do Observatorio Galego da Violencia de Xénero.

25n

Minuto de silencio. Inés Iglesias. CC BY-SA

Distribuir contido


by Dr. Radut